UGT-Galicia chama á participación o día 23 na manifestación na Mariña pola dignidade sindical en Sargadelos

Fecha: 12 Nov 2018

O vindeiro día 23 UGT convoca unha manifestación que sairá ás 13.00 horas de Cervo para rematar en Sargadelos pola dignidade sindical nesta histórica fábrica, en solidariedade con Rogelia Mariña e para demandar a readmisión dos traballadores e das traballadoras despedidas.
O Sindicato denuncia a situación na que está a fábrica de Sargadelos, unha empresa que forma parte da historia de Galicia e que é mesmamente un símbolo identitario. Hoxe está en mans dun empresario que impón dubidosas prácticas laborais e actúa baixo criterios e con actitudes afastadas de calquera sociedade democrática.
Rogelia Mariña sabe ben desta situación, leva 44 anos na fábrica e 30 sendo a cara visible de UGT na factoría. Coa entrada do actual administrador único de Sargadelos, que accede tras un longo período de crise da fábrica, todo cambiou. Do diálogo e negociación pasouse ao menosprezo, á obstrución da labor sindical e á persecución sindical.
Rogelia Mariña tivo que sufrir  imposicións unilaterias de sancións, de suspensión de emprego e salario por parte deste empresario, que foron declaradas inxustificadas pola Xustiza. Un intento de despedimento no 2016, declarado nulo en primeira instancia, obrigando á empresa a readmitila e indemnizala. Pero nada disto impediu que Rogelia continuase a defender os intereses dos seus compañeiros.
O empresario utilizou todos os medios posibles para amedrentala, acusou a Rogelia e a UGT de ser causa dun quebranto á empresa dun millón de euros; e iniciou un proceso de despedimento de traballadores e traballadoras ameazando con pechar a empresa para obrigalos a recusar a Rogelia como delegada de persoal. O medo á perda do traballo levou a boa parte dos seus compañeiros a asinar un bochornoso documento.
Non se pode permitir que en pleno século XXI existan administradores únicos con esta catadura moral, que chegou a despedir a unha parte importante dos traballadores coa única finalidade de dobregar a vontade de Rogelia.
Se Sargadelos é patrimonio cultural de todos os galegos, aínda se está a tempo de defender a dignididade dos seus traballadores e traballadoras e deixar ben claro que a imposición e a persecución non son a alternativa ao diálogo e á negociación, e que UGT non vai consentir atropelos aos dereitos dos traballadores. 
Por iso, para defender a dignidade de todos os traballadores e traballadoras de Sargadelos, dende UGT pedimos que apoiedes a Rogelia Mariña fronte á persecucion sindical do administrador único de Sargadelos acudindo á manifestacón do vindeiro día 23.
 

Fuente: UGT-Galicia