O Congreso de UGT-Pontevedra, Arousa e Deza reelixe a J. Ramón Vidal Trillo como secretario xeral

O Congreso da Unión de UGT de Pontevedra, Arousa e Deza ven de celebrarse hoxe na cidade de Pontevedra, reelixindo a Ramón Vidal Trillo como secretario xeral, cun respaldo do cen por cento dos votos.

Como Secretaria de Organización foi elixida María Pazos Brea; ao fronte da Secretaría de Administración estará María Teresa Filgueira Prol; na Secretaría de Formación, Estrella Fernández Buján; Oscar J. González González estará a cargo da Secretaría de Acción Sindical; Encarnación Cochón Moledo estará ao fronte da Secretaría de Atención aos Afiliados e Igualdade; na Secretaría de Innovación, Medio Ambiente e Saúde Laboral foi elixido Javier Gayoso Collazo e, finalmente, José Vázquez González será o Delegado de UGT en Arousa.

Neste Congreso interviñeron, entre outros, Irene Martínez, secretaria xeral de FeSP-UGT de Galicia, que interveu en nome das federacións de UGT, o secretario xeral de UGT-Galicia José Antonio Gómez e  o reelixido secretario xeral da Comarca J. Ramón Vidal.

Tanto o secretario xeral de UGT-Galicia como o reelixido secretario xeral de UGT-Pontevedra, Arousa e Deza nas súas respectivas intervencións fixeron unha análise da situación actual e coincidiron en demandar a urxente derrogación da reforma laboral; a suba do SMI; que calquera modificación do actual sistema de pensións ten que pasar pola derrogación da reforma do ano 2013; apostaron porque os fondos de recuperación da UE sexan aproveitados para apostar por un cambio e un novo modelo produtivo para o país; e tamén coincidiron nun firme recoñecemento cara o papel dos traballadores e traballadoras nesta pandemia, sobre todo, aqueles que estiveron ó fronte nos momentos máis complexos, e tamén recoñeceron o traballo que están a facer na actual conxuntura os e as representantes do Sindicato. En definitiva, tanto José Antonio Gómez como Ramón Vidal insistiron en que o importante son as persoas, que durante máis dunha década as traballadoras e traballadores tiveron que sufrir recortes e soportaron o custe da crise pero agora xa toca.

Por outra banda, Ramón Vidal insistiu en que unha saída xusta da crise obriga a situar ós servizos públicos no centro das políticas e plans de recuperación tras a pandemia. Lembrouse que se chegou á pandemia da COVID-19 lastrando as consecuencias dos recortes da crise de 2008 e, aínda así, os traballadores e as traballadoras dos servizos públicos fixeron todos os esforzos ó seu alcance, ás veces o imposible, na loita contra o virus. Chegaron a segunda e a terceira onda e as administracións, tanto central como autonómica, aínda non adoptaron todas as medidas necesarias, como a contratación de máis persoal sanitario e de atención ós maiores, máis profesores ou reforzar algúns ámbitos como o SEPE ou a Seguridade Social. UGT vai traballar para que nos plans de reconstrución cos fondos europeos se teña en conta o reforzamento dos servizos públicos porque a defensa do público é o noso compromiso.