Neste 8M UGT-Galicia reitera que as mulleres sofren máis o desemprego e a precariedade no traballo. UGT-Galicia chama á participación nas mobilizacións deste 8M

A corresponsabilidade segue a ser unha materia pendente. Son as mulleres as que asumen maioritariamente as reducións de xornada, as excedencias, as xornadas parciais e os abandonos do mercado laboral para o coidado de menores ou maiores a cargo

Neste 8M UGT-Galicia reitera que as mulleres sofren máis o desemprego e a precariedade no traballo

UGT-Galicia chama á cidadanía galega a participar en todos os actos programados para conmemorar esta data porque, a pesar do contexto de recuperación, as brechas de xénero continúan ampliándose


 

Santiago, 6 de marzo de 2020.- Un ano máis achegámonos a este 8M, Día internacional da muller, cun amplo listado de demandas e achegas porque, a pesar do contexto de recuperación económica, as brechas de xénero continúan ampliándose. O retroceso sufrido en materia de igualdade na última década e a lentitude dos avances cando estes se producen fan cada vez máis intolerable a situación de discriminación e desigualdade que sofren as mulleres inxustamente.

As frías estatísticas son o espello dunha realidade que cómpre mudar para poder falar dunha sociedade igualitaria real e non sobre o papel. Así, o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables.

A pesar da progresiva incorporación da muller ao mercado de traballo, seguen persistindo as diferenzas de xénero.

A taxa de actividade feminina, 8,5 puntos por debaixo da masculina e afastada en 4,2 puntos da media estatal

A taxa de actividade feminina sitúase 8,5 puntos por debaixo da masculina (45.000 mulleres menos), ampliando o diferencial aínda máis con respecto ao ano anterior, segundo a EPA de 2019 (media anual). A taxa de actividade feminina en Galicia é inferior en 4,2 puntos da media estatal, diferenza que hai un ano era de 3,7, polo que aumenta a brecha. De feito, Galicia, tras Asturias e Estremadura, reflicte a menor taxa do Estado. Hai que subliñar que Galicia, cunha taxa de actividade feminina do 49,1%, dista moito da de outras comunidades como Madrid (58,7) ou Cataluña (57%).

A ocupación das mulleres galegas tamén é inferior á dos homes, en 52.700 persoas. Hai, segundo a EPA, 521.200 mulleres ocupadas, fronte a 573.900 homes. De cada cen persoas ocupadas, tan só o 47,6% son mulleres. Isto, a pesar de que o 52,2% da poboación de 16 ou máis anos nesta Comunidade son mulleres.

A brecha da taxa de emprego supera os 8 puntos e no desemprego as mulleres si están á cabeza, 2,1 puntos por enriba dos homes

Na taxa de emprego tamén existe unha brecha de 8,6 puntos. No caso dos homes esta é dun 51,4% e no das mulleres dun 42,8%. Aínda así, en ambos casos Galicia continúa moi afastada dos obxectivos de Europa 2020 que establece o 75% para ambos sexos.

Onde si existe unha taxa superior para as mulleres é no desemprego, 2,1 puntos por enriba da masculina, do 12,8% no caso das mulleres e do 10,7% no caso dos homes. No ano 2019 a taxa de paro feminina distanciábase, unha vez máis, da masculina en relación ao 2018. Tras a equiparación das taxas de paro durante a crise, volve a darse o tradicional diferencial, constatando a maior dificultade para o acceso ao mercado laboral das mulleres.

Pero é que o paro de longa duración tamén se ceba coas mulleres galegas, que representan o 54,4% das persoas desempregadas que levan máis dun ano na procura de emprego e 24.800 levan dous anos ou máis.

A inactividade ten rostro de muller

A inactividade tamén ten rostro de muller, hai 473.600 homes inactivos, fronte a 620.600 mulleres. E, ademais, se se analizan as causas desta inactividade, obsérvase como os coidados de nenos e nenas, persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores representan a maior porcentaxe. Do total das persoas que afirman estar inactivas por esta causa, o 88,6% son mulleres. No caso de “ter outras responsabilidades familiares ou persoais” as mulleres representan o 89,9% do total. Estes datos evidencian que a asunción de responsabilidades familiares é maioritariamente feminina. Pero o desánimo tamén ten rostro feminino, do total das persoas que indican que non buscan emprego por “crer que non o van atopar”, o 61,6% son mulleres.

Por outra banda, a segregación ocupacional horizontal e vertical segue a caracterizar o mercado laboral feminino en Galicia. As mulleres aglutinan o 56,6% da ocupación no sector servizos (102.200 mulleres máis) e un 43,9% tamén relevante na agricultura e gandaría. Sen embargo, na industria baixa a porcentaxe significativamente aos 28,2 puntos, no sector máis valorado e mellor retribuído, e ao 7,4% na construción.

Ponse de manifesto tamén a segregación vertical, xa que só o 33,2% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres, só o 2% das mulleres ocupadas atópanse nesta situación. A isto hai que engadirlle que as mulleres tan só representan o 17,3% nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35.

E seguimos sumando desigualdades. A igual formación, os homes teñen maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos, salvo no da educación superior. Así, compróbase que a maior nivel educativo, maior empregabilidade no mercado laboral. Constátase que a formación é a principal ferramenta para lograr a inclusión da muller no mercado laboral.

As mulleres tamén soportan taxas de temporalidade superiores, máis contratos fixos descontinuos e parciais

A inestabilidade laboral tamén dificulta máis o mantemento do emprego no caso das mulleres. Se a taxa de temporalidade no 2019 foi do 26,5%, no caso das mulleres esta porcentaxe achégase aos 27,8 puntos. Do total da poboación asalariada con contrato temporal, o 51,9% son mulleres.

Tamén resulta significativo que do total da poboación asalariada con contrato fixo descontinuo, hai 6.600 mulleres, fronte a 2.600 homes. Isto implica menores salarios ao ano, xa que só se cobra nos períodos traballados e consúmese paro no resto.

O emprego a tempo parcial tamén segue sendo para as mulleres. En Galicia hai 117.000 mulleres con contrato a tempo parcial e 38.600 homes. No emprego a tempo parcial a porcentaxe de mulleres ocupadas acada o 75,2%. O 22,4% da ocupación feminina o é a tempo parcial, fronte a tan só o 6,7% dos homes. O que supón unha brecha de 15,7 puntos.

Séguese a suspender en conciliación e corresponsabilidade

Ademais das eivas do mercado laboral galego, que afectan a ambos sexos, existen dous factores que lastran aínda máis a condición da muller no mundo do traballo, conciliación e corresponsabilidade. Das persoas que teñen un contrato a tempo parcial por ter que coidar a familiares ou atender outras responsabilidades familiares, o 93,5% son mulleres. Pero tamén son moitas as mulleres que, aínda querendo acceder a un contrato a tempo completo, non poden porque ao mercado laboral non llo facilita, 61.000 mulleres.

As reducións de xornada son solicitadas no 76,4% dos casos por mulleres. E o mesmo sucede coas excedencias por coidado familiar que no 88,14% dos casos son demandadas por mulleres.

Por todo isto, e porque a sociedade galega segue a ser desigual e aínda queda moi por andar, UGT-Galicia, non só neste 8M, senón todos os días do ano, vai seguir demandando facer efectivo o diálogo social e a negociación colectiva, incrementar as políticas activas de emprego, adoptar medidas que fagan posible a negociación de plans de igualdade nas empresas, así como medidas de acción positiva destinadas a eliminar a discriminación no emprego e na protección social.

Ademais, urxe unha Lei de igualdade salarial e reforzar os instrumentos e recursos de vixilancia da autoridade laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade. Avanzar na corresponsabilidade entre mulleres e homes e poñer en marcha un modelo educativo igualitario, ademais do fortalecemento dos servizos públicos.

Para denunciar esta situación, UGT-Galicia chama a todas as traballadoras e traballadores, e á cidadanía en xeral, á participación activa nos distintos actos, mobilizacións e manifestacións que terán lugar o 8 de marzo.


 

NOTA: A VOCEIRA DESTE TEMA É A SECRETARIA DE IGUALDADE, XUVENTUDE E MOVEMENTOS SOCIAIS DE UGT-GALICIA, MÓNICA RODRÍGUEZ. TELÉFONO DE CONTACTO: 628470657.

INFORME SITUACIÓN SOCIOLABORAL MULLER EN GALICIA


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia