Oito mobilizacións reivindicarán en Galicia esta fin de semana un pacto para unha reconstrución social do país que non deixe a ninguén atrás

Oito mobilizacións reivindicarán en Galicia esta fin de semana un pacto para unha reconstrución social do país que non deixe a ninguén atrás

Santiago, 25 de xuño de 2020.- UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia convocan oito mobilizacións para esta fin de semana nesta Comunidade co fin de reivindicar un pacto para a reconstrución social do país e que non se deixe a ninguén atrás. Estas mobilizacións enmárcanse nunha campaña a nivel de todo o Estado, no que están convocadas 50 concentracións e manifestacións, que se desenvolve baixo o lema “Imos saír” e que se acompaña dun manifesto avalado por personalidade do mundo social e da cultura de todo o país que se xuntaron para reivindicar un gran pacto para a reconstrución social dun país inmerso na crise causada pola pandemia da COVID-19.

Así, hoxe pola mañá, secretario xeral de UGT-Galicia, xunto co seu homólogo de CCOO, presentaron en rolda de prensa en Santiago o manifesto e os actos para esta fin de semana. En Galicia, como se anunciaba no parágrafo precedentes son sete concentracións e unha manifestación. Esta última será o día 27, na Coruña e sairá ás 12.00 horas da Delegación do Goberno.

O resto das concentracións serán todas o día 28 ás 12.00 horas. En Santiago en Praterías, en Ferrol na Praza da Constitución, na Praza de Armañá en Lugo, en Ourense na Praza Maior, en Vigo na Farola de Urzáiz, na Praza de España en Pontevedra e en Arousa na Praza de Galicia.

O secretario xeral de UGT-Galicia insistiu en que “imos saír porque as persoas que estiveron confinadas nas súas casas e os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais merecen que baixemos dos balcóns e salgamos á rúa para renderlles unha homenaxe pública”.

Engadiu que “imos saír porque os que estivemos traballando durante este tempo para xerar esa rede social que nunca tivera o noso país en ningunha crise anterior cremos que é o momento de tentar que nesta situación se diga como queremos reconstruír o noso país, tras a crise da COVID-19”. Fixo fincapé en que debe ser unha reconstrución que non deixe a ninguén atrás.

Este proceso de reconstrución debe apostar por un novo país máis sustentable, produtivamente forte e fiscalmente xusto, acompañado todo dun un pacto contra a precariedade laboral.

UGT reclama que se poñan as bases para que todos os elementos que fallaron non volvan fallar. Son coñecidos dabondo os recortes e as necesidades tecnolóxicas e persoais que teñen os servizos de saúde do país, ou a necesidade de mellorar os cocientes e a calidade do emprego nas residencias de maiores, onde as traballadoras estiveron até 24 horas durante semanas por 950 euros, arriscando as súas vidas. Isto non pode volver pasar.

Ademais, urxe un novo país máis sustentable, que respecte ao medio ambiente, que sexa capaz de determinar cales son os servizos que ten que ter como propios, que teñen que formar parte daquelas cuestións que o Estado non pode delegar, e que teña un sistema fiscal xusto que recade impostos.

Ao respecto, José Antonio Gómez fixo fincapé en que “levamos todos estes días escoitando a empresarios que só piden e piden. Neste senso, é fundamental que sexamos capaces de revisar a fondo o noso sistema tributario. Quen máis gaña ten que pagar máis. O Estado debe ter recadación autosuficiente para atender as necesidades básicas dos seus cidadáns”.

Neste momento, resulta fundamental que todos aprendamos das leccións que nos deu a crise: a solidariedade con todas as vítimas e os seus familiares, que foron moitísimas neste país; o agradecemento aos que nos coidaron, arriscando as súas propias vidas sen os elementos suficientes para protexerse a si mesmos; e a concordia que tivemos como sociedade, a pesar das circunstancias, fuxindo da confrontación, do ruído e do odio.

Precisamente, baixo a premisa destas leccións preséntase hoxe esta iniciativa, que non vai contra ninguén, senón co ánimo de reivindicar a suma para saír da forma máis xusta e eficiente desta pandemia.

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO salientou o “compromiso da clase traballadora” durante a pandemia, especialmente os milleiros de traballadoras e traballadores “que continuaron traballando para que a unha parte moi relevante da sociedade puidese confinarse”. Por esta razón, as concentracións da fin de semana son tamén “un recoñecemento” para estas persoas “que seguiron traballando, moitas veces sen as proteccións axeitadas”, labor realizado, fundamentalmente, en sectores altamente feminizados e precarios.

Ambos sindicatos reclaman das forzas políticas un consenso que xa existe na sociedade civil para saír nas mellores circunstancias desta crise. O futuro pasa polo fortalecemento dos servizos públicos que son a gran ferramenta da que se dispuxo para loitar contra a COVID-19. Así, hai que desmontar a falacia das privatizacións que se nos vendeu e pola que case se afunde este país. Hai que insistir en demandar uns servizos públicos de calidade, con empregos de calidade e con financiamento suficiente. A día de hoxe estase lonxe dos obxectivos de converxencia coa UE: o gasto sanitario é o 6% do PIB galego, fronte ao 7,9% do resto da UE.

Detrás do lema “Imos saír”, apuntou Sarmiento, está tamén a necesidade de chegar a pactos para “que ninguén quede atrás” como consecuencia da crise económica provocada pola crise sanitaria. “A saída desta crise non debe responder aos intereses das elites, senón ás necesidades da maioría social”, sentenciou o secretario xeral de CCOO.

Como parte desta saída, Ramón Sarmiento avogou tamén por un novo marco que corrixa as eivas da reforma laboral imposta polo Partido Popular e por un cambio de modelo produtivo que potencie o peso dos sectores industriais na nosa economía.

Por todo iso, UGT-Galicia e CCOO instan a cidadanía a que esta fin de semana secunde as mobilizacións convocadas nas cidades e vilas galegas, con protección pero sen medo, para defender o mellor que temos, os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais do noso país. Non só os dos servizos públicos, senón tamén todos aqueles que se xogaron a vida durante a crise da COVID-19 por salvar a nosa. Todas as persoas que nos coidaron, nos protexeron e nos deron de comer.


MANIFESTO POR UN PACTO PARA A RECONSTRUCIÓN SOCIAL DE ESPAÑA E GALICIA