UGT-Galicia presenta o seu 14º Congreso que se celebrará os días 26 e 27 en Santiago
153 delegados e delegadas analizará a xestión deste último mandato, elaborarán unha folla de ruta de cara aos vindeiros anos e elixirán aos novos órganos de dirección
Fecha: 21 Feb 2025

O secretario xeral de UGT-Galicia anuncia que non se presentará á reelección
UGT-Galicia presenta o seu 14º Congreso que se celebrará os días 26 e 27 en Santiago
153 delegados e delegadas analizará a xestión deste último mandato, elaborarán unha folla de ruta de cara aos vindeiros anos e elixirán aos novos órganos de dirección
Santiago, 21 de febreiro de 2025.- O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, e o secretario de Organización e Administración do Sindicato, José Luís Fernández, presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 14º Congreso de UGT-Galicia que se vai celebrar na capital galega, no Hotel Puerta del Camino, os días 26 e 27 de febreiro baixo o lema “Máis e mellor sindicato”. Participarán 153 delegados e delegadas, que en representación das federacións galegas do Sindicato e das unións comarcais, analizarán a xestión deste último mandato, elaborarán a folla de ruta de cara aos vindeiros anos e elixirán aos novos órganos de dirección. Neste senso, Gómez, anunciou que non se presentará á reelección, como secretario xeral, e agradeceu, tras case 20 anos ao fronte do Sindicato en Galicia, a confianza depositada e manifestou que foi un honor ocupar a Secretaria xeral durante estes últimos anos e representar a UGT en Galicia.
O secretario de Organización explicou que o Congreso comezará o día 26 co acto de apertura a partir das 9.30 horas. Unha vez elixida a Mesa que dirixirá o Congreso ao longo dos dous días, intervirán os invitados institucionais e as delegacións fraternais. Tomarán a palabra o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez; o vicesecretario xeral da Área interna de UGT, Rafael Espartero; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Acto de apertura que pechará o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez.
Ao longo da tarde da primeira xornada desenvolveranse os traballos internos, debate e votación da xestión e desenvolvemento das comisións de traballo.
Xa o día 27, terá lugar o acto de clausura no que se darán a coñecer os novos órganos de dirección do Sindicato, incluída a nova Comisión Executiva de UGT-Galicia.
Tamén intervirán, na clausura, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez; o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; o novo/a secretario/a xeral de UGT-Galicia; e pechará o 14º Congreso a Presidencia do mesmo. Tanto a apertura como a clausura poderá ser seguida en directo a través da páxina web de UGT-Galicia.
Na súa intervención, o secretario xeral de UGT-Galicia debuxou cales van ser as liñas de acción do Sindicato nos vindeiros anos e ao redor das cales descorrerá a súa acción sindical. Indicou que “Máis e mellor sindicato” vai ser o lema baixo o cal se vai desenvolver este Congreso.
Congreso no que o noso leit motiv, a esencia do programa de acción que imos debater e que vai marcar as liñas de traballo, vai ser a necesidade de transformar o mundo en beneficio das persoas traballadoras. Na nosa acción sindical temos que outorgarlle un papel central e protagonista á clase traballadora, explicou, no deseño e execución dun modelo sostible de sociedade desde a perspectiva social, igualitaria, económica, laboral e ambiental, capaz de facer fronte ás importantes e vertixinosas transformacións que están a impactar hoxe na vida das persoas e que, sen dúbida, tamén o farán no futuro.
Avogou por traballar por unha normativa que regule a participación institucional dos sindicatos nos eidos ata o de agora non previstos e regulamentados, como Orzamentos galegos, Política Industrial, Política de transición ecolóxica, programas de estabilidade e converxencia…
Protexer o diálogo social legalmente
Apuntou que dende UGT seguimos a apostar polo reforzamento do diálogo social. Neste país temos demostrado como a ferramenta do diálogo social serviu para crear emprego de calidade e estable, promover unha negociación colectiva moderna e garantir unha protección social suficiente e sostible, mantendo a actividade económica e produtiva e fomentado a competitividade do noso tecido empresarial. Non obstante, cremos que chegou o momento de protexelo legalmente, para afrontar os desafíos que vaian xurdindo dende o consenso, porque o diálogo social non pode seguir dependendo da vontade do Goberno que estea ao fronte do Executivo en cada momento.
Neste Congreso tamén imos facer unha aposta firme polo investimento público e polo reforzamento do estado de benestar, o cal debe pasar por uns servizos públicos de calidade con máis e mellor emprego. Hai que apostar por unha industria avanzada e estratéxica para Galicia e esixirlle á Xunta que faga valer as súas competencias nesta materia; investir máis en I+D+i; imos esixir un sector da construción sostible e transformador; hai que potenciar o agro; impulsar a industria do turismo sostible con servizos de calidade; e recuperar a funcionalidade económica e social do sector financeiro.
Pacto de país pola industria
Neste senso, o secretario xeral de UGT-Galicia pediu á clase política do país que se deixe de liortas estériles e que se sente a traballar por un Pacto de País que prevea unha aposta clara por unha industria moderna para este país, con máis investimento en I+D+i e un pacto no que se contemple unha política enerxética que garanta o futuro da industria e a sustentabilidade.
Evidentemente, o emprego tamén vai estar no foco do traballo do Sindicato. Hai que seguir insistinto en crear máis e mellor emprego; plantar cara á temporalidade e á parcialidade involuntaria (do 40,5%); que se continúe avanzando na redución da xornada laboral sen diminución salarial, cara as 32 horas semanais; pola flexibilidade laboral en favor das persoas traballadoras; a subcontratación debe ser respectuosa cos dereitos dos traballadores e traballadoras; é necesaria a reforma do despedimento conforme á norma europea; urxe unha nova Lei de dereitos dixitais e intelixencia artificial no eido laboral e empresariais; a contratación pública debe ser respectuosa cos aspectos sociais e laborais; e, finalmente, hai que demandar unha Inspección de Traballo e Seguridade Social eficaz.
En materia de seguridade e saúde laboral, apóstase por combater o infrarrecoñecemento das enfermidades profesionais, apostar por unha Lei de prevención do século XXI que afronte os problemas de saúde mental, transición dixital, climática e demográfica e que garanta a inclusión da perspectiva de xénero na xestión da prevención. Esta materia necesita unha atención prioritaria porque resulta rexeitable que se sigan apuntando nas estatísticas persoas traballadoras mancadas ou falecidas como meros sumatorios, sen ter en conta o drama que isto constitúe persoalmente pero tamén socialmente. No 2024 houbo en Galicia 30.348 persoas vítimas dun sinistro laboral pero é que, deste total, 64 faleceron, 8 máis que no 2023, o que supón un incremento do 14,29%.
Por outra banda, en materia de igualdade, hai que ter en conta que a participación das mulleres no emprego aumenta de maneira constante, aínda que de forma desigual e desequilibrada. As políticas de igualdade entre mulleres e homes seguen sendo necesarias. A brecha salarial é en Galicia de case 18 puntos, cunha diferenza retributiva de 4.700 euros ao ano. As mulleres en Galicia soportan un 20,83 de parcialidade, fronte ao 6,62% dos homes. A taxa de actividade das mulleres non chega ao 50%, fronte ao 56,7% dos homes. E a brecha nas pensións é de 33,2 puntos. Estes son só algúns dos indicadores que amosan que as diferenzas seguen aí e hai que actuar sobre elas.
Por iso, é necesario ter en conta ás mulleres en todas e cada unha das políticas económicas e laborais e avanzar así cara a igualdade real entre homes e mulleres; avanzar na discriminación salarial; avanzar na repartición de coidados; traballar pola eliminación da violencia de xénero e do acoso sexual e por razón de sexo no traballo; evitar que a IA aumente as discriminacións cara as mulleres. Tamén en materia de igualdade, pero indo máis aló do sexo, urxe garantir os dereitos a todas as persoas migrantes e favorecer a participación das persoas mozas na sociedade. Ademais, dentro da loita pola igualdade cara un mundo máis xusto, UGT vai seguir reclamando máis acción LGTBI.
En materia de pensións esiximos o mantemento e sustentabilidade do sistema para unhas pensións públicas suficientes e sen recortes. Non se pode esquecer que en Galicia a pensión media de xubilación sitúase nos 1.281,3 euros, ocupando o penúltimo lugar dentro do conxunto das comunidades autónomas. Ademais, en Galicia o 26% das pensións de xubilación teñen que ser complementadas porque non chegan á mínima, máis de 1 de cada catro pensionistas en Galicia cobra unha pensións inferior aos 874 euros.