Pepe Álvarez: “ As medidas anunciadas polo Goberno van na boa dirección pero son insuficientes”

Pepe Álvarez: “ As medidas anunciadas polo Goberno para atenuar as consecuencias da guerra en Ucraína van na boa dirección pero son insuficientes”

Urxe pechar un Acordo de negociación colectiva que garanta as revisións salariais ante unha inflación desbocada


 

Santiago, 31 de febreiro de 2022.- O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, compareceu hoxe ante os medios de comunicación antes de participar na asemblea de afiliados e afiliadas organizada por UGT na Coruña. Neste acto explicou que está a viaxar por toda a xeografía española para explicarlle ós afiliados e afiliadas, delegados e delegadas, a toda a Organización, os acordos ratificados a nivel estatal no marco do diálogo social, así como expoñendo unha análise dos novos acontecementos que marcan a complexa realidade que está a vivir o país.

Un dos fitos enmarcados no contexto do diálogo social foi o acordo de pensións que derroga a reforma imposta polo PP, cando gobernaba Rajoy. Puxo en valor un acordo, froito do traballo e insistencia das organizacións sindicais, que permite a revalorización das pensións conforme ó IPC, especialmente significativo nun momento como o actual no que a inflación está descontrolada. E, de cara ó futuro, permitiralle ós que hoxe son mozos gozar dunha xubilación digna cando cheguen á idade da mesma. É dicir, é un acordo para o presente pero tamén para o futuro.

En canto á reforma laboral, tamén froito de intensas negociacións e un duro trámite parlamentario, xa está a ter efectos moi positivos en canto á contratación indefinida. Así, segundo os datos de xaneiro e febreiro, duplicouse o número de contratos indefinidos ratificados e o dato de marzo, que se fará público a semana que ven, apunta na mesma liña. Esta reforma conduce a un mercado de traballo no que a norma sexa o contrato indefinido e a excepción sexa o temporal. A partir de agora tamén queda un importante traballo de adaptación dos fixos-descontinuos.

No relativo ás medidas adoptadas polo Goberno para facer fronte ás consecuencias da crise a raíz da guerra en Ucraína, Pepe Álvarez considera que van na boa dirección pero son insuficientes tanto polo tempo, tres meses son moi escasos; como pola contía; e porque non entran no fondo, por exemplo as relativas ó abaratamento dos combustibles ou a tarifa eléctrica que aínda hai que ver como queda finalmente, en función de como se sitúe o prezo do gas.

Puntualiza que os sindicatos deberían ter presenza na elaboración destas medidas pero non foi así. Engade que as organizacións sindicais poderían ter achegado aspectos que non se prevén e que son imprescindibles, por exemplo familias que viven con ingresos similares ó SMI deberían ter un tratamento especial e axudas específicas para amortiguar a suba dos prezos. Nesta mesma liña, a baixada de 20 céntimos no prezo do combustible xeneralizada, ó mellor, debería facerse doutro xeito e tendo en conta a aqueles que máis o necesitan, ben polos seus ingresos ou polo uso que lle den ó vehículo. Amosou a súa confianza en que nos vindeiros días se poida falar de todas estas cuestións co Goberno.

Finalmente, abordou a necesidade de pechar un acordo no eido da negociación colectiva que recolla a figura da cláusula de revisión salarial que, cunha inflación desbocada como a actual, cun último dato do 10%, é máis importante, incluso, que o propio díxito. Os salarios non poden seguir perdendo poder de compra neste país.