Saíu dende Coles (Ourense) o primeiro envío de axuda humanitaria, organizado por UGT-Galicia, a Ucraína

Fecha: 17 Mar 2022

Antes da saída, o secretario xeral de UGT-Galicia, o alcalde de Coles e unha representación de familias ucraínas asentadas en Galicia, as encargadas de poñer en marcha esta campaña en colaboración co Sindicato, mantiveron un encontro cos medios de comunicación

Saíu dende Coles (Ourense) o primeiro envío de axuda humanitaria, organizado por UGT-Galicia, a Ucraína

O material, que partiu nun camión das instalacións de Protección Civil do Concello de Coles que prestou a súa colaboración, chegará a Dolhobyczow (Polonia-fronteira con Ucraína) e alí o sindicato polaco OPZZ xestionará o envío a centros sanitarios do oeste de Ucraína


 

Santiago, 17 de marzo de 2022.- Acaba de saír o primeiro envío de axuda humanitaria, froito da campaña iniciada hai unha semana polas familias ucraínas asentadas en Galicia, en colaboración con UGT-Galicia, dende as instalacións de Protección civil do concello de Coles cara Ucraína. Antes da partida do camión con axuda humanitaria, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez; o alcalde de Coles, cuxo concello tamén colaborou, Manuel Rodríguez; e unha representación das familias ucraínas asentadas en Galicia mantiveron un encontro cos medios de comunicación.

O envío partiu con rumbo a Dolhobyczow (localidade polaca na fronteira con Ucraína) onde o estará agardando unha representación do sindicato polaco OPZZ, membro da Confederación Europea de Sindicatos (CES), que se fará cargo do material para facelo chegar ós centros sanitarios e hospitais do oeste de Ucraína.

UGT-Galicia lembra que esta campaña de recollida de material púxose en marcha hai unha semana, por iniciativa dun conxunto de familias ucraínas asentadas en Galicia que se dirixiron ó Centro de integración e asesoramento sociolaboral para inmigrantes que UGT ten en Ourense para pedir a colaboración do Sindicato. A partir de aquí comezou un traballo de colaboración entre estas familias e UGT-Galicia, que abriu todas as súas sedes, unhas 40 na Comunidade, para a recollida do material, e que deu os seus froitos con este primeiro envío.

Neste senso, UGT-Galicia e as familias de ucraínos asentados na Comunidade agradecen a solidariedade e colaboración cidadá con esta e outras iniciativas que se están a desenvolver por toda Galicia pero lembra que non hai que baixar a garda porque os ucraínos e ucraínas van necesitar da nosa axuda aínda durante moito máis tempo.


 

Fuente: UGT-Galicia