25N: Fronte ás violencias contra as mulleres, nin un paso atrás. “A violencia machista ten moitos nomes. Só hai que saber identificalos”

Fecha: 24 Nov 2022

25N: Fronte ás violencias contra as mulleres, nin un paso atrás. “A violencia machista ten moitos nomes. Só hai que saber identificalos”.

UGT-Galicia denuncia cifras intolerables, 1.165 mulleres (66 en Galicia) asasinadas dende 2003 e un 57,3% das mulleres que declaran ter sufrido violencia nalgún momento das súas vidas

Ante esta realidade, UGT esixe tolerancia cero, máis recursos e servizos para atender ás vítimas e subliña a importancia do ámbito laboral para garantir a autonomía das vítimas

Santiago, 24 de novembro de 2022.- Co gallo da celebración mañá do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, UGT-Galicia insiste en que “Fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás” e fai un chamamento a toda a cidadanía para combater estas violencia tanto nos centros da traballo como no conxunto da sociedade e chama tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances e revitimizan ás mulleres superviventes. Discursos que non poden seguir negando a realidade, que se fai máis que evidente no informe elaborado por UGT para este 25N baixo o lema “A violencia machista ten moitos nomes. Só hai que saber identificalos”.

As cifras están aí, son escandalosas e indiscutibles. Ao abeiro da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, contabilízanse un total de 37 mulleres asasinadas pola súa parella ou exparella no que vai de 2022 (ata o 8 de novembro). 26 menores que quedaron orfos e orfas por mor desta violencia. En todo o ano 2021 foron 47 mulleres asasinadas (1 delas en Galicia) e 31 menores quedaron orfos e orfas. Dende o ano 2003 o número de mulleres que perderon a vida foi de 1.165 (66 en Galicia).

Fronte a isto, UGT-Galicia insta ás forzas democráticas a reforzar o consenso e rexeitar os discursos negacionistas que poñen en risco todo o avanzado. Polo tanto, tolerancia cero fronte ás violencias contra as mulleres; máis recursos e garantía de servizos de prevención e atención integral ás vítimas dende todas as administracións; e tamén urxe unha avaliación coidadosa das 290 medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, garantindo en todo momento un financiamento suficiente, e elaborar propostas máis ambiciosas e eficaces para a Estratexia estatal que debe poñerse en marcha a partir do 2023.

Ademais, UGT-Galicia tamén valora que, en cumprimento do Convenio de Istambul, dende o 2022 xa se están a rexistrar outros feminicidios que van alén do eido da parella ou exparella e as cifras son arrepiantes.

19 mulleres asasinadas fóra do ámbito da perella ou exparella

De xaneiro a xuño de 2022 un total de 19 mulleres foron asasinadas fóra do ámbito da parella ou exparella, deixando tres orfos e orfas. O 100% dos agresores eran coñecidos polas vítimas. Cerca do 60% destes casos prodúcense no ámbito familiar. Os feminicidios sociais representan o 32%. E o resto, o 10%, corresponden a feminicidios sexuais.

As asasinadas son a punta do iceberg. No que vai de 2022, 44.543 vítimas de violencia machista (1.811 en Galicia)

Pero é que as asasinadas son a punta do iceberg das violencias machistas que van máis aló. Segundo o informe do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, entre abril e xuño de 2022 contabilizáronse 44.543 vítimas de violencia machista (1.811 en Galicia), un 10,89% máis que no mesmo período de 2021. É dicir, case 20 de cada 10.000 mulleres sufriron este tipo de violencia. Trátase, en todo caso, de cifras máis elevadas cas que se rexistraban antes da COVID-19.

Unha de cada dúas mulleres declara ter sufrido ao longo da súa vida violencia

E, máis aló dos asasinatos ou das denuncias, existe a macroenquisa sobre violencias contra as mulleres de 2019, elaborada polo Centro de investigacións sociolóxicas por encarga da Delegación do Goberno para a violencia de xénero. Esta sinala que unha de cada dúas mulleres (57,3%) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas. Unha de cada cinco sufrírona nos últimos doce meses.

Importancia do mundo laboral para garantir a autonomía das vítimas

UGT-Galicia subliña a importancia do eido laboral para garantir a autonomía das mulleres superviventes das violencias. E, neste senso, UGT valora a Lei orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, que supón a extensión de dereitos laborais (suspensión de contratos, mobilidade xeográfica e funcional...) ás vítimas.

Número de contratos bonificados aínda moi baixo. Urxe revisar as políticas activas de emprego

En canto aos contratos bonificados, segundo o SEPE, accederon aos mesmos 854 mulleres no Estado (32 en Galicia). En todo o ano 2021 foron 1.231 contratos (47 nesta Comunidade). Unha porcentaxe aínda exigua. Por iso, UGT reclama un reforzo e a revisión das políticas activas de emprego para estas mulleres e a formación específica dos operadores que interveñen.

Dende o Sindicato tamén se lembra que existen violencias machistas no eido laboral que, en moitas ocasións, fican ocultas e invisibilizadas porque non se contan e, por iso, esíxese a mellora dos instrumentos para evitar que permanezan. Nesta liña, UGT saúda a ratificación do convenio 189 sobre as traballadoras domésticas e o 190 sobre a violencia e acoso no traballo que deberían servir para eliminar as violencias, para o que hai que poñer en marcha os instrumentos co fin de darlles cumprimento.

No ámbito da competencia sindical, UGT comprométese a formar aos cadros, delegados e delegadas e aos traballadores; que os delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera tipo de manifestación de violencia contra as mulleres; negociar a aplicar os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo; negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva; colaborar coas administracións e asociacións; e asesorar ás vítimas.

Finalmente, UGT-Galicia fai un chamamento ao conxunto da cidadanía a participar nos actos reivindicativos do 25N porque, “Fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás”.

 

MANIFESTO

INFORME 25N


 

Fuente: UGT-Galicia
25N