Miles de persoas mobilizáronse este 1º de Maio en Galicia pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

Fecha: 01 May 2022

Miles de persoas mobilizáronse este 1º de Maio en Galicia pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade


 

Santiago, 1 de maio de 2022.- Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, saíron ás rúas das principais cidades e vilas galegas, para celebrar este 1º de Maio e demandaron a suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, destacou que este 1º de Maio foi unha xornada para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas.

A celebración deste 1º de Maio non escapou ó contexto, empañado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ó sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra. Neste senso, nas manifestacións amosouse a solidariedade con todos eles e con moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución.

Fíxose balance da bagaxe positiva coa se concorreu a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación.

Pero a cara negativa deste 1º de Maio foi unha conxuntura económica marcada por un IPC preto do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país.

Neste senso, a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias.

Maior soporte para os máis vulnerables

O secretario xeral de UGT-Galicia recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables.

Finalmente, explicou que neste 1º de Maio leváronse ás rúas outra serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.

Fuente: UGT-Galicia