O Xulgado do Social nº 1 da Coruña estima a demanda de tutela de dereito de folga presentada polos sindicatos contra Alu Ibérica e declara vulnerado este dereito

Fecha: 02 Mar 2021

UGT-Galicia insiste en que a loita polo futuro da factoría e dos postos de traballo vai continuar

O Xulgado do Social nº 1 da Coruña estima a demanda de tutela de dereito de folga presentada polos sindicatos contra Alu Ibérica e declara vulnerado este dereito

UGT-Galicia saúda a sentenza e insta á empresa a que cese esta hostilidade, como así se recomenda tamén na propia sentenza

Santiago, 2 de marzo de 2021.- O xulgado do Social nº 1 da Coruña ven de ditar unha sentenza na que se estima a demanda de tutela do dereito de folga presentada por UGT, CCOO e a CIG e os membros do Comité de Folga contra ALU IBERICA LC, SL, declarando vulnerado o dereito de folga e condenando á empresa ao cesamento inmediato da súa conduta así como a abonar a cada un dos sindicatos e cada un dos membros do comité de folga unha indemnización por importe de 6.250 euros, como resarcimento polos danos e prexuízos.

A citada sentenza, que estima na súa integridade a demanda formulada polas organizacións sindicais, sinala que ALU IBÉRICA desde o inicio da folga (o pasado 26.12.2020) estivo impedindo o acceso ao centro de traballo dos membros do Comité de folga, limitando e cernando así a súa actuación, o que, ademais de ser abertamente contrario ao contido esencial do dereito fundamental de folga, supón uns prexuízos non só para os membro do Comité de folga, como pode ser a perda de imaxe fronte aos seus compañeiros, medo a posibles ou futuras represalias e perda do posto, senón tamén desde o punto de vista colectivo con incidencia directa na actividade dos propios sindicatos. Pois non só lle impiden desenvolver a acción e labor que teñen encomendada, senón que lles ocasiona un desprestixio que pode limitar as súas expectativas de crecemento, limitando a súa capacidade de acción sindical.

En primeiro lugar, UGT-Galicia saúda o contido e a transcendencia da sentenza en todas as súas apreciacións e insiste en que cando se ataca ós representantes dos traballadores atácase ó conxunto dos traballadores e os sindicatos non van aminorar ante determinadas prácticas empresariais, como as de Alu Ibérica neste caso.

Non obstante, a loita non rematou aquí con esta sentenza porque, ademais de instar a Alu Ibérica a depoñer este tipo de prácticas antisindicais, UGT-Galicia insiste en que as mobilizacións programadas van continuar para esixir á dirección da factoría o cumprimento dos compromisos adquiridos no proceso de compra, tanto en materia de emprego como de desenvolvemento industrial. UGT-Galicia tamén fai fincapé na necesidade dunha acción coordinada por parte do Ministerio de Industria e da Xunta, precisamente, para esixir que estes compromisos sexan cumpridos por parte do Grupo Riesgo.

A día de hoxe este grupo non investiu nesta planta, nin en produción nin en procesos industriais, como si tiña comprometido. UGT-Galicia, xunto co resto dos sindicatos, xa se dirixiu tanto ó Ministerio de Industria como á Xunta para demandar a convocatoria urxente do Comité de seguimento da venda ó Grupo Riesgo. Comité que non se reúne dende o pasado 25 de xuño.

En definitiva, non hai un plan industrial definido, hoxe, que garanta a continuidade da factoría e dos seus empregos e este era o primeiro compromiso no proceso de venda que hai que obrigar a cumprir.

Nesta loita pola continuidade da actividade industrial e do emprego en Alu Ibérica van continuar traballando os sindicatos. Lembrar que o día 27 de marzo está convocada unha manifestación na Coruña.

Fuente: UGT-Galicia