UGT-Galicia condena a gravación na Maruxaina de 2019 e apoia ás afectadas

Fecha: 07 Abr 2021

O Sindicato esixe, tanto á Administración do Estado como á Xunta de Galicia, o desenvolvemento urxente das medidas do Pacto contra a Violencia de Xénero que perseguen a erradicación deste tipo de accións

UGT-Galicia apoiou e fai súa a resolución do pleno do Consello Galego das Mulleres na que se condea o caso das gravacións feitas a mulleres na festa da Maruxaina de agosto de 2019 e o apoio ás afectadas, xa que a captación e difusión dos vídeos da Maruxaina teñen carácter humillante,  vexatorio e  atentatorio contra a honra e integridade moral das afectadas.

Lembrar que o Consello Galego das Mulleres, do que UGT-Galicia forma parte, é un órgano colexiado de carácter consultivo no que están representadas as consellerías da Xunta, as asociacións e federacións de mulleres, as organizacións sindicais e as organizacións empresariais. Na súa reunión de hoxe abordou o caso das indignantes gravacións efectuadas durante a romaría da Maruxaina de 2019 e publicadas posteriormente en páxinas de contido pornográfico, acordando o absoluto rexeitamento e condena dos feitos por atentar contra a dignidade das mulleres e afectar claramente á súa intimidade, así como o seu incondicional apoio ás prexudicadas polo dano moral causado.

Na liña do acordo, o Sindicato esixe das Administracións públicas, tanto da estatal como da autonómica, o desenvolvemento urxente das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que perseguen a erradicación deste tipo de accións, que suponen unha violencia contra a dignidade e a integridade das mulleres. e para acabar, definitivamente, coa impunidade con que moitas veces se levan a cabo, impunidade na perpetración e impunidade nas consecuencias xudiciais, contra a que a sociedade ten que loitar para erradicala.

Fuente: UGT-Galicia