UGT saúda a decisión da Xunta de obrigar a pechar o Venres Santo os supermercados, dando así resposta á petición realizada polo Sindicato

Fecha: 28 Mar 2020

UGT saúda a decisión da Xunta de obrigar a pechar o Venres Santo os supermercados, dando así resposta á petición realizada polo Sindicato

Aínda que UGT valora esta medida, considera que habería que ir máis aló impedindo a apertura en todos os domingos e festivos


 

Santiago, 3 de abril de 2020.- FeSMC-UGT-Galicia saúda a decisión que ven de adoptar a Xunta de prohibir a apertura das superficies de alimentación o vindeiro día 10 de abril, Venres Santo, para garantir o descanso dos traballadores e traballadoras do sector que están a ser sometidos a diario a importantes cargas de traballo. A Xunta de Galicia da resposta así á petición realizada polo Sindicato que ven de remitirlle un escrito onde se lle demandaba á Administración galega o peche dos supermercados e superficies de alimentación nestas datas.

Non obstante, FeSMC-UGT-Galicia ten un sabor agridoce con este anuncio da Xunta porque o Sindicato reitera, e así llo trasladou no escrito que deu orixe a esta decisión da Administración autonómica, que o peche habería que trasladalo a todos os festivos e domingos. O Sindicato lembra que, se ben liberalizar os horarios foi unha decisión que se adoptou nun primeiro momento dende o Centro de coordinación operativa, esta medida xa non ten razón de ser porque as presións e tensións iniciais nestas superficies orixinadas polas compras masivas dos primeiros momentos fóronse suavizando, polo que a medida debería ser revocada na súa totalidade.

Hai que facer fincapé en que as propias dinámicas xa levaron ás reducións diarias de horarios para darlle aos traballadores máis horas de descanso e permitir aos centros realizar as tarefas de limpeza e desinfección.

Ademais, non se pode esquecer que os traballadores do sector están a ser dos máis expostos a diario a posibles contaxios, polas horas que permanecen de cara ao público e polas proximidades que teñen que establecer con este. Por todo isto, UGT considera que estes traballadores e traballadoras ben merecen descansar os domingos e festivos.

Finalmente, UGT insiste en trasladarlle o seu recoñecemento aos traballadores e traballadoras das superficies alimentarias pola importante tarefa que a diario están a desenvolver para que todos poidamos ter nos nosos fogares os produtos de alimentación e hixiénicos necesarios.


 


 

Fuente: FeSMC