Miles de persoas recorreron as rúas das cidades e vilas galegas para reivindicar que “Agora toca cumprir porque o país está en débeda coa súa xente traballadora”

Miles de persoas recorreron as rúas das cidades e vilas galegas para reivindicar que “Agora toca cumprir porque o país está en débeda coa súa xente traballadora”

Chegou a hora da axenda social, dun modelo social e económico máis xusto, de protexer e reforzar os servizos públicos e destacar o valor insubstituíble do traballo das persoas traballadoras

Santiago, 1 de maio de 2021.- Miles de persoas saíron hoxe ás rúas das cidades e vilas galegas para conmemorar este Primeiro de Maio no que se reivindicou que “Agora toca cumprir” cos traballadores e traballadoras. Toca situar no diálogo social as materias relacionadas con esta posta en valor do mundo do traballo e das actividades esenciais e, de xeito urxente, poñer en marcha a axenda social pendente e comprometida co Goberno.

UGT-Galicia, xunto co S.N. de CCOO de Galicia, convocaron manifestacións na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Arousa e Vigo. En Santiago tivo lugar unha concentración.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, participou na manifestación de Vigo. Nesta insistiu en que ás portas dunha recuperación progresiva da normalidade, grazas ó proceso de vacinación que nos deixa ver a luz ó final do túnel, hai que esixir que esta sexa para todos e todas, en igualdade, como vimos insistindo, sen que quede ninguén atrás. Non se poden volver a cometer os erros da crise anterior na que se deixou a milleiros de familias sen saída e que aínda hoxe están a pagar as consecuencias.

Chegou o momento de que os gobernos, tanto central como o da Xunta, cumpran os seus compromisos. Agora toca cumprir porque este país está en débeda coa súa xente traballadora.

Chegou o momento de esixir xa a derrogación das reformas laborais que tanto dano fixeron ó mercado laboral do noso país. Hai que rematar coa dualidade do mercado de traballo, recuperar a ultraactividade dos convenios colectivos e a referencia de mínimos dos convenios sectoriais. Pero tamén hai que abordar outras medidas como a reforma da contratación que acabe coa elevada e endémica temporalidade; negociar medidas de flexibilidade interna fronte ó recurso ós despedimentos; apostar por un modelo público de pensións e derrogar a reforma unilateral do PP de 2013; mellorar as prestacións por desemprego; aprobar unha Lei de igualdade salarial ou promover un plan de choque contra a sinistralidade que free as inaceptables cifras de accidentes laborais. Tamén resulta inxustificable a negativa do Goberno a subir o SMI, que afecta ás persoas máis vulnerables, moitas delas, traballadoras de sectores esenciais.

E, por suposto, despois da lección e do que temos aprendido con esta pandemia, urxe, sen máis demora, a recuperación dos servizos públicos.

Neste Primeiro de Maio nas rúas de toda Galicia tamén se demandou un sistema impositivo xusto porque, sen impostos, está claro que non se poden atender os servizos públicos nin as necesidades da xente.

Ademais, chegou o momento de pedir a reactivación da negociación colectiva para que os traballadores e as traballadoras teñan máis medios, máis recursos, para que os niveis de consumo sexan máis altos e a recuperación sexa unha realidade.

As mobilizacións que se celebraron hoxe tamén foron actos de recoñecemento e homenaxe para os traballadores e traballadoras dos sectores esenciais que estiveron en primeira liña nos momentos máis complexos desta crise sanitaria.

En canto ós fondos europeos do plan de reconstrución, cualificáronse como unha gran oportunidade pero deben estar vinculados á creación de emprego e teñen que servir para que España en xeral e Galicia sexan territorios máis reequilibrados.

Hoxe, nas rúas galegas, tamén se demandou unha saída á situación de Alcoa, Alu Ibérica, un futuro claro para o naval de Vigo e Ferrol, un futuro para Cerceda e As Pontes, que os procesos de transición sexan iso, unha transición, non sacar industrias ata ter alternativas laborais e produtivas. Tamén se denunciou o goteo continuo de EREs que se está anunciando dende determinadas empresas, facendo fincapé no sistema financeiro. Este sector está a ser unha mostra de falta de resposta ó interese xeral que ten o sistema financeiro e a falta de interese cara os seus empregados e empregadas, así como cara á cidadanía en xeral.

O secretario xeral de UGT-Galicia insistiu en que temos que coller folgos entre todos e traballar por unha saída igualitaria e xusta para todos. E as rúas este primeiro de maio así o manifestaron.

Os vellos problemas do mercado laboral seguen aí pero agora agudizados pola crise, son moitas as familias que están a sufrir e chegou o momento de que os gobernos cumpran e que garantan que a recuperación que se achegue sexa xusta a igualitaria. Que ninguén quede atrás.