UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

UGT e CCOO convocan manifestacións en toda Galicia

Santiago, 26 de abril de 2022.- O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto á secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 1º de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade”.

Así, o secretario xeral de UGT-Galicia destacou que este 1º de Maio vai ser unha data para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas.

Fixo fincapé en que a celebración deste 1º de Maio no pode escapar ó contexto, empañado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ó sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra. Neste senso, manifestou a solidariedade do Sindicato con todos eles e con moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución.

Destacou a bagaxe positiva coa se concorre a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación. E, precisamente, isto debe animar ós galegos e galegas a saír ás rúas para defender o conseguido.

Pero a cara negativa deste 1º de Maio é unha conxuntura económica marcada por un IPC na contorna do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país.

Neste senso, a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias. Xa hai a día de hoxe sectores, como o do telemarketing ou o do alimentación e comercio da provincia da Coruña que xa están nunha situación de conflito aberto ata que non se lles garanta ós seus traballadores e traballadoras o mantemento do poder de compra.

Maior soporte para os máis vulnerables

Recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables.

Na súa intervención, tamén rexeitou a receita, para combater esta crise, das rebaixas fiscais que, de seguro traerían consecuencias negativas no eido internacional e traerían consigo consecuencias moi negativas no eido do investimento público.

Finalmente, explicou que neste 1º de Maio vanse levar ás rúas unha serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.

MANIFESTO 1º MAIO