Os Orzamentos da Xunta teñen que darlle prioridade ao emprego, industria, reforzar os servizos públicos e apoio ás familias

O 2º Comité Nacional de UGT-Galicia, que se reuniu hoxe en Santiago, anuncia mobilizacións polo mantemento do poder adquisitivo e campañas nos centros de traballo ante o bloqueo da patronal á negociación colectiva

Os Orzamentos da Xunta teñen que darlle prioridade ao emprego, industria, reforzar os servizos públicos e apoio ás familias

O Comité Nacional aproba dúas resolucións de urxencia, unha de apoio ás reivindicacións das traballadoras do servizo de axuda a domicilio que demandan un convenio digno. Outra das resolucións é de apoio aos traballadores do mar e contra o regulamento da UE que ameaza o emprego na pesca de arte de fondo en 87 áreas

Santiago, 28 de setembro de 2022.- O 2º Comité Nacional de UGT-Galicia reuniuse hoxe en Santiago para debater sobre a situación actual e poñer enriba da mesa propostas e as liñas de traballo de cara aos vindeiros meses. Lembrar que este Comité, que o conforman preto de 100 membros, é o máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos e forman parte do mesmo a Comisión Executiva de UGT-Galicia, así como, cadros e delegados e delegadas do Sindicato en representación das federacións e das unións comarcais.

A análise da situación actual no eido internacional contextualizouse nas consecuencias da pandemia e da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Todo isto, ademais de ocasionar unha crise humanitaria, está a ocasionar unha crise económica. Ademais, o Comité alertou sobre o avance da ultradeita e considerou que, para combatela, hai que poñer a axenda social no epicentro do debate público, con resultados palpables para a cidadanía.

A nivel nacional, o Comité fixo fincapé na galopante suba dos prezos que está a prexudicar aos fogares con menos ingresos. O que se contrapón á escalada de beneficios empresariais que están a experimentar determinados sectores, responsables da espiral inflacionista.

Aumento indecente marxes empresariais

Nesta conxuntura, urxe que os gobernos estean vixiantes ante o aumento indecente das marxes empresariais e articular medidas para limitar os efectos negativos sobre a cidadanía, como algunhas das que se viñeron adoptando (bonificación combustibles, limitar prezos gas, limitar alugueiros, bonos eléctricos, axudas directas a determinados sectores ou as bonificacións ao transporte público, entre outras). En canto aos beneficios empresariais, destaca o imposto á banca ou ás grandes empresas enerxéticas.

A Xunta debe apostar nos seus Orzamentos pola mellora na calidade do emprego

Tras a análise da situación en Galicia, o Comité concluíu que a Xunta ten que seguir apostando por unha mellora da calidade do emprego cunha aposta clara pola modernización das políticas activas de emprego, para o cal, ten un instrumento clave como son os Orzamentos de 2023 e UGT tamén demanda que se reactiven as mesas de diálogo social para afrontar este importante reto.

Ao Comité tamén lle preocupan as cifras que Galicia rexistra en materia de sinistralidade laboral, cun aumento desta do 12,14% de xaneiro a xullo de 2022, en relación ao mesmo período de 2021, con 49 persoas traballadoras falecidas, situando a Galicia á cabeza en incidencia de sinistros mortais en todo o Estado. Resulta evidente que urxe unha revisión das políticas preventivas e articular un plan de choque contra esta lacra, ademais do reforzamento da Inspección de Traballo.

Oco prioritario nos Orzamentos para a política industrial e aproveitamento fondos europeos

Os Orzamentos de 2023 tamén deben reservarlle un oco prioritario á política industrial porque este sector amosa preocupantes indicadores nesta Comunidade e a Xunta goza de competencias nesta materia. Son moitas as ameazas e incertezas derivadas de falta de carga de traballo, do elevado prezo da electricidade ou do proceso de transformación enerxética. Isto fai inaprazable unha política industrial que aposte por actividades de alto valor engadido e que aborde o problema enerxético.

Para UGT-Galicia, os fondos europeos son unha oportunidade inaprazable para avanzar cara a modernización de Galicia. Neste senso, o Sindicato estará vixiante á hora de esixir a efectividade dos mesmos, xa non só no eido industrial, senón tamén en materia de servizos públicos, I+D+i, despoboamento rural, brechas de xénero e dixital ou políticas formativas.

Uns Orzamentos de 2023 para reforzar os servizos públicos e o emprego público

Uns Orzamentos, os do ano que ven, que tamén deben servir para reforzar e darlle estabilidade ao emprego público en Galicia, sobre todo, no eido sanitario, educativo e políticas sociais. Neste último senso, UGT demanda un diálogo social real e efectivo que garanta servizos sociais de xestión pública suficientes e de calidade.

O Comité denuncia a situación do servizo de axuda a domicilio

Precisamente, neste punto, UGT-Galicia denuncia a situación do servizo de atención a domicilio e a insuficiencia do acordo Xunta-FEGAMP que fixa a achega da Xunta para o 2023 en 9,70 euros e de 12 euros para o 2024, contías insuficientes que deterioran e precarizan as condicións laborais das mulleres traballadoras deste servizo.

Situación crítica atención primaria. Falta de orzamento e ausencia de planificación

Tamén se fixo fincapé no Comité Nacional sobre a situación crítica da atención primaria, coa falta de medidas efectivas tanto do Goberno central como da Xunta. As dotacións orzamentarias son insuficientes e urxe unha revisión da planificación da formación dos profesionais da saúde que garanta a cobertura da demanda.

Os Orzamentos da Xunta deben prestar unha atención prioritaria aos máis vulnerables. A día de hoxe o 25,2% por cento da poboación galega está en situación de risco de pobreza ou exclusión social e, se non se habilitan medidas, coa escalada inflacionista, isto pode empeorar. Neste senso, UGT critica a retirada por parte da Xunta da tarxeta básica, que se amosou nos momentos máis duros da pandemia como un instrumento útil para aqueles que peor o están pasando.

Orzamentos para o 2023 que atendan á situación excepcional

En definitiva, o Comité Nacional de UGT-Galicia reclama da Xunta uns Orzamentos para o 2023 que, lonxe de iniciar unha nova senda de recortes, austeridade fiscal e determinadas rebaixas fiscais como algunhas das anunciadas, atendan á situación excepcional actual e, sobre todo, aos que máis o necesitan.

Mantemento poder adquisitivo e mobilizacións

Para o Sindicato, a receita ante a actual conxuntura, é ben clara, fortalecer o escudo social e garantir o mantemento do poder adquisitivo, con cláusulas de revisión salarial en todos os convenios, cun incremento do SMI, e das pensións, conforme ao IPC real. E a isto hai que engadirlle por parte das administracións unha vixilancia máis activa do comportamento especulativo dos sectores responsables da espiral inflacionista.

Neste 2º Comité Nacional de UGT-Galicia tamén se anunciou o inicio dun calendario de mobilizacións para demandar “Xustiza salarial”. O día 7, coincidindo co Día mundial polo traballo decente, realizaranse concentracións; do 14 ao 28 de outubro desenvolverase unha campaña nos centros de traballo, especialmente naqueles que teñen bloqueada a negociación colectiva; e o día 3 de novembro haberá unha gran mobilización en Madrid baixo o lema “Salario ou conflito”.

Resolucións de urxencia

O Comité Nacional aprobou dúas resolucións de urxencia. Unha delas, presentada por UGT Servizos Públicos, é de apoio ás reivindicacións das traballadoras do servizo de axuda a domicilio que demandan un convenio digno para un sector no que a precariedade laboral está cronificada e tanto empresas como administracións miran cara outro lado. O Sindicato denuncia a negativa das patronais a sentarse a negociar un novo convenio desde o fin da vixencia do actual, decembro de 2011, e, por outra banda, as patronais de ámbito estatal néganse a activar a cláusula de ultravixencia do II Convenio que obriga a actualizar as retribucións do ano 2022 co IPC de 2021, do 6,5%.

Outra das resolucións, presentada por FeSMC, é de apoio aos traballadores do mar e contra o regulamento da UE que ameaza o emprego na pesca de arte de fondo en 87 áreas sen discriminar as diferentes artes que o compoñen. Isto vai supoñer unha ameza directa para o emprego de milleiros de traballadores do sector e vai deixar sen sustento a máis de 2.500 familias en todo o Estado. O devandito regulamento está a ser imposto de xeito unilateral, sen consulta previa co sector, sen base legal e sen sustento científico que apoie a decisión que se adopta.


 


 

Fuente: UGT-Galicia