José Antonio Gómez novo Presidente do Consello Sindical Interrexional Galicia/Norte de Portugal

Gómez reclamou poñer en marcha máis medidas para respostar ás necesidades sanitarias e económicas que continúa provocando a pandemia do COVID-19

José Antonio Gómez, secretario Xeral de UGT-Galicia, ven de ser elixido novo Presidente do Consello Sindical Interrexional Galicia/Norte de Portugal no transcurso da Asemblea Xeral do organismo celebrada hoxe por videoconferencia.

O Consello Sindical Interrexional Galicia/Norte de Portugal é un órgano de participación e acción sindical no ámbito da Eurorrexión que está composto polas organizacións sindicais da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal (UGT-Galicia, UGT-Portugal, CCOO de Galicia e CGTP-IN) que están adheridas á Confederación Europea de Sindicatos (CES).

Os principais obxectivos do CSIr Galicia/Norte de Portugal son o estudo e valoración dos problemas económicos, socias e laborais, comúns de Galicia e do Norte de Portugal; a coordinación de accións de defensa e promoción que os intereses sociais, políticas económicos, profesionais e culturais das persoas traballadoras; a participación no desenvolvemento e execución de actividades e labores tendentes a incrementar o benestar social, económico e intelectual das persoas traballadoras no ámbito da Eurorrexión e a promoción da cooperación interrexional transfronteiriza e a solidariedade das persoas traballadoras de ambas rexións.

O CSIr Galicia/Norte de Portugal traballa para remover unha serie de obstáculos que dificultan o fluxo de persoas traballadoras entre as dúas partes, como a falta de cooperación dos servizos públicos de emprego, a inexistencia dun sistema de equivalencia de titulacións, a segmentación laboral, a elevada temporalidade, o descoñecemento de estatísticas de ilegais, etc.

José Antonio Gómez expresou a necesidade de “seguir impulsando medidas que faciliten o dereito á mobilidades, os dereitos laborais específicos das persoas traballadoras transfonteirizas, o dereito a sistemas de protección social non discriminatorios ou a mellora dos sistemas de formación profesional nas dúas rexións”.

Neste senso, o secretario Xeral de UGT-Galicia sinalou que é preciso “reflectir mecanismos de coordinación da actividade da Inspección de Traballo e Seguridade Social e da Autoridade para as Condicións de Traballo” en émbolos dous lados da fronteira, asi como o intercambio de información da lexislación laboral e fiscal, “dando prioridade aos sectores con grandes niveis de mobilidade, maior control dos convenios ou actualización dos datos estatísticos”.

Finalmente, Gómez recalcou que, na liña que defende a propia Confederación Europea de Sindicatos, é necesario e urxente “poñer en marcha máis medidas para respostar ás necesidades sanitarias e económicas que continúa provocando a pandemia do COVID-19”.

Fuente: UGT-Galicia