Arrancan as mobilizacións pola “Xustiza salarial” con concentracións este xoves e venres, coincidindo coa XMTD

Fecha: 07 Oct 2022

Arrancan as mobilizacións pola “Xustiza salarial” con concentracións este xoves e venres, coincidindo coa Xornada Mundial polo Traballo Decente

Os traballadores e traballadoras non poden seguir perdendo poder de compra cunha inflación desbocada que está a poñer a moitas familias en serias dificultades

Santiago, 5 de outubro de 2022.- Coincidindo coa celebración o 7 de outubro da Xornada Mundial polo Traballo Decente, UGT e CCOO convocan mobilizacións en todo o país para demandar “Xustiza salarial” e que en Galicia van ter lugar o día 7 en Lugo (11.00 horas diante da Confederación de Empresarios de Lugo); Ourense (12.00 horas, diante da Confederación de Empresarios de Ourense); e Vigo (12.00 horas, diante da Confederación de Empresarios de Pontevedra). Na Coruña a concentración será o día 6, ás 12.30 horas, diante do Obelisco.

Esta campaña, en demanda de subas salariais que garantan o mantemento do poder de compra ante unha subida dos prezos desbocada, arranca o 7 de outubro en todo o país, do 14 ao 28 terán lugar asembleas informativas e reparto de propaganda nos centros de traballo e o día 3 de novembro CCOO e UGT convocan unha gran mobilización en Madrid.

Con estas mobilizacións preténdese defender ás persoas traballadoras nun momento difícil a nivel económico e social cun crecemento da inflación e do custe da vida desbocados; demandar ás patronais que se senten para pechar os convenios bloqueados; e acadar un acordo xeral de salarios porque España é o segundo país pola cola no relativo a incrementos salariais.

Na negociación dun novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva UGT e CCOO vanse manter firmes na súa demanda de incluír cláusulas de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras non vexan diminuído o seu poder de compra, o que reduciría o consumo interno e castigaría tamén á economía en xeral. Os sindicatos advirten que, se non se consegue un acordo xeral, loitarase convenio a convenio.

Tras o verán, CCOO e UGT emprazaron á patronal a desbloquear a mesa de negociación e a falta de resposta obrigou a dar un paso máis e saír ás rúas, xa que subir os salarios, así como controlar os prezos, hoxe debe ser unha prioridade e unha necesidade económica e social de primeira orde.

Que os salarios suban para garantir o mantemento do poder de compra dos traballadores e traballadoras é unha cuestión de xustiza social que, ademais, contribuirá a xerar consumo e emprego. Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza nunha conxuntura de crise e cunha inflación moi elevada pero que, en ningún momento, ten a súa orixe nos salarios.

O salario real está estancado dende 2008 e o salario pactado por convenio só subiu un 2,8% cunha inflación na contorna do 10% á par que grandes empresas e banca incrementan os seus beneficios.

Por todo elo, UGT e CCOO chaman á participación nas concentracións convocadas p orque chegou o momento da “Xustiza salarial”.

Fuente: UGT-Galicia