UGT Galicia nega que haxa un diálogo social real coa CEG en materia de igualdade

​En relación coas declaracións feitas públicas hoxe pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UGT-Galicia precisa que, a pesar de haber diferentes reunións no Consello Galego de Relacións Laborais con participación de UGT, CCOO e CIG e a CEG para traballar nun acordo marco interprofesional de ámbito autonómico sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, este non foi posible ante a cerrazón dos empresarios, ao supeditar sempre a posta en marcha de accións positivas para a consecución da igualdade plena entre homes e mulleres ás necesidades das empresas en materia de competitividade e productividade.

Non é razoable afirmar que, por exercer un dereito lexítimo como é o de folga,  se teme por un acordo, cando este, a dia de hoxe é inviable, xa que a representación da CEG impediu calquera avance para garantir a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, mediante a implantación de medidas de ordenación de tempo de traballo e adaptación da xornada que permitan unha conciliación real das persoas traballadoras.

Dificilmente se pode facer chamamentos ao diálogo cando se impide que se regulen claramente cláusulas de igualdade efectiva para a selección de persoal nas empresas mediante a regulación dos procesos de contratación con criterios obxectivos, que garantan que o sexo das persoas, ou as súas circunstancias familiares, non teñan influencia algunha na súa selección.

Hoxe, máis que nunca, manifestamos que a pesares destas posicións patronais dende UGT imos seguir tratando de trasladar á negociación colectiva medidas efectivas a favor da igualdade entre homes e mulleres, a pesares de ter enfronte a uns empresarios que nos din que nas súas empresas non existe brecha salarial, cando a realidade é que as mulleres galegas perciben de media 5.090€ menos cun home ao ano.

Temos o convencemento de que esta xornada de folga do 8 de marzo representará un antes e un despois para avanzar na consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.