Cristóbal Medeiros, novo secretario xeral de UGT-Galicia
O novo secretario xeral marcou como retos para Galicia, para o seu futuro, entre outros, máis diálogo social, apostar por unha industria estratéxica, aproveitar o potencial enerxético, máis e mellor emprego e mellora da tendencia demográfica
Fecha: 27 Feb 2025
Cristóbal Medeiros, novo secretario xeral de UGT-Galicia
O novo secretario xeral marcou como retos para Galicia, para o seu futuro, entre outros, máis diálogo social, apostar por unha industria estratéxica, aproveitar o potencial enerxético, máis e mellor emprego e mellora da tendencia demográfica
Santiago, 27 de febreiro de 2025.- Os delegados e delegadas do 14º Congreso de UGT-Galicia, que se celebrou ao longo destes dous últimos días en Santiago, veñen de elixir cun 60,52% dos votos á nova Comisión Executiva de UGT-Galicia, encabezada polo secretario xeral, Cristóbal Medeiros. Unha Executiva integrada por 7 membros.
Así, a nova Comisión Executiva de UGT-Galicia está formada por:
Secretaría Xeral: Cristóbal Medeiros Fernández.
Vicesecretaría Xeral de Dereitos Sociais: Ana María Pereiro Mourelo.
Secretaría de Organización: Aser Sanz Fernández.
Secretaría de Administración: Rafael Vázquez García.
Secretaría de Igualdade: Trinidad Campos Rodríguez.
Secretaría de Política Institucional: José Carlos Rodríguez Del Río.
Secretaría de Saúde Laboral: Isabel González Jardón.
Unha vez proclamados os resultados da elección da nova Comisión Executiva de UGT-Galicia, que desenvolverá a xestión do Sindicato de cara aos vindeiros anos, tivo lugar no Hotel Puerta del Camino, en Santiago, o acto de clausura do 14º Congreso de UGT-Galicia.
Neste acto interviñeron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; e o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros.
Na súa intervención, Pepe Álvarez agradeceu o traballo desenvolvido por José Antonio Gómez, o que fora secretario xeral de UGT-Galicia nestes últimos 20 anos, e saudou a elección de Cristóbal Medeiros neste 14º Congreso. Precisamente, á nova Dirección do Sindicato en Galicia pediulle que se poña a traballar dende xa pola mellora das condicións de vida das persoas traballadoras porque esa é a razón de ser do Sindicato.
Neste senso, fixo fincapé en que UGT traballa a diario nesta liña, na consecución dunha sociedade máis xusta, dun mercado laboral que garanta postos de traballo dignos para todos e todas as traballadoras, polo que manifestou que non entende a actitude doutros sindicatos que non achegan nada e sempre están na filosofía do “non polo non”. Abriron un debate estéril sobre a reforma laboral e, despois dos seus froitos, aínda non lle pediron desculpas á clase traballadora deste país. Tamén votaron en contra da redución da xornada laboral no seno do CES argumentando que desexan as 32 horas, e UGT tamén, indicou, non obstante, as 37,5 son o primeiro chanzo para chegar ás 32 e trátase de facer achegas, de ir construíndo, non de manter unha actitude máis ben pouco construtiva e que pouco aporta ao conxunto dos traballadores e traballadoras.
De cara aos anos que se aveciñan, pediu unha UGT forte que mire cara fóra, que mellore a súa representatividade e, co traballo e compromiso de todos e todas, conseguirase.
Fronte aos desatinos e xeitos de actuar de líderes como Trump, pediu máis e máis Europa.
Saudou medidas como a subida do SMI e pediulle á patronal que mude de estratexia e que se sente a negociar, no eido da negociación colectiva, subidas salariais porque UGT non vai cesar na súa liña de actuación neste senso, o que non se consiga vía negociación colectiva, vaise conseguir vía subida do SMI. Ao respecto, o que si rexeitou é a proposta de tributación que se pretende que acompañe a esta medida vía IRPF. Este debería cotizar cando chegue a supoñer o 60% do salario medio pero non antes porque os tramos do IRPF por abaixo son tremendamente inxustos. Ao respecto, indicou que España debe ir cara un sistema fiscal máis xusto e progresivo, que permita recaudar máis pero dun xeito máis equitativo.
En canto á redución da xornada laboral, pediu rigor cando se fala dos efectos e anunciou que UGT vai dar a batalla ata o final, fixo un chamamento á patronal de novo a que negocie neste senso a ás forzas políticas para que lle dean o seu respaldo no Parlamento, o contrario sería darlle un “portazo” á xente. UGT quere un acordo de consenso, polo que sería bo contar con todos e todas. Redución que debe ir acompañada dun control horario que poña fin aos millóns de euros que se dan de fraude á Seguridade Social e Facenda polas horas extraordinarias non remuneradas.
Finalmente, amosou o seu rexeitamento a como se está a tratar aos nenos e negas que chegan en pateras ao noso país, é indigno que se siga a manter o discurso de que non hai saída para eles.
Para pechar, tomou a palabra Cristóbal Medeiros que agradeceu a confianza dos delegados e delegadas do Congreso para levar adiante o plan de futuro da UGT en Galicia. Tamén tivo unhas palabras para Ángel Iglesias, que encabezaba a outra lista que se presentaba á Comisión Executiva de UGT-Galicia, ao que lle amosou a súa confianza de poder seguir traballando cóbado con cóbado polo futuro da Organización, por unha UGT máis forte.
Dirixiuse a José Antonio Gómez e agradeceulle todo o traballo feito nestes últimos anos e a súa axuda cando accedeu á Secretaría xeral de UGT-Ourense.
Avogou, como di o lema do Congreso por máis sindicato porque necesitamos máis participación, máis inclusión, máis involucración de todos sen distinción.
E mellor sindicato, que é a segunda parte do lema, temos que adaptar as nosas estruturas, optimizar recursos e traballar en equipo sempre ca mirada posta nos intereses de todos e todas. Cada voz conta por eso o noso sindicato debe ser cercano, accesible e áxil.
Insistiu en que non podemos dar ni un paso atrás. Cun sindicato máis forte, máis presente e mellor estruturado poderemos avanzar cara un futuro de benestar para todos e todas.
Explicou que o programa de acción que foi aprobado no 14º Congreso de UGT-Galicia marca unhas liñas de traballo onde se lle otorga un papel central á clase traballadora. Seguiremos apostando polo fortalecemento do diálogo social. No noso país e en Galicia demostrouse como o diálogo social serviu para crear emprego de calidade e estable, mantendo a actividade económica e produtiva. Pero ten que ser un diálogo máis transversal, queremos falar tamén, entre outras cousas, de vivenda, de protección social, de atención aos nosos maiores para abordar problemas que hoxe apremian á sociedade galega.
Tamén apuntou que temos que investir máis nos servizos públicos para fortalecer o estado de benestar.
Hai que apostar por unha industria avanzada e estratéxica para Galicia, actualizar e reinventar o tradicional pero apostar tamén dun xeito decidido por sectores de alto valor engadido. Estamos preto dun cambio na industria e Galicia ten que aproveitar esa nova revolución para estar á cabeza, somos un territorio rico en moitas materias primas e enerxias verdes e temos que aproveitar. Galicia é unha comunidade privilexiada con recursos naturais que lle deberían permitir ser unha potencia enerxética en renovables sostibles medioambientalmente. Pero Galicia necesita seguridade xurídica para os proxectos, como no caso do sector eólico. Hai que aproveitar a oportunidade e integrar a enerxía renovable no desenvolvemento da economía. Pero, ollo, isto non pode levarse a cabo a calquera prezo, as autorizacións eólicas deben garantir a integración social, o respecto medioambiental e o axeitado consenso coa veciñanza.
Hai que impulsar a industria de turismo sostible, hai que investir máis en I+D+i, hai que garantir a formación e capacitación profesional, impulsando a conectividade entre centros educativos e formativos coas empresas.
Potenciar o rural, converter este espazo nunha alternativa real provista das ferramentas necesarias para que as persoas, as familias, se poidan asentar neste contexto, poidan traballar nel e afrontar no rural e dende o rural o seu proxecto de vida e non como unha prolongación do urbano, senón como un espazo con entidade propia.
Evidentemente, o emprego tamén estará no centro do traballo deste sindicato. Hai que seguir insistindo en crear máis e mellor emprego e continuar avanzando na redución da xornada laboral. Hai que apostar por unha lei de prevención deste século que aborde problemas máis actuais como poden ser os de saúde mental.
Hai que seguir reforzando as políticas de igualdade, traballar pola eliminación da violencia de xénero e acoso sexual. Urxe tamén garantir os dereitos das persoas migrantes.
Abordar o envellecemento da poboación debe ser outro dos grandes retos. Segundo os últimos datos que acaba de facer públicos o INE, mentres que no resto do Estado dáse un repunte de nacementos, Galicia non comparte esta tendencia, estudos apuntan a que no 2030 haberá en Galicia tres persoas de 65 ou máis anos por cada rapaz ou rapaza menor de 14 anos. Todo isto, á marxe de consideracións sociais, tamén terá un impacto certamente negativo na xeración de riqueza, no eido da innovación e do emprendemento e, por suposto, produce un claro impacto no sindicato.
Por outra banda, todos e todas estamos na obriga de traballar para garantir o acceso a unha vivenda digna que permita ás persoas construír un proxecto de vida propio porque non podemos esquecer que a vivenda é un dereito social.
Concluíu afirmando que o futuro está aí e non agarda por nós e en Galicia, nun contexto marcado pola globalización, a dixitalización e a sostibilidade que debemos autoesixirnos, estamos obrigados a afrontar estos importantes retos aos que dende xa, e dun xeito ambicioso, hai que ir dando resposta procurando salvagardar e potenciar os valores que nos son propios, os valores diferenciais, e ser capaces de proxectalos cara o futuro. En definitiva, o noso futuro depende do que fagamos e estará moi condicionado pola capacidade que teñamos como colectivo para ir dando respostas a todos estes retos. Será moi importante nestes anos que Galicia consiga reter e atraer talento e xerar, ao mesmo tempo, unha contorna socioeconómica para que este se desenvolva e creza.