UGT imparte en Santiago unha xornada sobre o papel dos sindicatos na formación programada polas empresas

​Ao longo da mañá do día 19, a sede de UGT-Galicia en Santiago acolleu o desenvolvemento dunha xornada dirixida a delegados e cadros de UGT, na que participaron máis de 25 persoas e na que se informou e se analizou o papel da representación legal dos traballadores nas iniciativas formativas programadas polas empresas.

O contido desta xornada xirou ao redor dunha introdución á iniciativa de accións de formación nas empresas; os dereitos da representación legal dos traballadores; a tramitación do informe da Representación Legal dos Traballadores; e a xestión das discrepancias.

Así, a secretaria xeral de UGT-Compostela-Barbanza, Inmaculada Sieiro, e o secretario de Organización e Administración de UGT-Galicia, José Luís Fernández Celis, explicaron que con este encontro trátase de informar e dar a coñecer as ferramentas que teñen os representantes lexítimos dos traballadores para participar na elaboración, seguimento da execución e avaliación na formación programada polas empresas.

Aclararon que esta formación debe ser negociada entre a empresa e os representantes dos traballadores, aínda que en moitos casos trátase dun dereito descoñecido nos centros de traballo.  Precisamente, esta situación foi a que aconsellou a celebración desta xornada.

Para UGT, é vital impulsar o diálogo entre a empresa e os traballadores a través dos seus representantes co fin de participar na detección das necesidades de formación e a definición dos plans de formación que logren cualificar aos traballadores e melloren a competitividade das empresas, facendo así un uso eficaz dos recursos.

Precisamente, a última Lei de formación do ano 2015 introduciu cambios que afectan á iniciativa de formación programada polas empresas pero que apenas se desenvolveron. Aínda quedan cuestións por resolver moi importantes como a acumulación de crédito das pemes.

Hoxe é preciso un traballo conxunto de traballadores e empresa para desenvolver unha formación acorde ás necesidades de cada posto e conseguir así unha maior produtividade nas empresas e no país en xeral.