UGT-Galicia constitúe a súa Área LGTBI

Márcase o obxectivo de converterse nun referente nesta Comunidade na loita polos dereitos deste colectivo tanto no eido social como laboral

Fecha: 30 May 2023

O responsable da Área LGTBI de UGT confederal indicou que Galicia é a terceira comunidade con peores indicadores en materia de discriminación laboral do colectivo LGTBI

UGT-Galicia constitúe a súa Área LGTBI

Márcase o obxectivo de converterse nun referente nesta Comunidade na loita polos dereitos deste colectivo tanto no eido social como laboral

 

Santiago, 30 de maio de 2023.- Hoxe tivo lugar en Santiago o acto de constitución da Área LGTBI de UGT-Galicia e foi nomeada como coordinadora da mesma Laura García, o resto do equipo estará conformado por Javier Graña, Gema Andrés e Daniel Gaspar. Deuse así cumprimento ao mandato do 43 Congreso de UGT no que se instaba aos organismos do Sindicato a constituír estas áreas co obxecto de loitar polos dereitos do colectivo LGTBI, sobre todo no ámbito laboral, porque é de xustiza promover o traballo decente para todos e todas.

Antes do acto de constitución, que tivo lugar na sede de UGT-Galicia, o responsable da Área LGTBI de UGT confederal, Toño Abad, e a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, ofreceron unha rolda de prensa.

Neste acto informativo, Toño Abad saudou a iniciativa de UGT-Galicia á hora de constituír esta Área e a cualificou como un paso importante, en termos xerais, porque hai que traballar a prol dun colectivo que soporta taxas de discriminación no ámbito do emprego inaceptables, pero, sobre todo, en Galicia, unha comunidade con indicadores especialmente negativos neste senso.

O responsable LGTBI de UGT insta á Xunta a que saque do caixón a Lei pola igualdade de trato e non discriminación do ano 2014, que a desenvolva e garanta a súa aplicación

De feito, segundo os estudos anuais realizados por UGT dende 2019, con máis de 3.500 enquisas feitas para baremar a situación das persoas LGTBI no traballo, Galicia é a terceira comunidade que rexistra peores indicadores de discriminación cara as persoas LGTBI no eido laboral. Todo isto, a pesar de contar Galicia cunha normativa propia dende o ano 2014 de loita contra a discriminación LGTBI pero que, lamentablemente, como sinalou Toño Abad, carece de aplicación práctica e do desenvolvemento normativo necesario para garantir a súa efectividade. Neste senso, reclama ao Goberno galego que saque do caixón esta normativa, que acometa o seu desenvolvemento e garanta a súa aplicación.

A nivel estatal, Toño Abad fixo unha valoración positiva da Lei Trans e LGTBI que xa ten unha normativa específica que obriga ás empresas de máis de 50 traballadores a establecer protocolos de acoso e antidiscriminatorios que poden ser fundamentais á hora de loitar contra esta lacra. Non se pode esquecer que hai cifras alarmantes, por exemplo, o 20% das persoas trans declaran ter sufrido violencia sexual no emprego e con isto hai que terminar xa.

Por outra banda, o traballo de UGT tamén contribuíu a sacar adiante un V Acordo de Negociación Colectiva no que, por primeira vez, se recollen medidas específicas de protección ao colectivo LGTBI no emprego. E destacou a importancia dun acordo que vai rexer miles de convenios que afectarán a moitísimos traballadores e traballadoras neste país.

Abad considera que a loita pola protección e contra a discriminación do colectivo LGTBI pasaba necesariamente por entrar tamén no eido do emprego, había que chegar aos centros de traballo para acabar coa discriminación e acabar coa vulneración dos dereitos LGTBI.


 


 


 

Fuente: UGT-Galicia