O secretario xeral de UGT-Galicia demanda que se respecten os compromisos de emprego e desenvolvemento industrial en Alu Ibérica e que se free a represión sindical

Fecha: 26 Feb 2021

Chama a unha acción coordinada das administracións para vixiar e facer cumprir os compromisos de venda

O secretario xeral de UGT-Galicia demanda que se respecten os compromisos de emprego e desenvolvemento industrial en Alu Ibérica e que se free a represión sindical

Hoxe abriuse un calendario de mobilizacións “Contra a represión sindical e por un futuro industrial para Alu Ibérica” que continuará cunha manifestación na Coruña o día 27 de marzo

A Coruña, 26 de febreiro de 2020.- Hoxe A Coruña acolleu unha concentración, na que participou o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto cos máximos responsables de CCOO e CIG, “Contra a represión sindical e por un futuro industrial para Alu Ibérica”. Esta é a primeira dun conxunto de mobilizacións programadas ó fronte das cales está unha manifestación para o día 27 de marzo na cidade herculina na que se demandará o cumprimento dos compromisos adquiridos no proceso de compra desta factoría, tanto en materia de emprego como de desenvolvemento industrial; unha acción coordinada por parte do Ministerio de Industria e da Xunta, precisamente, para esixir que estes compromisos sexan cumpridos por parte do Grupo Riesgo; e que a dirección da factoría poña freo xa á persecución sindical que está a exercer sobre os representantes dos traballadores, cun delegado sindical despedido, dous membros do comité de empresa e o seu propio presidente. De feito, esta concentración, fronte á antiga Audiencia provincial, faise coincidir co xuízo por vulneración de dereitos sindicais na folga iniciada o pasado 26 de decembro.

Neste senso, José Antonio Gómez, na súa intervención durante a concentración fixo fincapé en que “cando se ataca ós representantes dos traballadores, atácase ó conxunto dos traballadores” e os sindicatos “non nos imos aminorar ante as bochornosas prácticas empresariais de Alu Ibérica neste senso”.

O secretario xeral de UGT-Galicia na súa intervención tamén se dirixiu ó Ministerio de Industria e á Xunta e demandou unha acción coordinada por parte de ambas administracións para poñer freo ós incumprimentos dos compromisos de venda da planta coruñesa. A día de hoxe o Grupo Riesgo non investiu nesta planta, nin en produción nin en procesos industriais, como si tiña comprometido.

Neste senso, UGT-Galicia, xunto co resto dos sindicatos, xa se dirixiu tanto ó Ministerio de Industria como á Xunta para demandar a convocatoria urxente do Comité de seguimento da venda ó Grupo Riesgo. Comité que non se reúne dende o pasado 25 de xuño. Tamén subliñou que os incumprimentos arrástranse dende a compra inicial do grupo Parter a Alcoa. Proceso de vendas encadeadas, primeiro Parter e despois o Grupo Riesgo, que están sendo investigadas a día de hoxe pola Audiencia Nacional.

En definitiva, non hai un plan industrial definido, hoxe, que garanta a continuidade da factoría e dos seus empregos e este era o primeiro compromiso no proceso de venda que hai que obrigar a cumprir. Gómez recoñeceu que a loita non vai ser fácil pero con unidade de acción de seguro que vaise conseguir manter a continuidade industrial na factoría da Coruña e en Avilés e o mantemento do emprego.


 


 

Fuente: UGT-Galicia