A epidemia do COVID-19 revela a debilidade da prevención de riscos laborais

Fecha: 24 Abr 2020

28 de Abril 2020, Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo

A epidemia do COVID-19 revela a debilidade da prevención de riscos laborais

No 2019, un total de 32.651 traballadores galegos foron vítimas dun sinistro laboral, 62 con resultado de morte, e nos dous primeiros meses de 2020 xa van 4.631 persoas que sufriron un accidente, 10 delas perderon a vida

Santiago, 24 de abril de 2020.- O vindeiro martes celebrarase, como cada ano, en todo o mundo o Día internacional da saúde e a seguridade no traballo. Pero este 28 de abril vai ser diferente. Evidentemente, non imos deixar de lembrar aos traballadores e traballadoras que sofren a sinistralidade laboral (32.651 accidentes en Galicia no 2019 e 4.631 nos dous primeiros meses de 2020), ben sexa porque son vítimas dos accidentes no traballo, ben porque padecen doenzas derivadas deste ou, no peor dos casos, porque faleceron no seu posto de traballo ( 62 falecidos nesta Comunidade no 2019 e xa 10 mortos nos dous primeiros meses de 2020). Por iso, UGT-Galicia non se vai cansar de denunciar as condicións de traballo que están na orixe desta eiva, sobre todo nun mercado laboral como o noso marcado pola precariedade, e realizar propostas de cambio na normativa e nas políticas para mellorar a saúde e a seguridade.

Pero, este ano, no actual contexto de crise sanitaria e económica, motivada polo COVID-19, con ducias de miles de vidas sesgadas, o recordo de UGT é tamén para estas vítimas, pero tamén para todas aquelas persoas que dende os seus postos de traballo convertéronse no principal valuarte de defensa fronte á enfermidade, poñendo en risco a súa propia saúde e, en demasiadas ocasións, a súa propia vida. Persoas da clase traballadora que hoxe demostran que son a clave para manter os servizos máis básicos da sociedade.

A CRISE DO COVID-19 EVIDENCIA A DEMANDA HISTÓRICA DE UGT, A SAÚDE LABORAL SEMPRE DEBEU FORMAR PARTE DA SAÚDE PÚBLICA. ESTA CRISE DEMOSTROU NEFASTOS RESULTADOS NUN SISTEMA DE PREVENCIÓN DA SAÚDE MERCANTALIZADO

UGT sempre defendeu que a saúde laboral formase parte da saúde pública, e esa realidade faise máis patente que nunca hoxe, coa crise do COVID-19. De feito, os contaxios no ámbito laboral e nos desprazamentos vinculados son, lamentablemente, importantes vectores de propagación do virus, tanto nos sectores esenciais que están garantindo a saúde e as subministracións da poboación como en empresas que non forman parte deles. UGT tamén alertou historicamente da contradición entre o mantemento dun sistema económico que prima a obtención de beneficios empresariais fronte á saúde das persoas traballadoras.

OS RECORTES EN MATERIA PREVENTIVA DESTES ÚLTIMOS ANOS, DENDE A CRISE DE 2008, TAMÉN SE PAGAN HOXE NESTA CRISE

Logo da gran recesión de 2008 e a imposición de políticas de austeridade como única vía posible de saída da crise, vimos como os recortes decimaban servizos públicos que agora se revelan imprescindibles, como a sanidade pública. Paralelamente, produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas e de financiamento de políticas públicas activas en materia preventiva. Na última década asistimos a un rebrote dos accidentes de traballo, á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais, e afixémonos a que o lema «a precariedade laboral mata» se fixera recorrente nas campañas sindicais de denuncia.

A PANDEMIA ACABOU POR ARRASAR A PREVENCIÓN QUE XA FUNCIONABA COMO UN NEGOCIO, COA EXTERNALIZACIÓN DA SÚA XESTIÓN E MINIMAMENTE REGULADO O MERCADO POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS

O sistema preventivo español xa se encontraba nunha situación de debilidade debido a demasiadas inercias derivadas das opcións que se foron tomando durante estes 25 anos desde a aprobación da Lei de prevención de risco laborais: configuración da prevención como un negocio e non como un dereito, externalización da súa xestión, imposibilidade de articulación sindical nun universo de pemes e micropemes e un medio institucional de actuación pública que apenas regula minimamente o «mercado da prevención». Pero a chegada da pandemia do COVID-19 acabou por arrasar a prevención en España.

OS SERVIZOS DE PREVENCIÓN AMOSARON AS SÚAS LIMITACIÓNS, SOBRE TODO, NOS ALLEOS QUE SE LIMITABAN A FACER TAREFAS BUROCRÁTICAS E CON ESTA CRISE DESAPARECEN DA ESCENA

Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias. E se estas limitacións se puideron apreciar en servizos de prevención propios, no caso dos servizos de prevención alleos alcanzaron cotas escandalosas. A maioría dos servizos de prevención alleos non foron desenvolvendo tempo antes unha verdadeira prevención nas empresas, senón que se limitan a tramitar a documentación requirida co fin de cumprir, para os efectos meramente formais, coa normativa e, como moito, ofertan avaliacións de risco tipo e uns recoñecementos médicos non específicos.

HAI SERVIZOS DE PREVENCIÓN ALLEOS QUE TEÑEN POR UN TÉCNICO AO SEU CARGO ATA 200 EMPRESAS. E, IRRESPONSABLEMENTE, ALGUNHAS DAS EMPRESAS DE PREVENCIÓN AÍNDA SE ATREVERON A SOLICITAR NESTE CONTEXTO ERTES PARA OS SEUS TÉCNICOS

Neste contexto de emerxencia sanitaria, os servizos de prevención alleos desaparecen da escena, pero aínda que quixesen ter outro papel, non sería posible: os seus criterios mercantilistas de xestión e a feroz competencia entre eles deron como resultado unhas ratios inasumibles de empresas por cada un dos seus técnicos, ata máis de duascentas nalgúns casos, o que lles imposibilita a estes profesionais desenvolver unha actividade de calidade e os somete a unhas cargas de traballo e de responsabilidade incompatibles coa súa propia saúde. E non podemos deixar de recordar os intentos dalgúns destes servizos de prevención que, no medio desta crise e de maneira irresponsable, solicitaron ERTE para parte dos seus cadros de persoal mentres algún deles, en paralelo, ofrecía tests de COVID-19 aos seus clientes.

BOTOUSE EN FALTA UNHA MAIOR PRESENZA DAS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS. UGT VÉN RECLAMANDO MAIOR COORDINACIÓN ENTRE OS DEPARTAMENTOS DE SANIDADE E DE TRABALLO, TANTO NO GOBERNO CENTRAL COMO NA XUNTA

Pero tamén se botou en falta neste contexto unha maior presenza das institucións públicas no ámbito laboral. Desde os sindicatos vimos reclamando unha maior coordinación entre os departamentos de sanidade e de traballo, tanto na Administración xeral do Estado como nas comunidades autónomas, para lograr a plena integración da saúde laboral na saúde pública.

RETROCESO DAS INSTITUCIÓNS QUE DEBERÍAN LIDERAR ESTE PROCESO. O INSTITUTO NACIONAL DE SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO OU A INSPECCIÓN REDUCIRON PROGRESIVAMENTE OS SEUS CADROS DE PERSOAL, POLO QUE SE VIRON DESBORDADOS NESTA CRISE. ISTO DIFICULTOU A RESOLUCIÓN DE DENUNCIAS PRESENTADAS POLOS SINDICATOS E LEVOU Á INACCIÓN

Pero iso non se pode facer no marco dun retroceso das institucións que deberían liderar este proceso. O exemplo máis palpable é o do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, que non parou de reducir o seu cadro de persoal desde hai demasiados anos e cuxo labor como organismo científico-técnico non tivo nestes momentos o peso que nos gustaría. E algo semellante podería dicirse da Inspección de Traballo e da Seguridade Social. Que conta cunha das ratios de inspectores de traballo por poboación ocupada máis baixa de Europa, o que dificultou en exceso a atención ás denuncias que persoas traballadoras e sindicatos presentamos, ao que habería que engadir o criterio do Organismo Estatal da ITSS, que renunciaba de facto a paralizar actividades por risco grave e inminente de contaxio ante o novo coronavirus ou a propoñer sancións nunha maioría de situacións. Un criterio que, ao noso xuízo, deixou moitas persoas traballadoras sen un dos principais mecanismos en defensa da súa saúde.

A PESAR DE TODO, UGT CONTINÚA TRABALLANDO DEFENDENDO Á CLASE TRABALLADORA, DENUNCIANDO ONDE SEXA PRECISO E ESIXINDO O CUMPRIMENTO DA NORMATIVA

Malia todo, UGT continúa traballando para afrontar esta crise sanitaria facendo o que mellor sabemos: defender á clase traballadora, denunciando onde sexa preciso e esixindo o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, normativa que, recordamos, debe cumprirse incluso durante o estado de alarma.


 

Fuente: UGT-Galicia