O Comité Nacional de UGT-Galicia reclama sentido de Estado para unha recuperación xusta e un uso útil dos fondos europeos para unha Galicia competitiva

Fecha: 26 Ene 2022

O Comité Nacional do Sindicato, que se reuniu hoxe en Santiago, insta á Xunta a que reactive as mesas de diálogo social destinadas a modernizar as políticas activas de emprego e a que asuma as súas competencias en política industrial

O Comité Nacional de UGT-Galicia reclama ás forzas políticas sentido de Estado para abordar unha recuperación xusta e garantir un uso correcto e útil dos fondos europeos para unha Galicia competitiva e con emprego de calidade

O Sindicato reclama das forzas políticas apoio a unha Reforma Laboral, froito do consenso, que recupera dereitos para os traballadores e traballadoras

Santiago, 26 de xaneiro de 2022.- O Comité Nacional de UGT-Galicia, máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos e do que forman parte a Comisión Executiva de UGT-Galicia e representantes das federacións e unións comarcais, reuniuse hoxe en Santiago para analizar a situación sociolaboral actual e poñer enriba da mesa propostas de traballo de cara ós vindeiros meses, incidindo, sobre todo, nesta nova etapa de recuperación que se abre e ante a que hai que estar especialmente vixiantes para garantir que esta sexa xusta, igualitaria e sustentable.

A polarización política poden levar ó traste todos os esforzos en materia orzamentaria, tanto en Galicia como en España, e as oportunidades dos fondos europeos para unha Galicia máis competitiva e con emprego de calidade

Precisamente, neste senso, o Comité recoñeceu que tanto o conxunto de España como Galicia, grazas a unha estratexia de vacinación áxil, están nun bo punto de partida, dende un punto de vista da saúde das persoas, para afrontar a recuperación, o que debería ser aproveitado como factor preferente de competitividade. Pero isto, por culpa da polarización e confrontación política continua, non está a suceder. Nesta mesma liña, o Comité apuntou que os orzamentos xerais do Estado e os da Xunta, de carácter expansivo, deberían ser unha boa nova sumados a unha boa utilización e recepción dos fondos europeos co obxecto de crear un tecido produtivo estratéxico que conduza ó emprego de calidade nunha contorna sustentable. Por isto, para que estes obxectivos non se vexan obstaculizados polas continuas liortas políticas, UGT-Galicia insta ás forzas políticas, tanto a nivel do Estado como ás galegas, a que actúen con senso de Estado porque o futuro está en xogo e é este un momento no que todos deben ser moi coidadosos.

Aínda son moitas as eivas no eido económico e laboral que arrastra Galicia

En Galicia, todo apunta a unha reactivación económica, aínda que hai que estar moi vixiantes porque o PIB real galego aínda se atopa 3,5 puntos por debaixo do que se rexistraba en prepandemia. Ollo porque Galicia segue a ser unha das comunidades con menores taxas de actividade. A reactivación non está a ser homoxénea, a mellora concéntrase, sobre todo, no sector servizos, con importantes descensos na industria manufactureira e na construción. A calidade do emprego tampouco acompaña á recuperación. A ocupación a tempo parcial medra un 10,4%, fronte ó 1,7% da de tempo completo. Os contratos temporais crecen un 8,4%, fronte a tan só o 0,6% dos indefinidos. A desigualdade entre homes e mulleres continúa, tan só un dato, as tres cuartas partes do emprego a tempo parcial o ocupan mulleres.

O acordo da Reforma Laboral, sumado a unha modernización das políticas activas de emprego, deben ser os instrumentos para a mellora da calidade do emprego en Galicia

Para a mellora da calidade do emprego, o Comité Nacional, apela á posta en marcha do acordo da Reforma Laboral, acompañado, eso si, dunha aposta clara pola modernización das políticas activas de emprego. Estas deben ser adaptadas ás novas esixencias de dixitalización a automatización da actividade produtiva. O Sindicato lembra que esta é unha competencia propia da Xunta, polo que insta ó Goberno galego a que reactive as mesas de diálogo social para afrontar este importante reto.

A Xunta debe asumir as súas competencias en materia industrial e traballar para disipar as incertezas que rodean a este sector

Tamén insta á Xunta a que asuma as súas competencias en materia industrial. Son moitos os frontes abertos neste eido en Galicia. Hai que traballar xa para disipar as numerosas incertezas que rodean a este sector, falta de carga de traballo, elevado prezo da electricidade e o proceso de transformación enerxética. Estes riscos fan inaprazable a posta en marcha dunha política industrial na que se aposte por actividades de alto valor engadido e se aborde con especial atención o problema enerxético.

Os fondos europeos, un bo mecanismo para avanzar cara a modernización de Galicia e superar as eivas históricas. UGT-Galicia estará vixiante

Neste camiño están os fondos europeos que son unha importante oportunidade para avanzar cara a modernización de Galicia. Aquí UGT-Galicia vai estar vixiante para o seu correcto uso e aproveitamento co fin de paliar os continuos déficits que ten esta Comunidade no eido dos servizos públicos, que teñen que recuperar o seu papel como piar do estado de benestar, ser distribuidores da riqueza e garantes da cohesión social; na insuficiencia do seu tecido industrial; escaseza de investimentos en I+D+i; despoboamento do rural; brecha de xénero e dixital; e políticas formativas. Estes déficits non poden seguir lastrando a competitividade da sociedade galega e os fondos europeos son un bo mecanismo que debe ser aproveitado e xestionado con sentido e rigor.

Denuncia da exclusión social e informática que sofren as persoas maiores, que incide nunha exclusión sanitaria e bancaria

O Comité tamén demandou acabar coa desigualdade dixital, sanitaria e bancaria que sofren os nosos maiores. UGT denuncia a exclusión dixital e informática e a desprotección que sofren as persoas maiores de 55 anos, que incide nunha exclusión sanitaria e bancaria, máxime ante a escaseza de recursos sanitarios públicos e o peche de sucursais bancarias. Por mor de tales limitacións, 9,4 millóns de españois de máis de 55 anos non pode acceder á banca en liña, e 11 millóns non saben como pedir cita cun médico por internet ou instalar unha app no seu móbil.

UGT denuncia as políticas de exclusión social e territorial que executa a banca, co peche masivo de sucursais e o despedimento de decenas de miles de traballadores, que está a repercutir tamén sobre un peor servizo aos cidadáns, especialmente aos máis vulnerables dixitalmente, como os nosos maiores. É hora de poñer fin a esta desigualdade múltiple e facilitar a vida ás persoas maiores, marxinadas dun mundo dixital que moitas veces non está ao seu alcance. Por iso, é necesario que os gobernos adopten medidas para evitar a exclusión dos nosos maiores en todos os ámbitos, incluído o dixital.

O Comité pon en valor o Acordo de pensións e o da Reforma Laboral

A nivel estatal, o Comité puxo en valor, no contexto do diálogo social, dous importantes fitos, o Acordo de pensións, que conseguirá unha maior solidez e viabilidade do sistema, e o acordo da Reforma Laboral, froito da firmeza da organización, co que se lle dá estabilidade xurídica ós dereitos dos traballadores e traballadoras, recupérase o equilibrio da negociación colectiva; fortalécese a figura do contrato indefinido; e incorpora ó Estatuto dos Traballadores os acordos e prácticas do ERTE da pandemia, coa intención de priorizalos en detrimento dos despedimentos colectivos. En todo caso, o Comité Nacional de UGT-Galicia fai fincapé en que este acordo non é un final, é un paso transcendental para a recuperación pero hai que seguir traballando para seguir recuperando dereitos para o conxunto das persoas traballadoras. O que si agarda o Sindicato é que con este acordo a xeración de emprego de baixa calidade que se rexistra mude cara parámetros de estabilidade e calidade.

Urxe un V AENC, garantir a dignificación dos salarios e dos contratos e abordar a xornada de 4 días para mellores cotas de emprego e produtividade

A negociación colectiva tamén foi analizada polos membros do Comité. Coincidindo en que urxe que a patronal se sente a negociar xa un V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva que permita, iniciada a senda da recuperación económica, devolver ós salarios as perdas de poder adquisitivo que trouxo a Reforma Laboral de 2012. Así, débese incidira na dignificación dos salarios, xeneralizando as cláusulas de revisión nos convenios. A dignificación tamén debe pasar pola mellora das contratacións, eliminando a precariedade e perseguindo a fraude. A contratación indefinida debe ser a regra xeral. No eido da negociación colectiva tamén hai que traballar pola igualdade real; abordar as novas formas de traballo; prestar especial atención á loita contra o acoso, contra a discriminación de certos colectivos como as persoas LGTBI ou as persoas con discapacidade.

Tamén se debe abordar o debate sobre a repartición do traballo. Para o cal, dende UGT-Galicia apóstase por unha xornada de catro días de traballo, 32 horas semanais, sen diminución salarial, co fin da acadar maiores cotas de emprego e produtividade de cara a unha mellor conciliación da vida laboral e persoal. Este instrumento tamén servirá para un maior grao de igualdade entre homes e mulleres.

Resolucións de urxencia

No contexto deste Comité, tamén foron aprobadas catro resolucións de urxencia.

Unha relativa á dignificación da atención á dependencia, coa que existe unha débeda política e social. Así, o Comité Nacional demandou diálogo social real a nivel estatal, de Galicia e dos concellos, no ámbito competencial de cada administración, para avanzar nun novo modelo de atención á dependencia tendente a considerar a xestión directa das residencias e servizos de axuda a domicilio e a establecer unha nova regulación que garanta uns estándares de calidade de servizos ás persoas maiores e dependentes e de calidade laboral.

Outra das resolucións de urxencia aprobada denuncia o despedazamento de Correos e demanda un plan estratéxico pola salvagarda do servizo público postal, así como, implementar as medidas que sexan necesarias para garantir os dereitos laborais dos seus traballadores.

O reforzamento e fortalecemento da atención primaria e hospitalaria foi outra das demandas en torno á que xirou a terceira declaración de urxencia. Nesta resolución incídese en que o persoal segue sendo esencial e a cidadanía ten dereito a unha atención sanitaria plena e de calidade. Para elo, cómpre incidir na necesidade dunha mellor organización, en máis recursos humanos e materiais e mellores condicións laborais para os profesionais.

Por último, o Comité aprobou unha resolución na que se puxo de manifesto a difícil situación industrial que está a atravesar Galicia, con centos de despedimentos como os de Vestas, Siemens Gamesa, a térmica de As Pontes e as súas auxiliares, así como moitas empresas contratistas de Navantia que a día de hoxe están paradas ou outras como en Barreras ou Alú Ibérica, e as súas auxiliares, onde as dificultades para manter o emprego son serias.

Por todo elo, o Sindicato esixe das distintas administracións unha política enerxética competitiva para manter as capacidades de produción, que se utilicen de xeito adecuado os fondos europeos para a modernización e industrialización do noso tecido produtivo, apostando pola I+D+i e o emprego de calidade. Para isto, as administracións teñen que despregar todos os seus recursos (SEPI, IGAPE, XESGALICIA...) en beneficio da industria estratéxica de Galicia e das persoas traballadoras, tanto das empresas principais como das auxiliares, ó igual que se está a facer noutras comunidades autónomas.


 


 


 


 


 


 


 

 

Fuente: UGT-Galicia