Pepe Álvarez demanda que o sector do aluminio sexa declarado como estratéxico

Fecha: 22 Jun 2020

Pepe Álvarez demanda que o sector do aluminio sexa declarado como estratéxico

José Antonio Gómez pídelle á Xunta “sentidiño” para sacar adiante a política industrial de Galicia e salvar Alcoa

Viveiro, 22 de xuño de 2020.- Os secretarios xerais de UGT, UGT-Galicia e UGT-FICA-Galicia ofreceron hoxe en Vieiro unha rolda de prensa na que analizaron a actual situación de Alcoa e fixeron as propostas do Sindicato ao respecto. Antes desta rolda de prensa xa mantiveron unha xuntanza coa Sección sindical de UGT en Alcoa e cos delegados e delegadas das empresas auxiliares e hoxe pola tarde participarán nunha asemblea en Burela, antes da manifestación en defensa da comarca na que tamén participarán.

Neste rolda de prensa, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, denunciou a situación laboral e económica da comarca da Mariña con datos de paro e afiliación á Seguridade Social peores dos que se rexistran de media en Galicia. De feito, a comarca nesta última década perdeu un 22% do emprego e a afiliación á Seguridade Social nos últimos dez anos baixou nun 14% no sector industrial e un 20% na construción. Todo isto cunha taxa de risco de pobreza de máis do 20%.

Nin a Xunta nin o Goberno central están á altura das cirxuntancias

E nesta conxuntura, xa difícil, agora a empresa Alcoa anuncia o despedimento dos seus traballadores e nin a Xunta nin o Goberno central están a altura das circunstancias.

Gómez cualificou como incomprensible que Alcoa faga esta proposta en plena pandemia sanitaria. Unha proposta que, por outra banda, debería aclarar porque non se sabe se pretende o peche da factoría, a deslocalización... debería aclarar o seu obxectivo.

A Xunta ten que involucrarse na busca de solucións, non serve só con poñer deberes ó Executivo en Madrid

O máximo responsable de UGT-Galicia dirixiuse á Xunta de Galicia porque sabe o que supón Alcoa para a comarca e para Galicia, por iso non chega con poñer deberes ó Goberno central, ten que involucrarse na busca de solucións.

Pola súa banda, o Goberno central debería dar tamén unha resposta e poñerse a traballar xa en sacar adiante o estatuto electrointensivo tan demandado e traballar baixo a perspectiva de que o aluminio primario é un sector estratéxico, tanto para Galicia como para España.

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, tamén foi moi claro coas responsabilidades que nesta difícil situación deben asumir Alcoa, o Goberno central e a Xunta de Galicia.

Alcoa actúa dun xeito indigno e con mala fe. Aproveita a actual conxuntura de pandemia para intentar colocar un peche que máis ben esconde unha deslocalización

O primeiro que fixo foi reprocharlle a Alcoa o xeito indigno de actuar, aproveitando estes momento tan difíciles que se están a atravesar por mor da COVID-19, para intentar colocar un peche que máis ben esconde detrás unha deslocalización.

Por iso, para UGT, Alcoa é a primeira responsable por intentar aproveitar os malos resultados económicos conxunturais motivados pola pandemia para xustificar o inxustificable. Ao respecto, Pepe Álvarez falou claramente de mala fe.

Neste senso, considera que as administracións están para algo máis que solidarizarse cos traballadores e chámalle a atención que ningunha, nin a Xunta nin o Goberno central, teñan levantado a voz para denunciar a mala fe coa que está actuando Alcoa neste proceso, aínda que contan con recursos legais dabondo para iniciar calquera tipo de procedemento necesario nesta liña.

Alcoa se se quere ir que o faga coas mans baleiras. As administracións deberían adiantarse e declarar o aluminio primario un sector estratéxico. Son necesarios gobernos valentes

Cre que Alcoa, se se vai, o debería facer coas mans baleiras porque o Estado debería adiantarse e declarar o aluminio primario un sector estratéxico, o que permitiría manter a produción da fábrica da Mariña. Álvarez fixo fincapé en que este país non quere máis lágrimas a posteriori, como sucedeu coa crise da COVID-19. Tivemos que agardar a unha crise sanitaria destas características para darnos conta do necesario que é manter a produción no país de sectores estratéxicos, neste caso o aluminio primario.

Son necesarios gobernos valentes e se hai que declarar sectores estratéxicos ou intervir sectores, pois haberá que facelo. Neste senso, reclamoulle á Xunta mensaxes nesta liña que aínda non se escoitaron.

Estatuto electrointensivo xa e derrogación da reforma laboral

Por outra banda, esta crise obriga a reclamar, de novo, un estatuto electrointensivo que teña en conta ós grandes consumidores para non darlles escusas. Aínda que salientou que no caso de Alcoa non é o problema actual porque agora mesmo a enerxía ten un prezo moi baixo. Por iso, Pepe Álvarez insistiu no concepto de mala fe.

Tamén aludiu á reforma laboral como o gran lastre do mercado de traballo que se fai evidente en procesos como este. Nos que os traballadores quedan indefensos pola inexistencia de autorización administrativa previa. Cre que se a reforma laboral non existise Alcoa non actuaría como o está a facer.

Garantiu que UGT vai deixarse a pel nesta loita para que o aluminio primario se siga a fabricar en Galicia e amosouse optimista porque a forza dos traballadores e da comarca axuden e reverter as intencións de Alcoa.

Fuente: UGT-Galicia