UGT reclama unha reforma das políticas activas de emprego e máis recursos aos servizos públicos de orientación profesional

Aínda que os datos do paro non son malos, a creación de emprego e a mellora das condicións laborais non están a chegar á totalidade da poboación traballadora

Fecha: 04 Ago 2025

paroxullo25

UGT reclama unha reforma das políticas activas de emprego e máis recursos aos servizos públicos de orientación profesional

Aínda que os datos do paro non son malos, a creación de emprego e a mellora das condicións laborais non están a chegar á totalidade da poboación traballadora



 

Santiago, 4 de agosto de 2025.- Os datos do paro rexistrado e de afiliación á Seguridade Social correspondentes a xullo, aínda que reportan unha lixeira subida o desemprego en Galicia, pódese afirmar que a tendencia positiva de creación do mesmo mantense, mesmo nun mes marcado historicamente pola caída de afiliación no sector da educación tras o fin do curso escolar. Neste sentido, a afiliación á Seguridade Social medrou en 10.835 persoas, alcanzando 1.113.486, mentres que o desemprego subiu lixeiramente, en 604 persoas, a cifra máis baixa para un mes de xullo desde o ano 1996.

Así, estas cifras, xunto aos positivos resultados de crecemento económico coñecidos a semana pasada, consolidan o nivel de fortaleza que atesoura a nosa economía e mercado de traballo a pesar do adverso e cambiante contexto internacional, máis se cabe tras a subida arancelaria imposta á UE pola administración Trump.

Pola súa banda, a reforma laboral segue mostrándose efectiva no que á mellora da calidade do emprego refírese: a taxa de contratación indefinida sitúase no 27,78%, (6,92 en xullo de 2021, antes da reforma). 

Con todo, a creación de emprego e a mellora das condicións do mesmo non están a chegar á totalidade da poboación traballadora, en tanto unha porcentaxe significativa das mesmas viven en situación de extrema vulnerabilidade. Neste sentido, cabe destacar o elevado e persistente problema de paro de longa duración, 33.900 persoas nesta situación en Galicia, segundo os últimos datos da EPA. Un problema económico e social de primeira orde que esixe respostas inmediatas e eficaces, o que pasar por abordar unha reforma das políticas activas de emprego e dotar con maiores recursos económicos e humanos aos servizos públicos de orientación profesional.

Garantir que o custo das indemnizacións por despedimento

En materia de lexislación de despedimentos, desde UGT reclamamos que a Recomendación do Consello de Europa incorpore medidas máis eficaces para garantir o cumprimento da Carta Social Europea no que respecta a este ámbito. Non hai que esquecer que, o pasado mes de novembro, o Comité de Ministros do Consello de Europa, en resposta a unha reclamación do noso sindicato, aprobou unha Recomendación na que se instaba ao Goberno español a garantir que o custo das indemnizacións de quen sofre despedimentos inxustificados teña un carácter disuasorio para o empregador. 

UGT seguirá traballando activamente para mellorar a protección das persoas traballadoras, polo que se debe deixar atrás unha regulación do despedimento que viola a Carta Social Europea e permite aos empregadores extinguir os contratos laborais sen causa efectiva e cun custo irrisorio.

Protexer o emprego fronte ao desafío arancelario 

Por último, cabe destacar o acordo alcanzando entre EEUU e a UE que, á espera de coñecer con maior concreción, impoñería uns aranceis do 15% ás exportacións europeas, ademais de elevar os aranceis do aceiro e o aluminio ata o 50%. Así, diferentes tipos de industria (produtos semifacturados, bens de equipo, alimentación e bebidas, manufacturas de consumo etc.)/ etc.) e o sector do automóbil poden sufrir un impacto negativo na actividade e o emprego que convén valorar e enfrontar. 

Por iso, UGT reclama unha actuación coordinada e eficaz en dous ámbitos. Por unha banda, demandamos que, desde a UE, articúlense medidas que protexan aos traballadores e traballadoras prexudicados polo posible descenso de actividade ou peche de fábricas, avanzando cara a unha estratexia de autonomía que profunde no mercado interior europeo e diversifique as relacións comerciais. Por outro, no ámbito nacional, consideramos que o diálogo social deberá cobrar un papel relevante para que as empresas e persoas traballadoras trasladen de forma directa e coordinada os retos e perspectivas que esta política comercial ocasiona nos diferentes sectores, despregando unha folla de ruta solidaria que responda con eficacia á magnitude deste desafío.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu levemente en 604 persoas con respecto ao mes anterior (0,56%), tendencia contraria ao resto do Estado, onde baixou, un 0,06%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 10.187 persoas, un 8,63%. No Estado a baixada foi do 5,71%. Así, o número total de desempregados sitúase en 107.858 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996 nun mes de xullo e a segunda menor cifra tras o dato de hai un mes.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixou no mes nun 3,52%, e no ano a diminución foi dun 10,79%.

Por sexos, no mes o desemprego baixa entre os homes, un 0,74%, pola contra, no caso das mulleres sube nun 1,47%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 9,68% entre os homes e o 7,90% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,91% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 64.182 mulleres, fronte a 43.676 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes baixa na agricultura e gandería (1,99%), na construción (1,36%) e no colectivo de sen emprego anterior (1,47%). Pola contra, sube na industria (0,48%) e no sector servizos (1,12%). No ano baixa en todos. Así, diminúe un 12,97% no primario; o 10,60% na industria; o 13,18% na construción; o 7,67% no sector servizos; e o 9,23% entre o colectivo de sen emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego sube en todas as provincias. O 0,69% na Coruña, 0,11% en Lugo, 0,97% en Ourense e un 0,42% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 8,65% na Coruña, 8,25% en Lugo, 7,52% en Ourense e o 9,04% en Pontevedra.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 27,78%. Realizáronse en xullo un total de 86.251 contratos en Galicia. No mes de xullo de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 6,92%.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 62,14%, e no sector primario, do 53,85%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 26,45%, e na industria, do 20,52%.

En canto á taxa de cobertura por desemprego, esta sitúase no 64,24% (76,79% no Estado), con 62.426 persoas beneficiarias. Deste total, 27.024 perciben subsidios e 1.251 a Renda Activa de Inserción. O número de prestacións contributivas foi de 34.151. Aída así, a cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.113.486 de media mensual, crecendo o 0,98% no mes e aumentando un 1,84% no ano.

Fuente: UGT-Galicia