Constituído en Santiago o 13º Congreso de UGT-Galicia que se desenvolverá ó longo do día de hoxe baixo o lema “Construíndo en igualdade”

Constituído en Santiago o 13º Congreso de UGT-Galicia que se desenvolverá ó longo do día de hoxe baixo o lema “Construíndo en igualdade”

No acto de apertura o secretario xeral de UGT-Galicia pediu que se garanta unha recuperación da crise que non exclúa a ninguén, denunciou a situación de emerxencia na que se atopa a industria en Galicia e demandou tanto un Pacto de Estado pola industria como pola enerxía

Santiago, 17 de marzo de 2021.- Hoxe pola mañá botou a andar en Santiago o 13º Congreso de UGT-Galicia que se pechará esta mesma tarde por ter que adoptar un formato reducido por mor da situación de crise sanitaria que se está a vivir. Neste Congreso elixirase unha nova Comisión Executiva e traballarase cun conxunto de documentos e propostas que deseñarán as pautas de traballo e as liñas de actuación propostas para seguir loitando na mellora das condicións sociolaborais da cidadanía galega, mermadas dun xeito moi incisivo pola crise motivada pola pandemia que se está a vivir.

A apertura do Congreso correu a cargo do secretario de Organización de UGT-Galicia, José Luís Fernández Celis que na súa intervención destacou que, a pesar dos duros momentos que se viviron neste último ano, UGT estivo á altura das circunstancias, nun proceso de adaptación récord, dando solución a apoio ó conxunto da clase traballadora. Destacou que neste ano atípico, que obrigou a atrasar esta cita congresual, UGT centrouse en preservar o máis importante, a saúde, o emprego e as empresas e partir de agora hai que traballar na busca dunha saída xusta a esta crise. UGT vai participar deste traballo para que ninguén quede atrás.

De seguido, proxectouse un vídeo “in memorian” no que se recordaron ós compañeiros e compañeiras falecidos neste últimos anos de mandato. Tras o cal gardouse un minuto de silencio.

En nome da Comision de verificación de credenciais, Beatriz Meilán, deu a coñecer o primeiro ditame no que se acredita a acreditación dun total de 94 delegados e delegadas, dos 100 convocados. Polo que quedou constituído o Congreso. Presentouse unha proposta de Mesa de Congreso, avalada, ó fronte da cal está Eladio Romero, que pasa a presidir este 13º Congreso de UGT-Galicia, quen na súa intervención coincidiu co secretario de Organización en que nos momentos máis difíciles e de maior incerteza da pandemia o Sindicato seguiu atendendo ós afiliados, ós delegados e ós traballadores en xeral. Seguiu estando aí.

Neste acto de apertura houbo tamén espazo para varias intervencións de invitados institucionais e fraternais. Concretamente, o primeiro en tomar a palabra foi o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a través dun vídeo, de xeito telemático, interviu o secretario xeral de UGT-Asturias, Francisco Javier Fernández Lanero; tamén tomou a palabra neste acto de apertura o secretario xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; o secretario de Organización da Comisión Executiva Confederal, Rafael Espartero; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Todos eles coincidiron na especial importancia e relevancia que alcanza a tarefa sindical e a tarefa de concertación nos difíciles meses que quedan por diante na busca dunha saída a esta crise que non exclúa a ninguén; unha saída da que o noso tecido produtivo poida saír máis fortalecido; unha saída que garanta un mercado laboral máis forte e equilibrado; unha saída que garanta uns servizos públicos de calidade; e unha saída na que ninguén quede atrás. Que esta crise sirva para construír unha sociedade mellor e, de feito, todos fixeron seu o lema do Congreso “Construíndo en igualdade”.

Tamén foi proxectado un vídeo no que se recolleu graficamente o que foi a tarefa sindical de UGT-Galicia nestes últimos anos de mandato.

Para pechar o acto de apertura, tomou a palabra o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez que destacou que hoxe é un momento moi especial para a nosa Organización, a celebración dun Congreso, a máxima expresión democrática no que as persoas do Sindicato deciden quenes van marcalo camiño da UGT en Galicia nos vindeiros catro anos e tamén un momento no que se analiza e valora o que temos feito no período precedente. Un período de xestión marcado no último ano pola pandemia provocada pola COVID-19.

Neste senso, fixo un inciso para, primeiro, agradecer o traballo de todos aqueles e aquelas que estiveron en primeira liña neste último ano, sobre todo, nos momentos máis difíciles, nos primeiros meses, expostos a un virus do que pouco se coñecía pero desenvolvendo o seus traballo día a día con total profesionalidade para que ó resto non nos faltase de nada.

Todos aqueles que nos coidaron, que nos protexeron, que nos deron de comer. En definitiva, todos aqueles e aquelas que en momentos especialmente difíciles e de incerteza estiveron aí. Tamén tivo unhas sentidas verbas de pésame para as familias dos que perderon ós seus seres queridos nesta pandemia e palabras de ánimo para os doentes que aínda están nun proceso de recuperación.

Unha pandemia que nos mudou a vida a todos e todas e, por suposto, tamén mudou a vida interna do Sindicato que xa tería que ter celebrado este Congreso os pasados días 29 e 30 de setembro. Data que se viu aprazada ata o día de hoxe e que nos obrigou tamén a optar por un formato máis reducido, adaptándonos ás recomendacións sanitarias.

Expresou tamén unhas verbas nun eido máis interno, en recoñecemento ó Sindicato, a UGT, que nos momentos máis difíciles da pandemia tamén estivo aí.

De seguido amosou a súa preocupación polo contexto político que acompaña á pandemia, cun avance importante dos populismos motivado, de seguro, por certo desencanto que impera nas sociedades coas fórmulas e solucións políticas tradicionais e que buscan en novas formacións dar saída aos seus problemas tras anos de profunda crise social e económica. España non é unha excepción a isto, xa que viviu tamén o auxe destas formacións de extrema dereita que en Galicia, polo momento, parecemos ir sorteando.

Antes da pandemia, no eido económico e sociolaboral estabamos inmersos nunha situación na que estabamos a coller xa o tren da recuperación da anterior crise cando nos pasa por enriba un novo terremoto, o dunha profunda crise sanitaria a nivel mundial que trae consigo unha profunda e ferinte crise económica e laboral.

Se na crise anterior non fomos quen de garantir unha recuperación igualitaria e foron moitos os que quedaron no camiño, nesta, non nolo podemos permitir. Ata o de agora, froito do diálogo social, adoptáronse unha serie medidas como os ERTE, o IMV ou outro tipo de axudas dirixidas ós sectores máis desfavorecidos como a hostalería, que supoñen un colchón, para amortecer estes meses pero, unha vez solucionada a crise sanitaria, que debe ser a prioridade de todos, porque sen saúde o resto non existe, son moitos os vimbios que imos ter que traballar entre todos para buscar unha saída sólida a esta crise para que ninguén quede rezagado, reflexionou.

José Antonio Gómez fixo fincapé en que UGT-Galicia estará disposta a traballar nesta tarefa con todos e todas, por todos e todas, por unha saída xusta e en firme.

Isto significa traballar para consolidar un mercado laboral sólido, estable e digno para todos e todas; unha industria forte e competitiva para este país que tire da recuperación, para o que apostamos por un Pacto pola industria; unha malla de protección social que chegue a todos os que máis o necesitan; uns servizos públicos de calidade, que xogaron un papel tan importante nesta pandemia e que tan necesarios se revelaron; unha aposta clara polas políticas públicas; unha aposta clara polo investimento en I+D+i; e unha aposta clara polo ensino de calidade.

Considera que esta crise deunos moitas ensinanzas e, entre outras, que hai que centrar o papel do Estado na sociedade e na economía e que sempre funcionan mellor as solucións de cooperación que as de hexemonía de uns sobre outros. Hoxe, máis que nunca, faise necesario reivindicar o papel do Estado e das administracións públicas, fronte ó poder absoluto dos mercados, pois sen Estado non hai redistribución das rendas, non hai igualdade de oportunidades, nin posibilidade dun crecemento harmónico e un desenvolvemento sustentable.

Precisamente, apelou a todas as partes, administracións, empresarios e sindicatos a traballar cóbado con cóbado na oportunidade, dentro desta fonda crise, que constitúen os fondos que Europa destina á recuperación. Deben ser unha oportunidade que non podemos desaproveitar para avanzar na dixitalización, o fortalecemento do sector industrial, dentro dun proceso de transición xusta, e o fortalecemento dos nosos servizos públicos.

Xa nun eido máis interno, neste período de xestión que hoxe despedimos, hai que lembrar que UGT celebrou o seu 130 aniversario. Nestes últimos anos lembrou que UGT foi encaixando pouco a pouco a nova estrutura da que nos dotamos no último Congreso co fin de construír entre todos e todas un Sindicato máis forte, capaz de articular e transmitir as demandas dos traballadores e traballadoras e da cidadanía en xeral.

Salientou que levábamos catro anos de intenso traballo para volver a poñer ás persoas no centro das políticas. Os traballadores foron vítimas de moitos recortes. Impúxosenos unha reforma laboral que non fixo máis que contribuír á degradación das condicións de traballo, reforma que hai que derrogar xa, xunto coa reforma das pensións do ano 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo no 60% do salario medio ao remate da lexislatura.

E o final desta xestión viuse marcado pola crise sanitaria e social. Pero nunca deixamos de lado a actividade sindical, especialmente, no eido do diálogo social, cuxo resultado foi a implantación dunha rede de dereitos para tentar garantir que ninguén quede no camiño. Pero aínda quedan medidas en que hai que sacar adiante, xa que a pandemia non pode servir de escusa para aprazalas máis. Unha delas, aquí en Galicia, son as cláusulas sociais no eido da contratación pública. Unha medida que urxe implementar xa.

Todo isto parello á loita sindical do día a día que non cesou e que nos obrigou a rearmarnos para dar a batalla ante os ataques dalgúns grupos empresariais que decidiron mermar aínda máis o noso xa ferido tecido industrial, Gamesa, Alcoa, Alu Ibérica son algúns dos exemplos.

Precisamente, neste contexto, denunciou a situación de emerxencia na que se atopa o sector industrial da nosa Comunidade. Dende o 2008 perdéronse máis de 32.600 empregos. A iso, hai que sumarlle o proceso de descarbonización, o fracaso do estatuto electrointensivo, o non elevar ao máximo as compensacións de custos indirectos de CO2 ou a incerteza na imposición dun arancel ambiental por parte da Union Europea. Alertou que se está ante un cóctel explosivo que pode determinar a decadencia industrial de Galicia se non se actúa con rapidez e contundencia.

É necesario protexer a industria galega e defender todos e cada un dos postos de traballo dos sectores industriais e apostar firmemente por unha industria competitiva e medioambientalmente sustentable e que non deixe a ninguén polo camiño.

Concretamente, despois do peche de Meirama, para Endesa, despois de que a viabilidade da factoría de As Pontes quedase acreditada nos informes da Xunta e do Goberno central, reclamamos traballar nun futuro con biocombustibles e sen utilización de carbón. As empresas enerxéticas deben traballar na chegada de novos proxectos, de maneira conxunta, coa central funcionando e a implantación doutros, que non son excluíntes, todos son válidos e necesarios.

Neste senso, tamén reclamou un Pacto de Estado pola Enerxía, porque se pode e débese facer política coa enerxía, pero, iso si, debe estar acordada con todas as partes implicadas en busca do interese común. A enerxía, máis aló de ser un produto de consumo, incide directamente no desenvolvemento e no estado do benestar dun país.

Sen unha política industrial forte estamos abocados a un modelo de rexión estancado na precariedade, cun futuro incerto a mercé dos vaivéns dos mercados internacionais e aos caprichos das economías máis potentes, por iso, como xa dixo anteriormente, demandou un Pacto de Estado pola Industria.

O futuro industrial de Galicia debe estar marcado polo binomio de manter a nosa industria básica e a xeración de novas oportunidades, para iso, é necesario a posta en marcha de políticas de progreso, a xustiza social e a distribución da riqueza, que terán o seu máximo expoñente cos fondos de transición que sen dúbida nos permitirá competir con proxectos pioneiros e afastarnos de complexos, ese debe ser o gran obxectivo.

Recoñeceu que quedan meses aínda moi duros por diante, agarandando que no eido sanitario todo vaia mellorando coa cobertura da vacinación, pero quedan aínda moitos desafíos e, sobre todo, para curalas feridas no mundo laboral e social.

Non podemos esquecer que continuamos a soportar taxas de paro inasumibles. Do 11,7% en Galicia pero é que no caso dos máis mozos ascende ó 26,4%. Entre o ano 2008 e o 2020 Galicia perdeu 108.300 mozos ocupados.

O número de activos entre o 2016 e o 2020 tamén baixou en Galicia en 41.000. 18.400 empregos menos entre febreiro de 2020 e febreiro de 2021. A causa da COVID hai en Gailcia 18.000 asalariados con contrato temporal menos e, aínda así, soportamos unha taxa de temporalidade do 24,3%.

As mulleres seguen a ser as grandes vítimas das lacras deste mercado laboral, máis desemprego, máis temporalidade e soportan unha taxa de ocupación a tempo parcial que ascende xa ó 21,6%, cando nos homes é tan só do 5,4% do total.

Hai en Galicia 31.300 fogares sen perceptores de ingresos. E un 18,83% da poboación galega está en risco de pobreza ou exclusión social. Estamos a falar que preto de 508.000 persoas están nestas condicións de vida.

Entre todos, temos que traballar para que o mercado laboral volva acoller a todos aqueles que expulsou temporalmente; que a pandemia se converta nunha oportunidade na busca de novos nichos de emprego que dea saída os que quedaron fóra definitivamente do mercado de traballo e ós máis mozos; e entre todos temos que traballar para crear unha ampla rede social que garanta que ninguén quede atrás. Este país non se pode permitir, unha vez máis, como sucedeu na crise anterior, esquecerse dunha parte importante da súa poboación para botar a andar. Temos que botar a andar todos xuntos pero sen esquecer a ninguén.

Temos que, entre todos, construír en igualdade, concluíu.

Pola tarde elíxese a nova Comisión Executiva e terá lugar o acto de clausura

Despois deste actos de apertura retomáronse as tarefas do Congreso, coa análise e debate da xestión da Comisión Executiva, Comité Nacional e Comisión de Control Económico. Para a súa posterior votación.

Para continuar coa constitución das comisións de traballo e o comezo das súas tarefas.

Xa pola tarde, o Congreso reunirase en Pleno para debater e aprobar os ditames das comisións de traballo. Presentarase e proclamaranse as candidaturas e votaranse. Para saír elixida a nova Comisión Executiva de UGT-Galicia.

Xa a partir das 18.00 horas está previsto o acto de clausura no que se proclamarán os resultados da nova Comisión Executiva e pecharase coas intervencións do secretarios xeral de UGT, Pepe Álvarez, e do novo secretario xeral de UGT-Galicia.

Fuente: UGT-Galicia