UGT asina un Acordo de Diálogo Social en defensa da igualdade, pola contratación responsable na Administración e pola formación e emprego de calidade

UGT-Galicia asina un Acordo de Diálogo Social en defensa da igualdade de oportunidades no eido laboral, para promover a contratación responsable na Administración e que aposta pola formación e emprego de calidade

O Sindicato saúda o acordo asinado pero aposta por seguir traballando e abrir novos espazo de diálogo sectoriais

Santiago, 10 de decembro de 2019.- Hoxe, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, vén de asinar co presidente da Xunta, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e os máximos responsables da CEG e do S.N. de CCOO de Galicia no Pazo de Raxoi un Acordo de Diálogo Social que ten entre os seus eixos de actuación a transformación da economía galega xunto cos compromisos de benestar social e igualdade.

Neste senso, o secretario xeral de UGT-Galicia, na súa intervención no transcurso do acto de sinatura do devandito Acordo destacou que os eixos do acordo apostan pola transformación da economía galega tendo sempre no centro ás persoas.

Aínda así, fixo fincapé en que, para o Sindicato, este proceso no remata hoxe coa sinatura do Acordo porque hai que seguir traballando por novos obxectivos, abrindo novos espazos de diálogo sectoriais. Este acordo é un punto e seguido porque UGT sempre apostou polo diálogo social como un proceso continuo con resultados tanxibles.

Tamén contextualizou o Acordo nun momento no que se fala de recuperación pero no que esta non está a chegar aos conxunto da cidadanía, persistindo moitos indicadores no eido laboral e social preocupantes, paro de longa duración, perda de poboación activa e fortes doses de precariedade no mercado laboral.

Por elo, un dos primeiros eixos de actuación que se marca o Acordo é optimizar a xestión das políticas activas de emprego, axustando máis a formación á mellora da empregabilidade das persoas, atendendo ás demandas das empresas.

Así, prevese un plan de recualificación profesional e inserción no mercado laboral para persoas paradas de longa duración maiores de 45 anos co fin de facilitar a súa empregabilidade. Tamén se introduce un programa de axudas para o fomento do contrato de relevo. A xubilación parcial xa ten demostrado como un instrumento moi útil e eficaz porque resolve os problemas de envellecemento das plantillas e ao mesmo tempo facilita o acceso dos máis mozos ao mercado laboral.

Tamén se incorpora un programa de axudas para favorecer o mantemento do emprego nos casos de expedientes de regulación de emprego temporais e outro programa para as persoas que con máis de 55 anos quedan fóra do mercado laboral.

Outro dos eixos de actuación é o relativo á loita contra as desigualdades que sofren as mulleres no eido laboral. Neste senso, emprázase o eixo de acción e ferramentas de apoio a empresas e persoas traballadoras para fomentar a formación en igualdade laboral e para impulsar os plans de igualdade nas empresas.

O terceiro eixo xira ao redor de sentar as bases para un desenvolvemento económico sostible e territorialmente equilibrado que aposte por un sistema produtivo competitivo e aumente a competitividade da nosa economía, con tecnoloxía e valor engadido.

Neste punto, o secretario xeral de UGT-Galicia fixo fincapé en que na actual conxuntura, na que persiste a ameaza de distintos indicadores, urxe un plan industrial para alcanzar unha industria moderna, onde se aborde o problema do custe da enerxía e todo baixo unha transición enerxética xusta cos territorios, o emprego e a cidadanía e onde ninguén quede atrás.

Por último, o Acordo asinado hoxe en Santiago aposta pola contratación pública socialmente responsable coa incorporación de cláusulas sociais co fin de impulsar un modelo de Administración pública moderno, que valore o interese público e co que se remate coa precariedade na contratación de obras públicas e servizos que impera ata o de agora na maior parte dos casos nos que o prezo está a ser case que o único valor a ter en conta. A partir de agora hai que traballar para que se garantan condicións de traballo dignas para os traballadores e traballadoras vinculadas á execución dos contratos, así como servizos de calidade para a cidadanía.

Finalmente, José Antonio Gómez resaltou a vía do diálogo e concertación que fixo nacer este Acordo para mellorar as condicións de vida e traballo dos galegos e galegas e tratar de sentar as bases dun crecemento futuro xusto para todos e sostible.

Fuente: UGT-Galicia