UGT aposta porque as novas autorizacións eólicas garantan a integración social e o respecto medioambiental

Presentado hoxe en Santiago o “Pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia”, do que UGT forma parte

Presentado hoxe en Santiago o “Pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia”, do que UGT forma parte

UGT aposta porque as novas autorizacións eólicas garantan a integración social e o respecto medioambiental

Santiago, 12 de abril de 2022.- Os secretarios xerais de UGT-Galicia e UGT-FICA-Galicia participaron hoxe en Santiago na presentación do “Pacto por unha enerxía eólica sostible para Galicia”, xunto cos máximos responsables de UUAA, PSdeG-PSOE, CCOO, Fademur e Ventonoso, que tamén forman parte do proxecto.

Neste acto, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, reflexionou sobre o problema medioambiental ó que se enfronta a sociedade actual e que nos pon diante un dobre reto, social e económico, que hai que resolver. Tanto a nivel europeo, co ambicioso paquete de medidas “Fit 55”, como a nivel de España, coa Directiva de Eficiencia Enerxética, fíxanse medidas de reducións de emisións, do 23% para o 2030 en España, que urxe acometer.

Chegar a estes obxectivos supón aumentar o ritmo de despregue das enerxías renovables, acadando unha cota mínima do 40%, no 2030, partindo do 19,7% actual. E todo indica que a eólica e a foltovoltaica serán as tecnoloxías predominantes.

Isto, en Galicia debe supoñer unha oportunidade de integrar a enerxía renovable no desenvolvemento da nosa economía, recuperando o potencial a paralización que se arrastra dende hai 12 anos. Parálise que supuxo para Galicia a perda do liderazgo industrial neste sector e milleiros de empregos, sobre todo, no sector eólico polas especiais condicións xeoclimáticas do territorio que fan que esta enerxía sexa moi rendible e unha gran oportunidade para avanzar cara o obxectivo de cero emisións.

Para isto, existe unha conxuntura, actualmente, propicia, coa liberalización de 2.025,5 MW de potencia nos nodos de conexión á rede eléctrica polo desmantelamento de Meirama e As Pontes. Isto xunto ás posibilidades de financiamento que achegan o PERTE da enerxías renovables, dos fondos de reconstrución post COVID, e do paquete Next Generation da UE.

Non obstante, neste contexto, tamén hai que atender a lexítima preocupación da sociedade galega ante as novas propostas para a instalación de novos parques eólicos que pretenden sumar 6.250 MW adicionais que xa contan con acceso á rede e outros 2.100 en tramitación.

Trátase dun reto que UGT-Galicia considera que hai que acometer cunha axeitada normativa, tanto estatal como autonómica, que debe contemplar unha serie de aspectos.

Consenso coa veciñanza

Para UGT-Galicia, os parque deben instalarse cun axeitado consenso coa veciñanza. Deberán contar, polo menos, cun 50% de contratos voluntarios na superficie da implantación. Non se poderá dar autorizacións en solo agrario en produción. A recualificación dos terreos limitarase ó estritamente necesario e pagaranse todos os conceptos nas expropiacións. Fixaranse de xeito responsable as distancias dos aeroxeradores a vivendas e núcleos de poboación. Primaranse promotoras que teñan en conta medidas de compensación de contido socio económico para as comunidades afectadas como achegas para os concellos para políticas sociais, participación na produción enerxética para utilizar en proxectos de autoconsumo de interese local, despregue de puntos de carga de vehículos eléctricos, axudas para a xestión forestal... E tamén se propón a creación dun observatorio galego de enerxía eólica para que se dote de transparencia ás propostas, contratos e prezos perante ós afectados.

Integración medioambiental

Ademais, para o Sindicato, os parques deberán respectar en todo momento a integración medioambiental. Para elo, esixiranse avaliacións de impactos medioambientais rigorosos e primarase a instalación de aeroxeradores con innovacións tecnolóxicas que reduzan o impacto medioambiental e a pegada de carbono.

Sinerxias coa creación de emprego e valor engadido

UGT aposta porque se primen os proxectos que teñan sinerxias coa creación de emprego e que teñan valor engadido. Para isto, buscarase a integración da produción da enerxía eólica coas necesidades do sector primario e primaranse os proxectos que vaian asociados a unha aplicación directa da enerxía eólica, máis aló da súa vertedura ás redes, como o seu uso na xeración de hidróxeno verde, bombeos de almacenamento ou uso directo en transformacións industriais asociadas. Tamén deberán primarse os proxecto asociados á fabricación, instalación, ensamblaxe ou mantemento que xeren emprego adicional.

Acordos PPA’s con empresas electrointensivas

Haberá que valorar, tamén, os acordos de PPA’s (Power Purchase Agreements) con empresas electrointensivas, especialmente as emprazadas na contorna, de xeito que poidan contar no seu proceso produtivo cun custe enerxético coñecido a varios anos vista, reforzando así a súa viabilidade e competitividade.

Finalmente, na priorización, haberá que atender a que os parque teñan unha axeitada fiscalidade. Para isto, revisarase o canon eólico fixado na Lei eólica de Galicia, de xeito que se pague por potencia instalada e non por número de aeroxeradores, e serán de aplicación os tipos impositivos máis altos previstos na lexislación do IBI.


 

Fuente: UGT-Galicia