Miles de persoas mobilizáronse en Galicia neste Primeiro de Maio para “Protexer o conquistado, gañar futuro”

Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, mobilizáronse hoxe nas cidades e vilas galegas -A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo (acto central)- para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Protexer o conquistado, gañar futuro”.

Fecha: 01 May 2025

vigo

Miles de persoas mobilizáronse en Galicia neste Primeiro de Maio para “Protexer o conquistado, gañar futuro”



 

Santiago, 1 de maio de 2025.- Miles de persoas, convocadas por UGT e CCOO, mobilizáronse hoxe nas cidades e vilas galegas -A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo (acto central)- para celebrar este Primeiro de Maio baixo o lema “Protexer o conquistado, gañar futuro”.

Porque son moitos os avances conseguidos nestes últimos anos en materia social e laboral, reforma laboral, pensións, SMI... pero hai que seguir traballando, no contexto do diálogo social, porque aínda son moitas as eivas e hai que estar firmes na defensa do conquistado ante as ameazas que o cuestionan. Este Primero de Maio converteuse nunha gran mobilización pola democracia, a liberdade e os dereitos. 

Hai que lembrar que este ano, de novo, o Primeiro de Maio celebrouse nun contexto marcado por varios conflitos bélicos abertos e, ademais, cunha nova ameaza, as decisións do presidente dos Estados Unidos, un contexto global de profundas transformacións no que o sindicalismo debe ser unha ferramenta esencial para construír sociedades máis xustas.

Neste Primeiro de Maio tamén se demandou máis Europa fronte ás políticas ameazantes da nova Administración Trump, coa imposición de aranceis que afectan gravemente ao comercio mundial, o que esixe por parte da UE dunha resposta contundente que tamén debe dirixirse ás políticas das extremas dereitas que promoven o desmantelamento do Estado de benestar, a deterioración dos servizos públicos, o odio á diversidade, a oposición a políticas de igualdade, a súa defensa do racismo e a xenofobia ou o negacionismo da crise climática.

No contexto máis próximo, UGT demandou seguir apostando por máis e máis diálogo social porque aínda son moitas as eivas que hai que solucionar. É o momento de dar un novo impulso á calidade do emprego e á distribución xusta da riqueza que xera a economía. Os salarios creceron pero lonxe dos beneficios do capital. Polo que hai que abordar a negociación colectiva en mellores condicións para poder gañar poder adquisitivo.

Por outra banda, a evolución dos principais indicadores económicos, o aumento sostido da produtividade nas últimas décadas, o cambio estrutural nos sistemas de produción e, sobre todo, o incremento continuado das marxes empresariais, constatan que temos agora a oportunidade e a responsabilidade de dar un paso decisivo: reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais sen diminución salarial. Un camiño que debe ir cara as 32 horas, como obxectivo final. Esta redución da xornada laboral contribuirá, ademais, a repartir mellor o tempo e a riqueza, favorecendo a conciliación, a saúde laboral e a creación de emprego de calidade.

Outra materia pendente é a reforma normativa do despedimento para que as indemnizacións recuperen a súa función disuasoria e reparadora, tal e como esixe a Carta Social Europea, e para reinstaurar os salarios de tramitación, eliminados na reforma laboral de 2012.

Neste 1º de Maio tamén se demandou poñer fin á lacra insoportable da sinistralidade laboral, hai que acometer canto antes unha nova Lei e articular un Plan de Choque. Tamén necesitan reforzarse as políticas activas de emprego, orientándoas de maneira personalizada para mellorar a empregabilidade das persoas en desemprego, combatendo especialmente o paro de longa duración que en Galicia afecta a 33.200 persoas. Tamén hai que seguir denunciando que as mulleres seguen a soportar maiores taxas de desemprego, maiores índices de parcialidade e unha brecha salarial de case 18 puntos.

Ademais, existiu un berro unánime para demandar solucións para o gran problema do mercado da vivenda. A vivenda ten que deixar de ser unha cuestión política e debe converterse nun verdadeiro dereito. Urxen medidas determinantes e eficaces.

Nesta data UGT tampouco se esqueceu das persoas migrantes, sobre todo, nun momento no que proliferan os discursos xenófobos. Urxe previr e frear o racismo, a escalada de violencia contra as persoas migrantes e a permisividade cara os discursos que fomentan o odio.

En todas as manifestacións fíxose un chamamento á mobilización en defensa dos dereitos sociais e laborais e en respaldo ao proxecto europeo como piar de democracia social, convivencia e progreso. Agora máis que nunca, é necesario protexer o conquistado e gañar futuro.



 



 

Fuente: UGT-Galicia