As mulleres galegas sofren unha brecha salarial superior ó 21%, deixando de percibir 2.721 millóns de euros ó ano

O 42% das mulleres asalariadas teñen ingresos menores ou iguais ao SMI, fronte ao 28% dos homes

As mulleres galegas sofren unha brecha salarial superior ó 21%, deixando de percibir 2.721 millóns de euros ó ano

Unha muller, para percibir unha cantidade superior aos 19.000 euros, ten que ter unha diplomatura universitaria, mentres que ós homes chégalles con estudos primarios


 

Santiago, 18 de febreiro de 2021.- Un ano máis, este 22 de febreiro, conmemórase o Día da igualdade salarial e UGT-Galicia, co gallo desta data, fai público hoxe un informe, elaborado pola Secretaría de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais do Sindicato, no que se constata que a brecha salarial nesta Comunidade, por razón de xénero, persiste e, de feito, danse pasos cara atrás nunha situación que parecía ter mellorado dende o ano 2014. Para realizar este informe, analizáronse os datos oficiais desagregados por sexo publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). No último ano publicouse a Enquisa Cuadrienal de Estrutura Salarial (ECES), que nos permite analizar maior número de variables que a Enquisa Anual de Estrutura Salarial (EAES).

Destas estatísticas dedúcese que no ano 2018 (último dato dispoñible), as mulleres galegas percibiron un salario medio anual inferior nun 21,3% ao dos homes. A fenda así calculada ten en conta as retribucións medias anuais de mulleres e homes, o número de horas traballadas e a duración do contrato.

As mulleres galegas perciben ó ano 5.283 euros menos que os homes. O salario hoxe das traballadoras galegas é similar ao dos homes no 2007, 11 anos de atraso

Se isto se traduce en termos absolutos quere dicir que as mulleres galegas perciben anualmente, de media, 5.283,74 euros menos que os homes. Así, as mulleres galegas perciben un salario medio similar hoxe ao dos homes galegos no 2007. As traballadoras galegas levan 11 anos de atraso nas contías dos seus salarios (hai que lembrar que se está a traballar con datos de 2018 que son os que están a día de hoxe pechados). Isto pon de manifesto as grandes diferenzas existentes e a lenta revalorización do salario feminino.

A brecha salarial traducida en euros supón que as mulleres galegas deixaron de percibir 2.721 millóns de euros no ano 2018 e isto deixando á marxe o que supoñería o traballo non retribuído das mulleres que se desempeña dentro do ámbito familiar, coidando menores, persoas dependentes e realizando as tarefas do fogar, no que non entrarían só as mulleres ocupadas.

Se a análise se fai en relación á retribución percibida por hora traballada, esta diferenza é dun 12,8%, ocupando as mulleres galegas o sexto posto de menor retribución por hora traballada de todo o Estado. Esta variable resulta moi significativa porque elimina os factores temporalidade e parcialidade á hora de facer a comparativa. E, aínda así, a diferenza segue a ser moi substancial.

As galegas perciben un 8,14% menos de salario por hora traballada que as mulleres do resto do Estado e un 7% menos de salario medio anual

En relación ó resto do Estado, as mulleres galegas perciben un 8,14% menos de salario por hora normal traballada que a media de mulleres do conxunto do Estado.

Se a comparativa se fai co salario medio anual, as estatísticas indican que as mulleres galegas perciben un 7% menos de salario anual que a media das mulleres do conxunto do Estado, sendo Galicia a oitava comunidade autónoma onde o salario medio anual é máis baixo.

De aquí conclúese que os ingresos medios das mulleres galegas (19.534,17 euros) foron 1.468,72 euros inferiores á media dos salarios medios das mulleres do conxunto do Estado. O que supón un 7% menos. Porcentaxe que se pode elevar ata o 21,1% se a comparativa se fai, por exemplo, coas mulleres vascas.

A brecha dos complementos salariais achégase ós 28 puntos. Actuando sobre estes podería reducirse moito a desigualdade

UGT-Galicia sempre insiste en que un factor que explica por si mesmo a brecha salarial é a existencia ou non de complementos salariais e o seu peso sobre o total de salario bruto. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é moi superior (701,66 euros máis) ao das mulleres, o que supón unha brecha do 27,9%. Actuando sobre estes poderíase reducir en boa medida a desigualdade nos salarios entre homes e mulleres, e máis tendo en conta que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden tras de si discriminacións directas.

A maior temporalidade diminúe a brecha salarial, sendo nos contratos de duración indefinida nos que se amosa un maior diferencial entre homes e mulleres. No ano 2018 en Galicia houbo 324.300 homes con contratos indefinidos (cuxo salario é superior nun 22,42% ao feminino), fronte a 309.100 mulleres. Houbo 111.600 homes con contrato de duración determinada, fronte a 117.400 mulleres (cunha brecha dun 13,33%).

A brecha salarial nos contratos a tempo completo é do 11,4%, mentres que nos contratos a tempo parcial sitúase no 16,5%, polo que, independentemente da variable que analicemos, as mulleres sempre perciben salarios inferiores ás dos homes.

A brecha no público é do 6,6%, fronte ó 30,4% no sector privado

Tendo en conta a Enquisa cuadrienal de Estrutura Salarial 2018 do INE, a brecha salarial en empresas de control público é do 6,6%, fronte ao 30,4% nas empresas de control privado. Hai que ter en conta os continuados recortes salariais aplicados polo Goberno ao persoal ao servizo das administracións públicas, que contan cun total de 149.157 persoas, 59% son mulleres (87.791).

A fenda está presente en todos os tramos de idade

As mulleres sofren a brecha salarial en calquera tramo de idade. Mentres que as mulleres entre 25 e 34 anos sofren unha brecha salarial do 16,8%; as de 35 anos a 44 anos sofren unha brecha do 18,7%. No seguinte tramo de idade, de 45 a 54 anos, volve incrementarse a brecha substancialmente, ó 25,1%; e no de 55 e máis anos, do 23,6%.

A formación tampouco é un factor igualitario nas percepcións salariais. A igual formación, as mulleres perciben sempre salarios inferiores aos dos homes. Unha muller para percibir unha cantidade superior aos 19.519,97 euros, que os homes ingresan tendo estudos primarios, necesita ter unha diplomatura universitaria ou similar.

A igual nivel de estudos as mulleres perciben menos salario que os homes con independencia da categoría analizada. A brecha salarial supera o 25% en todos os niveis analizados excepto no caso de ter unha diplomatura universitaria e similar (17,5%), aínda que neste caso a diferenza elévase aos 5.451,06 euros. A brecha dispárase aínda máis no caso dos estudos primarios, alcanzando unha diferenza do 36,3%.

En todas as ramas de actividade existe desigualdade

Por ramas de actividade a fenda tamén se perpetúa. Entidades Financeiras e Aseguradoras,cun 27,6% ,e Servizos ás empresas, co 27,6%, son as que presentan as brechas máis elevadas. Na rama de “Comercio, reparacións e transporte”, onde están ocupadas máis da quinta parte das mulleres, estas soportan unha brecha salarial do 26.6%. Tamén na industria, onde hai 41.271 mulleres asalariadas e teñen un peso sobre o total do 31%, teñen unha brecha salarial do 26%.

As menores diferenzas danse na “Construción e actividades inmobiliarias” e “Servizos sociais”, cun 11.2% e un 16,8% de brecha salarial, respectivamente.

Se se sitúa o SMI como punto de comparación, constátase que o 42% das mulleres asalariadas teñen ingresos salariais menores ou iguais ao SMI, fronte ao 28% dos homes, pero a situación invértese nos salarios máis altos. Se pola contra, facemos unha análise dos salarios máis elevados, 15.809 homes tiveron salarios cinco veces superiores ao SMI, fronte ao 7.144 mulleres. É moi significativo que das 2.157 persoas que en Galicia cobran máis de 10 veces o SMI, só 393 son mulleres.

As beneficiarias de prestación por desemprego perciben contías un 11,4% inferiores ás dos homes

Todas estas diferenzas que as mulleres sofren no eido laboral, evidentemente, acaban trasladándose ó momento no que perden o seu emprego e pasan a percibir prestacións ou no momento en que acceden a unha xubilación. Así, as beneficiarias de prestación por desemprego perciben contías un 11,4% inferiores ás dos homes. En Galicia, mentres que un home perciben unha prestación media anual de 3.316 euros, a das mulleres sitúase en 2.937 euros.

E nesta análise non podemos esquecer ás 24.639 (dato xaneiro 2021) traballadoras do Réxime Especial de persoas empregadas do fogar da Seguridade Social (tan só hai 558 homes neste réxime) que non teñen dereito a desemprego.

A brecha nas pensións de xubilación elévase ó 36%

Máis do mesmo en materia de pensións. Mentres que no ano 2002 a diferenza entre a pensión de xubilación dun homes e dunha muller en Galicia era de 188,48 euros, no ano 2020 elévase a 414,23 euros. A brecha salarial nas pensións de xubilación elévase para as mulleres galegas ata o 36%.

Reivindicacións

A Unión Xeral de Traballadores lembra que, a partir do 14 de abril de 2021, entrará en vigor o Regulamento de Igualdade Retributiva, aprobado o 13 outubro de 2020 en Consello de Ministros, froito do Diálogo Social. Este Regulamento expón directrices de como levar a cabo as dúas ferramentas: o rexistro salarial e a auditoría salarial, aprobadas en marzo de 2019. Iso conleva a revisión de todos os convenios colectivos para introducir os rexistros salariais e a elaboración e revisión dos Plans de Igualdade nas empresas de máis de 100 persoas traballadoras a partir de marzo de 2021 e das empresas de máis de 50 persoas a partir de marzo de 2022.

UGT esixe con carácter prioritario:

• Ao Goberno os recursos económicos e humanos suficientes, para afrontar esta tarefa inmensa que sen dúbida contribuirá a reducir e eliminar a discriminación salarial que sofren as traballadoras.

• O Goberno debería gravar as cotizacións á Seguridade Social nos contratos a tempo parcial, co fin de reducir o abuso desa modalidade de contratación con mulleres, como xa o sinalaron hai dous anos o Tribunal de Xustiza Europeo e o Tribunal Constitucional español, que consideran discriminatoria cara ás mulleres esa modalidade contractual.

• Ás empresas compromiso e implicación na posta en marcha, que se realizará a través da negociación colectiva, das dúas ferramentas que van permitir coñecer de maneira máis precisa onde se produce a infravaloración do traballo das mulleres.

• Á Comisión Europea a aprobación da Directiva de Transparencia Salarial que prometeu a presidenta da Comisión Europea nos seus primeiros cen días de mandato e pasou máis de ano e medio e non temos noticias que se vaia a adoptar en breve. Así llo fixemos saber á representación española na Comisión Europea e á Oficina en España da Comisión Europea, con escasos resultados. O motivo de que aínda non se aprobara unha Directiva Comunitaria sobre Transparencia Salarial é debido ao tempo que se están tomando para acordar e redactar un documento excelente.

A Directiva Comunitaria debería conter sancións disuasorias para as empresas que incumpren sistematicamente o artigo 28 do Estatuto dos Traballadores no referido a igual salario por traballo de igual valor.

UGT insiste con respecto aos coidados e ao emprego:

• En demandar do Goberno, de maneira complementaria a creación de escolas Infantís de 0 a 3 anos, de carácter público e gratuíto e de calidade. Así como centros de día públicos que aseguren os coidados das persoas dependentes.

• Implementar e reforzar un sistema de coidados de calidade, atendido por persoas profesionais que atendan ás persoas en situación de dependencia e discapacidade para evitar o abandono do emprego das mulleres para dedicarse ao coidado das persoas dependentes.

• Crear Comités de Brecha Salarial de Xénero a imaxe dos Comités de Seguridade e Saúde no Traballo e a figura da Delegada de Brecha Salarial.

• Incentivar medidas dirixidas á promoción de mulleres en todos os sectores de actividade.

 

INFORME BRECHA SALARIAL GALICIA 2021