UGT insta á Xunta a traballar no diálogo social nun paquete de medidas para atender as necesidades sociais e preparar a actividade para a saída do estado de alarma

Fecha: 16 Abr 2020

UGT insta á Xunta a traballar, dentro do marco do diálogo social, nun paquete de medidas para atender as necesidades sociais e preparar a actividade para a saída do estado de alarma

O Sindicato fai fincapé en que, aínda que a prioridade ten que ser protexer a saúde das persoas, hai que dar resposta á profunda crise social, económica e laboral que xerou o COVID-19


 

Santiago, 16 de abril de 2020.- UGT-Galicia insta á Xunta a que, na conxuntura actual, abra, dentro do contexto de diálogo social, un espazo de traballo para elaborar un plan que contemple un paquete de medidas para atender as necesidades sociais e preparar a actividade para a saída do estado de alarma.

Aínda que neste momento protexer a saúde das persoas ten que ser a máxima e indiscutible prioridade de toda a sociedade, tamén é preciso dar unha resposta adecuada á profunda crise social, económica e laboral que xerou a pandemia do COVID-19.

Todos somos conscientes do durísimo impacto da crise do COVID-19 na saúde das persoas, na economía, o traballo e na sociedade. A única maneira de afrontar con éxito esta situación é a partir de responsabilidades compartidas e claras, con sentido da realidade inmediata e á vez con perspectiva a medio e longo prazo. Non entenderiamos que os problemas que se están a afrontar se poidan resolver empresa por empresa ou individualmente nos tribunais. Non é momento de facer prevalecer intereses partidistas nin cortoplacistas que acabarían prexudicando a todos.

As medidas económicas adoptadas ata o momento pola Xunta de Galicia foron relacionadas con certas exencións e bonificacións fiscais, moratorias no pago de tributos e préstamos e inxeccións de liquidez para apoiar ás empresas, medidas informadas, pero sempre á marxe do diálogo social e que son insuficientes para paliar o deterioro do noso tecido produtivo.

Responder ás necesidade sociais, preparar a actividade económica e o mundo laboral para a saída do estado de alarma, deseñar plans de mobilidade, analizar os diferentes sectores económicos, anticiparnos á previsible segunda ola de ERTES e deseñar un plan de medidas económicas para acelerar a recuperación

Dende UGT entendemos que resulta imprescindible que nesta Comunidade se acometa a través do diálogo social un proceso que poida culminar cun plan de medidas con respaldo orzamentario preciso para dar unha resposta eficaz ás necesidades sociais actuais, pero tamén para preparar a actividade económica e o traballo para a saída do Estado de Alarma. Deseñando plans de mobilidade da cidadanía, realizar unha análise e avaliación dos diferentes sectores económicos, anticiparnos á previsible segunda ola de ERTES e deseñar un plan de medidas económicas para acelerar a recuperación da actividade.

Políticas activas de emprego, fortalecer os servizos públicos, protección adicional para os desempregados, seguridade laboral, apoios reais autónomos, axudas emerxencia social e apoiar a conciliación

Tamén é o momento de reorientar con urxencia as políticas activas de emprego nas que traballamos no diálogo social; medidas de protección adicional para as persoas en situación de desemprego; incrementar sen titubeos o investimento en seguridade e saúde laboral; prestar apoios reais a empresas e autónomos para que manteñan o emprego e poidan asegurar o reinicio da actividade en condicións de seguridade e abordar a modernización y dixitalización da súa actividade.

É preciso fortalecer os nosos servizos públicos, singularmente, a sanidade e os servizos sociais; incrementar as axudas de emerxencia social e acelerar as medidas de loita contra a pobreza, enfocándoas aos colectivos mais vulnerables; e apoiar a conciliación da vida laboral e familiar, moi especialmente, mentres se manteñan cerrados os centros educativos.

Todo isto deberíase facer a través dun acordo social para a reactivación da economía e protexer as situacións de vulnerabilidade das persoas. Un acordo, evidentemente, con presenza sindical porque outras iniciativas que a Xunta ten adoptado ata o momento, como o comité de asesores anticrise, carecen, para nós, dunha das principais patas deste banco, a representación dos traballadores que, en definitiva, vai ser un dos colectivos máis prexudicados nesta crise.


 


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia