UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a mobilizarse este domingo porque cos dereitos da xente non se xoga
En Galicia as concentracións están convocadas na Coruña, Ourense e Vigo
Fecha: 31 Ene 2025

UGT e CCOO chaman á cidadanía galega a mobilizarse este domingo porque cos dereitos da xente non se xoga
En Galicia as concentracións están convocadas na Coruña, Ourense e Vigo
Santiago, 31 de xaneiro de 2025. O S.N. de CCOO e UGT-Galicia chaman á cidadanía galega a mobilizarse o vindeiro domingo, día 2, e acudir ás concentracións convocadas por ambos sindicatos na Coruña, Ourense e Vigo porque cos dereitos da xente non se xoga e porque non se pode dar nin un paso atrás e non se pode aceptar que se frivolice co benestar da clase traballadora.
Estas mobilizacións, que están convocadas en todo o Estado, teñen como obxectivo berrar en contra da antipolítica, xa que ambos sindicatos consideran que as persoas e os seus dereitos non poden ser reféns da loita partidista e dos intereses inmediatos dalgúns partidos políticos. Por diante da cidadanía non poden estar as estratexias políticas. Desde o Congreso dos Deputados non se pode seguir frivolizando co benestar da clase traballadora. Os dereitos das persoas non poden ser moeda de cambio nin obxecto de secuestro por parte dos grupos parlamentarios.
UGT e CCOO manifestan que queren a revalorización das pensións pero isto non é suficiente, hai que garantilas e facelas sostibles, vía aumento de cotizacións. Hai que lembrar que custou moito chegar ao actual nivel de prestacións e acordar a súa sustentabilidade coa patronal.
Ambos sindicatos critican que o PP diga que apoia a subida das pensións pero non di nada de acompañar esta co incremento da súa recadación. Haberá intereses que buscan a quebra do sistema para poder privatizalo? Os partidos teñen que asumir o modelo actual na súa integridade, pactado pola maioría social do país.
CCOO e UGT insisten en que o Parlamento debe estar ao servizo da xente e lembran que a non convalidación do Real Decreto Lei 9/2024 puxo en risco medidas sociais fundamentais que afectan a milleiros de persoas: máis de 10 millóns de pensionistas, dous millóns de beneficiarios do IMV, o incremento das pensións mínimas entre un 6% e un 9% estaba tamén en perigo, as axudas ás vítimas da DANA e o volcán da Palma quedaban bloqueadas, a moratoria de desafiuzamentos para as familias vulnerables víase paralizada, poñíase en cuestión o apoio ao transporte público para máis de 20 millóns de persoas. Non se pode permitir que todos estes dereitos sexan moeda de cambio nunha disputa estéril co falso argumento de se as medidas deben presentarse xuntas ou separadas.
Finalmente, o Goberno aprobou este martes un novo Real Decreto Lei 1/2025 co paquete de medidas sociais que foran bloqueadas. Agora a responsabilidade está nos grupos parlamentarios que agora parece que si as apoiarán pero isto conseguiuse porque a cidadanía, os sindicatos e colectivos sociais alzamos a voz e, por iso, seguiremos na rúa, porque os intereses da xente, especialmente das persoas máis vulnerables, non poden ser reféns de intereses partidistas.
Pero hai máis cuestións que van estar en xogo nos vindeiros meses, a tramitación no Congreso da redución da xornada a 37,5 horas ou a ausencia de orzamentos para o 2025 cunha prórroga parlamentaria dende 2023, o que está a afectar a un gran número de políticas públicas.
Por todo isto, UGT e CCOO fan un chamamento á mobilización para esixir responsabilidade e compromiso, que se aprobe o novo Real Decreto Lei sen dilacións; que se ocupen das necesidades da xente e que non volvan a utilizar os seus dereitos como moeda de cambio, que nunca máis se poña en risco a protección social, que non se bloquee a funcionamento das institucións de xeito oportunista, evitando poñer en marcha medidas que precisan da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. En relación con este último aspecto, hai que destacar medidas como implementar en toda a súa extensión os fondos europeos dentro do Plan de Recuperación, incrementar o financiamento e calidade do emprego e dos servizos de atención á dependencia ou desenvolver unha estratexia de coidados que mellore a súa calidade para a poboación dependente.
CONCENTRACIÓNS CONVOCADAS EN GALICIA
A CORUÑA: 11.00 HORAS. PALCO DA MÚSICA (XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ).
OURENSE: 12.00 HORAS. PARQUE DE SAN LÁZARO.
VIGO: 12.00 HORAS. PORTA DO SOL.

MANIFESTO