O Congreso de UGT-Lugo-Lemos-Costa reelixe a Ángel Tomé como secretario xeral

O Congreso de UGT-Lugo-Lemos-Costa reelixe a Ángel Tomé como secretario xeral

O Congreso da Unión de UGT Lugo, Lemos, Costa ven de celebrarse hoxe na cidade de Lugo, reelixindo a Ángel Tomé Roca como secretario xeral, cun respaldo do 100 por cento dos votos. 

Como secretario de Organización foi elixido Carlos Reija Gómez; ao fronte da Secretaría Sindical e Emprego estará José Cabanas Vázquez; Sonia Ferreiro González será a secretaria de Igualdade e Movementos Sociais; José Rubinos Domínguez estará ó fronte de Saúde Laboral e Medio Ambiente; a responsable da Secretaría de Política Institucional será Josefa Díaz Blanco; e Ana María Pereiro Mourelo asumirá Políticas Sociais.

Neste Congreso interviñeron, entre outros, o secretario xeral de UGT-Galicia, o reelixido secretario xeral da Comarca e, no eido institucional, a alcaldesa de Lugo, o presidente da Deputación de Lugo; a subdelegada do Goberno e o secretario xeral da Delegación da Xunta en Lugo.

Tanto o secretario xeral de UGT-Galicia como o reelixido secretario xeral de UGT-Lugo-Lemos-Costa nas súas respectivas intervencións fixeron unha análise da situación actual e coincidiron en demandar a urxente derrogación da reforma laboral; a suba do SMI; que calquera modificación do actual sistema de pensións ten que pasar pola derrogación da reforma do ano 2013; apostaron porque os fondos de recuperación da UE sexan aproveitados para apostar por un cambio e un novo modelo produtivo para o país; e tamén coincidiron nun firme recoñecemento cara o papel dos traballadores e traballadoras nesta pandemia, sobre todo, aqueles que estiveron ó fronte nos momentos máis complexos, e tamén recoñeceron o traballo que están a facer na actual conxuntura os e as representantes do Sindicato.

O 2º Congreso de UGT-Lugo-Lemos-Costa aprobou varias resolucións. Nunha delas celébrase a sentenza do TSXG que se fixo pública onte onde se anula o ERE de Alcoa pola mala fe negociadora da empresa. Ó respecto demandouse, neste Congreso, que a dirección da planta da Mariña se sente a negociar xa unha saída que garanta a continuidade da produción en San Cibrao, rexeitando categoricamente o peche de Alcoa. Neste mesmo senso, pediuse unha política industrial clara e eficiente por parte das administracións que evite a crise ou o peche de máis industrias.

Tamén se demandou a reactivación e mellora dos servizos ferroviarios en Galicia, co compromiso das distintas administracións implicadas para ir cara un modelo ferroviario útil, eficaz e integrado nunha rede de transporte que vertebre o desprazamento de persoas e atenda ás necesidades empresariais de Galicia, o que resulta de vital importancia para o desenvolvemento económico e social desta comunidade.

Por outra banda, o Congreso ven de aprobar outra resolución que incide en que unha saída xusta da crise obriga a situar ós servizos públicos no centro das políticas e plans de recuperación tras a pandemia. Lembrouse que se chegou á pandemia da COVID-19 lastrando as consecuencias dos recortes da crise de 2008 e, aínda así, os traballadores e as traballadoras dos servizos públicos fixeron todos os esforzos ó seu alcance, ás veces o imposible, na loita contra o virus. Chegou a segunda onda e as administracións, tanto central como autonómica, aínda non adoptaron todas as medidas necesarias, como a contratación de máis persoal sanitario e de atención ós maiores, máis profesores ou reforzar algúns ámbitos como o SEPE ou a Seguridade Social. UGT vai traballar para que nos plans de reconstrución cos fondos europeos se teña en conta o reforzamento dos servizos públicos porque a defensa do público é o noso compromiso.

Fuente: UGT-Galicia