18 falecidos e 202 persoas traballadoras vítimas dun sinistro grave nos seis primeiros meses do ano: a Xunta e empresas non deben desentenderse da loita contra a sinistralidade laboral

Fecha: 27 Ago 2021

A recuperación económica é incompatible con xogarse a vida no traballo

18 falecidos e 202 traballadores vítimas dun sinistro grave nos seis primeiros meses do ano: a Xunta e empresas non deben desentenderse da loita contra a sinistralidade laboral


 

Nos seis primeiros meses do ano, un total de 11.211 traballadores galegos foron vítimas dun accidente laboral. O sector servizos, con 4.993, é o que máis accidentes rexistra


 

Santiago, 27 de agosto de 2021.- UGT-Galicia denuncia que nos seis primeiros meses do ano, de xaneiro a xuño de 2021, un total de 11.211 traballadores galegos foron vítimas dun sinistro laboral (sumados os accidentes en xornada e os “in itinere”). Deste total, houbo que lamentar a morte de 18 traballadores, 16 no seu posto de traballo e 2 no traslado do traballo a casa ou á inversa, e 202 sufriron un accidente de carácter grave, coas secuelas que en moitas ocasións este tipo de sinistros traen consigo, tanto dende un punto de vista da saúde física e psíquica, como dende o punto de vista social e económico, para a vítima e para os seus achegados. Resulta evidente que a loita contra a sinistralidade laboral non está gañada e nin a Xunta nin as empresas poden desentenderse da mesma.

Dende UGT-Galicia insístese en que a precariedade laboral mata, polo que insta ó Goberno a derrogar xa as reformas laborais. A alta temporalidade na contratación fai que moitas persoas traballadoras non reciban formación en materia preventiva, nin se produza a necesaria vixilancia da saúde por parte das empresas, ambas, cuestións obrigatorias segundo a Lei de prevención de riscos laborais.

Por outra banda, o incremento dos riscos psicosociais, polas pésimas condicións laborais, provocan que unha das máis importantes causas de morte, durante a xornada de traballo, continúen sendo os infartos e derrames cerebrais, segundo datos do Ministerio de Traballo a nivel do Estado porque non desagrega os datos por comunidades autónomas. Aínda que o informe do ISSGA, referido ó 2020, o último que publicou a Xunta, tamén refería que os infartos eran os accidentes máis numerosos con consecuencia de morte.

PLAN DE CHOQUE CONTRA A SINISTRALIDADE LABORAL

Por iso, UGT-Galicia considera que é necesario articular un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral de xeito inmediato.

Nin a Xunta nin o Goberno central deben mirar cara outro lado neste senso e deben articular, tanto a nivel estatal, nas mesas de diálogo social, como en Galicia este tema. Trátase de evitar moitos accidentes que non deberían producirse se se cumpre a Lei.

Neste ano e medio de pandemia de COVID-19 púxose de manifesto de maneira dramática a contradición entre a saúde e a vida e as presións para manter a actividade económica. Contradición que no eido da sinistralidade laboral, por desgraza, en moitas ocasións os representantes dos traballadores teñen que denunciar porque se produce tamén a diario. Así o demostran as cifras.

2021 debe ser tamén o ano que marque o inicio do fin do problema do cancro de orixe laboral. A falta de recoñecemento dos cancros de orixe laboral está a privar ás persoas afectadas das prestacións derivadas da continxencia profesional. UGT seguirá presionando para que as modificacións da Directiva Europea sobre protección fronte á exposición a canceríxenos e mutáxenos sexan traspostas en tempo e garantindo a máxima protección da saúde dos traballadores. De feito, neste senso, resulta pouco crible que, segundo os datos facilitados polo ISSGA, no ano 2020, en Galicia tan só se declaran 4 casos de enfermidade profesional do grupo VI (por axentes canceríxenos). UGT-Galicia considera que detrás destas cifras, como xa se ven denunciando reiteradamente, existe unha clara infradeclaración.

UGT-Galicia reclama a plena integración da saúde laboral na saúde pública, con maior convencemento desde a experiencia da pandemia, o que esixe unha maior coordinación entre os departamentos de sanidade e de traballo tanto na Administración Xeral do Estado como na Xunta. E insiste na necesidade de dotar de maiores recursos tanto á Inspección de Traballo e Seguridade Social como ao Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e o ISSGA.

Porque o traballo debe ser decente, digno e de calidade, libre de riscos. Ninguén debería ter que elixir entre traballo e saúde.

MÁIS 11.000 SINISTROS NOS SEIS PRIMEIROS MESES DE 2021 E XA 18 MORTOS EN GALICIA

A sinistralidade laboral, a pesar da baixada da actividade laboral, por mor da crise que se está a vivir motivada pola pandemia, segue presionando ó mercado laboral galego. 24.511 accidentes en Galicia no 2020 e 11.211 nos seis primeiros meses de 2021, que supoñen o 4,2% do total dos sinistros rexistrados en todo o Estado, ben sexa porque son vítimas dos accidentes no traballo e no peor dos casos, porque faleceron no seu posto de traballo (59 falecidos nesta Comunidade no 2020 e xa 18 mortos nos seis primeiros meses de 2021). Por iso, UGT-Galicia non se vai cansar de denunciar as condicións de traballo que están na orixe desta eiva, sobre todo nun mercado laboral como o noso marcado pola precariedade, e realizar propostas de cambio na normativa e nas políticas para mellorar a saúde e a seguridade.

OS RECORTES EN MATERIA PREVENTIVA DESTES ÚLTIMOS ANOS, DENDE A CRISE DE 2008, TAMÉN SE PAGAN HOXE NESTA CRISE

Logo da gran recesión de 2008 e a imposición de políticas de austeridade como única vía posible de saída da crise, vimos como os recortes decimaban servizos públicos que agora se revelan imprescindibles, como a sanidade pública. Paralelamente, produciuse unha redución de investimentos en prevención de riscos laborais nas empresas e de financiamento de políticas públicas activas en materia preventiva. Na última década asistimos a un rebrote dos accidentes de traballo, á ocultación e subrexistro das enfermidades profesionais e afixémonos a que o lema “a precariedade laboral mata” se fixera recorrente nas campañas sindicais de denuncia.

Por outra banda, o sistema preventivo español xa se encontraba nunha situación de debilidade debido a demasiadas inercias derivadas das opcións que se foron tomando durante estes 25 anos desde a aprobación da Lei de prevención de risco laborais: configuración da prevención como un negocio e non como un dereito, externalización da súa xestión, imposibilidade de articulación sindical nun universo de pemes e micropemes e un medio institucional de actuación pública que apenas regula minimamente o «mercado da prevención». Pero a chegada da pandemia da COVID-19 acabou por arrasar a prevención en España.

Os servizos de prevención, actores indispensables para a organización e integración das actividades preventivas nas empresas, mostraron en moitos casos tremendas limitacións á hora de facer fronte ao reto de avaliar e establecer medidas preventivas para limitar as exposicións ao virus, convertendo en papel mollado as instrucións das autoridades sanitarias. E se estas limitacións se puideron apreciar en servizos de prevención propios, no caso dos servizos de prevención alleos alcanzaron cotas escandalosas. A maioría dos servizos de prevención alleos non foron desenvolvendo tempo antes unha verdadeira prevención nas empresas, senón que se limitan a tramitar a documentación requirida co fin de cumprir, para os efectos meramente formais, coa normativa e, como moito, ofertan avaliacións de risco tipo e uns recoñecementos médicos non específicos.

Neste contexto de emerxencia sanitaria, os servizos de prevención alleos desaparecen da escena, pero aínda que quixesen ter outro papel, non sería posible: os seus criterios mercantilistas de xestión e a feroz competencia entre eles deron como resultado unhas ratios inasumibles de empresas por cada un dos seus técnicos, ata máis de duascentas nalgúns casos, o que lles imposibilita a estes profesionais desenvolver unha actividade de calidade e os somete a unhas cargas de traballo e de responsabilidade incompatibles coa súa propia saúde.

A PESAR DE TODO, UGT CONTINÚA TRABALLANDO DEFENDENDO Á CLASE TRABALLADORA, DENUNCIANDO ONDE SEXA PRECISO E ESIXINDO O CUMPRIMENTO DA NORMATIVA

Malia todo, UGT continúa traballando para afrontar esta crise sanitaria facendo o que mellor sabemos: defender á clase traballadora, denunciando onde sexa preciso e esixindo o cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, normativa que, recordamos,debe cumprirse incluso durante o estado de alarma.

SINISTRALIDADE NOS SEIS PRIMEIROS MESES DO ANO 2021

Segundo os datos que adianta o Ministerio de Traballo, nos seis primeiros meses de 2021 en Galicia xa se rexistraron 11.211 accidentes laborais con baixa (10.319 en xornada e 892 “in itinere”). Destes, 10.991 tiveron un carácter leve (10.118 en xornada e 873 “in itinere”), 202 graves (185 en xornada e 17 “in itinere”) e 18 persoas faleceron (16 en xornada e 2 “in itinere”).

Por provincias, en relación a hai un ano, nos mesmo período, de xaneiro a xuño, a sinistralidade aumenta en todas, excepto en Pontevedra. Na Coruña, pasa de 4.990 accidentes entre xaneiro e xuño de 2020 a 5.573 no 2021 (11,68% máis); Lugo, de 1.221 a 1.357 (11,13% máis); Ourense, de 1.253 a 1.336 (6,6% máis); e Pontevedra de 4.029 a 2.945 (o que significa unha baixada do 26%).

O SECTOR SERVIZOS, CON 4.993, É O QUE MÁIS ACCIDENTES REXISTRA, O 48,38% DO TOTAL

Fiando máis fino e achegando a análise ós subsectores, que ofrece o Ministerio nas súas estatísticas dos seis primeiros meses de 2021 (aquí o Ministerio non inclúe os accidentes “in itinere”), a realidade é que servizos se leva a peor parte, o 48,38% da sinistralidade. E, concretamente, á cabeza está o comercio (con 1.389 sinistros), seguido de actividades administrativas e auxiliares (904), transporte (799), sanidade e servizos sociais (604), hostalería (411), administracións públicas e defensa (401), educación (112), outros servizos (100), actividades científicas e técnicas (97), actividades artísticas, recreativas e entretemento (91), información e comunicación (39), servizos no fogar (33), actividades inmobiliarias (7) e actividades financeiras e seguros (6).

Detrás disto, deste sector, está a alta temporalidade que rexistra na contratación, o que provoca que moitas persoas traballadoras non reciban a formación necesaria en materia preventiva e que moitas empresas tampouco vixíen a saúde da súa forza de traballo. UGT-Galicia condena esta situación, pois viola a Lei de prevención de riscos laborais e deixa nunha situación de vulnerabilidade a milleiros de traballadores e traballadoras.

No caso da industria o número total de sinistros rexistrados foron 2.636; 1.643 na construción; 890 na agricultura, pesca, silvicultura e gandería; e 157 noutras empresas de suministros como enerxéticos ou auga e saneamentos.

Resulta evidente que aqueles traballadores e traballadoras que estiveron ó fronte nesta pandemia, que non cesaron a súa actividade, son os máis prexudicados pola sinistralidade laboral, xa o foron no ano 2020 e seguen a selo nos seis primeiros meses deste ano.

Precisamente, en relación á pandemia, o Ministerio informa que nos seis primeiros meses deste ano rexistráronse en Galicia 45 accidentes de traballo con baixa por COVID-19.

En canto ós índices de incidencia, é dicir, a relación que mide os accidentes mortais co número de afiliados á Seguridade Social, en Galicia, entre xaneiro e xuño de 2021 este foi de 0,271 puntos, por enriba da media estatal, do 0,251. Destaca o caso de Pontevedra onde chega ós 0,385 puntos e Ourense, con 0,336.


 

ACCIDENTES LABORAIS XANEIRO-XUÑO 2021


 

                                                              EN XORNADA                                                                    IN ITINERE


 


 


 


 


 


 


 


 


 


 

ACCIDENTES LABORAIS XANEIRO-XUÑO 2020


 

                                                                EN XORNADA                                                             IN ITINERE


 


 


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia