FeSP-UGT denuncia a falta de transparencia, carencia de medios e precariedade que sofren os traballadores do Sergas

Fecha: 23 Mar 2020

O Sindicato ven de remitirlle un escrito á dirección do Sergas

FeSP-UGT denuncia a falta de transparencia, carencia de medios e precariedade que sofren os traballadores do Sergas


 

Santiago, 26 de marzo de 2020.- FeSP-UGT-Galicia denuncia o descontrol, falta de transparencia, carencia de medios e a precariedade que sofren as persoas traballadoras do Sergas na actual conxuntura de crise sanitaria polo COVID-19.

No comezo desta pandemia as persoas traballadoras do Sector de Sanidade de UGT sempre estivemos dispoñibles para axudar na medida das nosas posibilidades, incluso poñéndonos ao dispor do Sergas desde antes de que se decretase o estado de Alarma Sanitaria, para incorporarnos aos nosos postos de traballo, sendo conscientes de que nesta situación todos temos que remar na mesma dirección.

Pero á vista da evolución que está a ter a pandemia de COVID-19 en Galicia, vémonos na obriga de denunciar e esixir ao Sergas, que no marco das súas competencias, que son todas, cambie de estratexia e céntrese na solución do problema que non é outro que a infección e transmisión polo COVID-19 e a protección das persoas traballadoras para que poidan realizar o seu traballo con seguridade.

Falta de transparencia

A pesar da nosa insistencia en reclamar datos fiables de persoas traballadoras infectadas, illadas ou hospitalizadas, o Sergas segue sen achegar datos, mais alá dos que facilitan pola súa conta algunhas xerencias. É un dereito das persoas traballadoras, coñecer se existen persoas infectadas nos centros de traballo para poder adoptar as medidas preventivas oportunas.

É unha obriga do Sergas realizar os test de detección do COVID-19 a todas as persoas traballadoras, co fin de detectar e cortar a transmisión entre os profesionais.

Á hora de realizar os test (claramente en número insuficiente), o descontrol é manifesto, hai probas realizadas desde hai 7 días, e aínda non se deron os resultados aos traballadores do Sergas. Realízanse probas por categorías, non é estraño atoparnos que se cita a todo o persoal médico e aos 5 días ao resto de persoal, que seguen sen coñecer os seus resultados, realizando a súa actividade normal descoñecendo se son ou non portadores.

Ante esta falta de control e transparencia, só cabe pensar que se ocultan os resultados dos test para non recoñecer o verdadeiro índice de afectados entre o persoal.

Falta de medios

A día de hoxe, queremos poñer de manifesto a escaseza de medios de protección individual cos que contan as persoas traballadoras, que nalgúns casos teñen que fabricar as súas propias batas, máscaras, protectoras..., algo totalmente intolerable no Sistema Público de Saúde.

As traballadoras e traballadores están a sufrir presións dos seus mandos intermedios para que non utilicen todos os medios de protección, xa que, segundo manifestan, estase baixo mínimos.

Precariedade das condicións de traballo

A falta de transparencia, a falta de medios e o descontrol á hora de realizar as probas de detección, contribúen a precarizar as condicións de traballo, ata o punto de que está a aumentar o número de persoas traballadoras infectadas, aínda que este extremo non se recoñeza desde o Sergas.

Demandas

Por todo isto, FeSP-UGT-Galicia solicita unha coordinación eficiente e centralizada, para que dunha maneira homoxénea se poidan implementar medidas que contribúan a atallar o brote de COVID-19 a todos os niveis (atención primaria e hospitalaria).

Solicitamos que se realicen as probas de detección a todo o persoal do Sergas (sobre todo aos que teñan atención directa).

Solicitamos igualmente que se facilite toda a información sobre persoal, tanto sintomático como asintomático infectado e/ou illado.

Solicitamos que se dote de material suficiente a todos os servizos hospitalarios e de atención primaria.


 

Fuente: UGT-Galicia