Familias ucraínas asentadas en Galicia poñen en marcha, en colaboración con UGT-Galicia, unha campaña de recollida de material nas sedes do Sindicato

Familias ucraínas asentadas en Galicia poñen en marcha, en colaboración con UGT-Galicia, unha campaña de recollida de material nas sedes do Sindicato


 

Santiago, 7 de marzo de 2022.- Unha representación de familias ucraínas asentadas en Galicia, o secretario xeral de UGT-Galicia, a responble de Políticas Sociais do Sindicato e a responsable do Centro de integración e asesoramento sociolaboral para inmigrantes que UGT ten en Ourense ofreceron hoxe en Santiago unha rolda de prensa na que presentaron unha campaña de recollida de material que se vai poñer en marcha en colaboración con UGT-Galicia que abrirá todas as súas sedes ás que se poderán achegar as doazóns.

Ademais, como explicou o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, o Sindicato vai abrir, en colaboración coas federacións, vías de traballo con empresas loxísticas galegas para a almacenaxe e transporte do material que chegue ás sedes. Tamén está en contacto con UGT confederal para analizar como se fará chegar todo isto ós puntos de demanda, sobre todo, ós puntos fronteirizos en Polonia.

Neste senso, Gómez tamén apelou á Xunta a que habilite todos os mecanismos que están ó seu alcance para a axuda, asilo e protección ós refuxiados.

Tamén anunciou que o día 9 UGT e CCOO convocan en todo o país paros simbólicos de cinco minutos, das 12.00 ás 12.05 horas, con concentracións ás portas dos centros de traballo para rexeitar esta cruenta guerra e dicir “Basta xa” ó atague indiscriminado de Rusia ó pobo ucraíno.

Na súa intervención tamén houbo palabras de solidariedade coa poboación rusa que está a ser reprimida, así como cos medios de comunicación que están a ser silenciados e a sufrir os ataque rusos.

Montse Pérez, a responsable do Centro de integración e asesoramento sociolaboral para inmigrantes de Ourense, explicou que as familias ucraínas achegáronse a este centro para pedir axuda e o Sindicato non dubidou en poñer en marcha a súa maquinaria porque nestes momentos toda axuda é necearia e cantos máis actores haxa neste proceso de solidariedade mellor. Ademais, UGT con todas as súas sedes, ten forma de chegar a todos os puntos do territorio e a moita poboación para canalizar esta solidariedade que se demanda. Explicou que en Galicia hai censados a día de hoxe máis de 700 ucraínos que viñeron a este país na busca dun futuro mellor e que agora queren axudar ós seus compatriotas e familiares que están sufrindo en Ucraína ou na súa fuxida. Exemplificou moi ben esta necesidade de axuda, para os ucraínos a vida pasou nun día do todo á nada.

Despois, Sofiya Lykhohray, Savitlono Lotsik, Gala Fedoskina e Yuri Lykhohray puxéronlle voz en primeira persoa ó drama que se está a vivir. Son ucraínos que viven en Galicia pero que manteñen os lazos con Ucraína e todos eles con familia e achegados neste país. Relataron a dor que están a sufrir os ucraínos que permanecen alí vítimas da barbarie de Rusia, a desesperanza e incertidume que sofren tamén os que decidiron saír do país, a maioría mulleres con nenos, e a dor que sofren eles mesmos, incluso ás veces con sentimento de culpa, por non estar no seu país e ó carón dos seus.

Polo cal, decidiron que lles toca axudar na medida das súas posibilidades, para o cal puxéronse en contacto con UGT para pedir a súa colaboración.

Concretamente, en canto ó material máis demandado e máis necesario neste momento, como o trasladaron as propias familias ucraínas coas que estamos en contacto, son cueiros, toalliñas húmidas, compresas, pasta e cepillos dentais, pastillas de xabón, café, te, chocolate, barras enerxéticas, froitos secos, conservas, flocos de avea, leite en po, sopas e comidas instantáneas, potitos, azucre, sacos de durmir, mantas, roupa térmica, roupa interior, gorros, luvas, colchonetas, esterillas, queimadores, cámping gas, lanternas, pilas, focos adaptables, pastillas de auga potabilizadoras, set de costura, tiritas, vendas, gasas, apósitos, auga osixenada, alcol, iodo, betadine, analxésicos, antiqueimaduras, soro, protectores gástricos ou luvas cirúrxicas.

Sería bo que o que se doe fágase en caixas, aínda que sexa dun só produto, por exemplo, unha caixa só con paquetes de café, para facilitar así o traballo loxístico e de envío.


 

Fuente: UGT-Galicia