Os traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar reclaman a equiparación co resto dos empregados públicos

​Centos de traballadores do Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar mobilizáronse, unha vez máis, este xoves, día 21, pola mañá fronte á sede deste Consorcio en Santiago para reclamar a súa equiparación co resto dos empregados públicos da Administración galega.

Concretamente, demandan a adhesión do persoal do Consorcio ao V Convenio do persoal laboral da Xunta e un sistema de listas público e actualizado.

Ademais, demandan a equiparación salarial de conformidade co decreto que establece a integración do persoal dos entes instrumentais.

Por outra banda, os traballadores do Consorcio piden o establecemento dun sistema de mobilidade xeográfica que dea amparo ás inxustas situacións que se están a vivir entre este colectivo. Finalmente, reclaman a negociación dunha oferta de emprego pública que achegue estabilidade laboral ao Consorcio.

Os traballadores insistiron na posta en marcha dun xeito inmediato de todas estas demandas.