UGT denuncia que en Galicia son necesarias 144 altas e baixas na Seguridade Social para consolidar unha nova afiliación

Galicia é a cuarta autonomía onde máis baixou a afiliación media á SS dende o comezo da crise


Que só en 12 meses en Galicia se rexistren 1,39 millóns de altas na Seguridade Social, 1,38 millóns de baixas, é dicir, 2,8 millóns de movementos, para que o aumento neto de afiliados non sobrepase os 19.354, indica precariedade, rotación excesiva na contratación, un nivel de contratos a tempo parcial involuntarios xa insoportable para o mercado laboral galego, en definitiva, emprego de baixa calidade.

Para consolidar unha nova afiliación á Seguridade Social en Galicia son necesarias 144 altas e baixas, segundo os datos do ano 2015.

Situación á que de xeito definitorio contribuíron as reformas laborais impostas nos anos 2010 e 2012, sobre todo esta última, polo que dende UGT-Galicia pídeselle ao novo Goberno que se conforme nos vindeiros meses que, como paso inicial para a mellora do mercado laboral e a creación de emprego de calidade, derrogue ambas reformas e poña en marcha con carácter de urxencia outra política, cambiando a austeridade por crecemento, os recortes por inversión produtiva e a precariedade laboral por xeración de emprego de calidade.

No relativo ao comportamento da Seguridade Social nos últimos anos, a situación é nefasta en todo o Estado pero é que en Galicia é peor que na media do conxunto das comunidades autónomas, como o demostra o feito de que esta comunidade é a cuarta, só superada por Castela A Mancha, Asturias e Valencia, que rexistra unha maior baixada da media de afiliación á Seguridade Social dende o ano 2008 ata o 2016. Concretamente, se en xullo de 2008 esta media era de 1.094.898 afiliados, en xullo de 2016 pasa a ser de 973.973, o que supón unha perda do 11,04 por cento, fronte ao 7,93 por cento que se rexistra de media no conxunto do Estado.

Así, Galicia representa o 7,9 por cento da perda de todo o Estado cando o seu peso real na afiliación total é moito máis baixo, do 5,5 por cento.

Nunha serie histórica contrastan os datos de media de afiliación á Seguridade Social rexistrados en Galicia. Iníciase a análise no ano 2006, con 1.035.156 afiliados. Cifra que sempre se mantivo por enriba do millón ata o ano 2011, a primeira vez que baixa desta barreira, situándose nos 985.950 afiliados. A día de hoxe, segundo os datos rexistrados a xullo de 2016, esta recupérase lixeiramente (973.973 afiliados), en relación aos baixísimos rexistros de anos como o 2013 cando non se superaban os 917.000 afiliados,  pero aínda continúan afastados da barreira do millón de afiliados.


GALICIA REXISTRA UN DOS INCREMENTOS MÁIS BAIXOS DE AFILIADOS Á SEGURIDADE SOCIAL EN RELACIÓN A HAI UN ANO

En relación a hai un ano, xullo de 2015, se ben é certo que a cifra de afiliados recupérase nun 1,7 por cento, ao pasar de 957.879 a 973.973, esta suba segue a estar moi por debaixo dos 3,1 puntos de media de recuperación no Estado ou dos 3,2 puntos de comunidades como Madrid ou os 5,9 de autonomías como as Illas Baleares. De feito, Galicia é a quinta autonomía que menos recupera, só superada por Estremadura, Cantabria, Asturias e Castela e León.

Para UGT-Galicia, esta diagnose reflicte que a tan publicitada recuperación do mercado laboral polos gobernos do PP en Madrid e en Galicia non existe. Polo menos, coa calidade e estabilidade necesaria para garantir unha recuperación da situación económica estrutural e unha saída real da crise na que todos sexan protagonistas e, principalmente, as familias deste país.

Os movementos na Seguridade Social que arroxan as estatísticas debuxan un mercado laboral moi inestable, precario, marcado polos contratos temporais ou a xornada parcial e cunha perda progresiva  dos salarios. Hai que ter en conta que o salario medio dos traballadores con contrato temporal é un 36,6 por cento do que percibe un traballador cun contrato indefinido; e o dun traballador con contrato a tempo parcial é un 63 por cento menor que o que ten un traballador a tempo completo. Diferenzas que medran continuamente dende o ano 2007.


UN SISTEMA LABORAL PRECARIO E INESTABLE QUE CONDUCE A PERDAS CONTINUAS DE SALARIOS. DENDE O 2007 OS ASALARIADOS GALEGOS PERDERON 1.211 MILLÓNS DE EUROS

De feito, en Galicia, dende o ano 2007 os asalariados perderon 1.211 millóns de euros. Xa nunha fase de suposta expansión económica como a que se vive a partir do ano 2014 os salarios seguen sen medrar como deberían. A actividade crece, medra o emprego pero a mala calidade do mesmo, como reflicten as fortes fluctuacións que se rexistran en materia de Seguridade Social, sumado ao deterioro das condicións laborais que produciron as reformas do 2010 e do 2012 fan que os salarios non aumenten en consonancia.


URXE TOMAR MEDIDAS NUN MOMENTO NO QUE A SUSTENTABILIDADE DA SEGURIDADE SOCIAL SE ESTÁ A POÑER EN DÚBIDA

Precisamente, nun momento como o actual no que se está poñendo en dúbida a sustentabilidade da Seguridade Social e o sistema público de pensións, a diminución de ingresos, froito da mala calidade do emprego xa denunciada e os baixos salarios e unha crecente disposición dos recursos do Fondo de Reserva, poden levar ao seu esgotamento.

UGT-Galicia alerta de que o crecemento por ingresos por cotización está sendo inferior en relación ao  incremento dos afiliados. Un problema que se está convertendo en permanente debido a varios factores, a debilidade dos incrementos salariais, debido á política de desvalorización e depresión dos salarios; a maioritaria precariedade do emprego que se está creando, con forte presencia de empregos a tempo parcial e de contratos temporais; a caída da cobertura das prestacións por desemprego, que pon de manifesto non só a desprotección crecente do paro, senón as diferenzas reais entre os ingresos polas cotizacións que proveñen do emprego e o gasto en prestacións da Seguridade Social; e perda de ingresos derivada de que as políticas de subvencións á contratación se están cargando sobre as costas da Seguridade Social.

Todos estes factores deben ser corrixidos xa. Por elo, o Sindicato reclama ás forzas políticas do novo Parlamento que asuman con urxencia un compromiso pleno co sostemento da Seguridade Social e do sistema público de pensións, a través dun proceso de negociación cos interlocutores sociais.

Fuente: UGT-Galicia