A calidade do emprego, a mellor garantía ante as incertezas económicas

Fecha: 02 Sep 2022

A calidade do emprego, a mellor garantía ante as incertezas económicas

A contratación indefinida foi do 29%, fronte ao 7,65% de hai un ano

Santiago, 2 de setembro de 2022.- Aínda que o paro aumenta en agosto, como consecuencia da tempada estival, a fortaleza do emprego e a mellora da súa calidade persisten, froito da reforma laboral pactada no ámbito do diálogo social. Con todo, é preciso seguir mantendo o escudo social e as medidas de apoio, garantir o poder adquisitivo dos traballadores/as con cláusulas de revisión nos convenios e subir o SMI ata que alcance os 1.100 euros en 2023.

Os datos de paro rexistrado publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE) e de afiliación pola Seguridade Social para o mes de agosto mostran unha volta ao dinamismo no mercado laboral tras o lixeiro parón de xullo. Eliminando os efectos de estacionalidade e calendario, apréciase un aumento de afiliados respecto ao mes anterior, aínda que, en media mensual, diminúen, como adoita suceder nos meses de agosto. Tamén os parados rexistrados aumentan, como consecuencia do final da tempada de verán, que pon fin a moitos contratos realizados para cubrir a actividade destas datas.

Son datos que, en tendencia, seguen mostrando a fortaleza do emprego, pero tamén a necesidade de manter o escudo social e as medidas de apoio fronte aos efectos da guerra en Ucraína, a elevada inflación ou a subida de tipos de interese. Non hai motivos para a alarma, pero si para a preocupación e a prevención.

O que si poñen de manifesto os datos de emprego, unha vez máis, é que a reforma laboral está a incidir notablemente na calidade do emprego. O contrato indefinido representa un 29% do total de contratos, mellorando as condicións laborais do emprego creado.

Os salarios deben crecer máis

O principal problema que debe afrontar agora a nosa economía é a diminución da capacidade adquisitiva que están a padecer as familias porque, aínda que se creou emprego e, desde xaneiro de 2022, este foi esencialmente de carácter indefinido, a realidade é que os salarios reais están a diminuír a un ritmo vertixinoso.

É imprescindible que se amplíen as medidas adoptadas ata o de agora para protexer a creación de emprego e a calidade de vida das persoas traballadoras, construíndo un verdadeiro pacto de rendas á altura da conxuntura. A negativa da CEOE a chegar a un acordo nesta materia é un despropósito, sobre todo cando a economía actualmente require de certeza. O esforzo para superar os inconvenientes ocasionados polo conflito bélico en Ucraína debe ser colectivo, e as empresas deben axustar as súas marxes, principais responsables do aumento da inflación.

Datos desemprego mes de agosto

Entrando xa de cheo nos datos, estes reflicten que o paro sitúase en Galicia en 141.912 persoas, aumentando no mes nun 1,47%, dun xeito similar ao comportamento do resto do Estado, cun incremento do 1,4%.

Si se rexistra unha importante mellora en relación a hai un ano, xa que baixa o paro en 9.352 persoas, un 6,18%, aínda que non dun xeito tan acusado a como o fai o resto do Estado, onde a porcentaxe foi do 12,29%.

Entre os máis mozos, o incremento no mes foi máis acusado que no resto de idades, do 8,3%, e a baixada no ano foi do 0,78%.

Por sexos, de novo, a evolución foi máis favorable para os homes, cun crecemento no mes do 0,9%, mentres que no caso das mulleres foi do 1,9%. No ano, a contracción foi similar en ambos casos, do 6,28% entre os homes e do 6,11% entre as mulleres.

Aínda así, as mulleres seguen a levarse a peor parte do desemprego, representando o 59% do total.

Por sectores, o paro sube en todos, salvo no primario, onde baixa o 2,12%. No ano, dáse contracción en todos, moi acusada na industria, do 13,61%, ou na construción, do 9,9%.

Territorialmente, tamén medra en todas as provincias mensualmente e baixa tamén en todas en relación a hai un ano.

En canto aos contratos, fixéronse 71.783, menos que no ano anterior pero de maior calidade, xa que a porcentaxe de indefinidos foi do 29%, fronte ao 7,65% que se rexistraba hai un ano. Destacando as taxas de contratación indefinida na construción, do 72,45%. No primario foi do 59,94%, do 23,66% na industria e do 26,88% no sector servizos.

En canto á cobertura por desemprego, esta é do 63,55%, con 81.700 beneficiarios, aínda que 38.225 perciben rendas de subsidio e 4.764 rendas activas de inserción. O que amosa as dificultades que están a pasar moitas familias.

A afiliación á Seguridade Social descende no mes en Galicia o 0,27% pero medra no ano, o 1,53%, un bo indicador, aínda que por debaixo do Estado, onde sube o 3,48%.

 


 

Fuente: UGT-Galicia