UGT e CCOO convocan mobilizacións o 11 de febreiro para que o Goberno cumpra 

Fecha: 03 Feb 2021

Derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional

 

Os secretarios xerais de CCOO, Ramón Sarmiento, e de UGT, José Antonio Gómez, presentaron esta mañá en conferencia de prensa as mobilizacións que ambas as dúas organizacións convocan para o vindeiro 11 de febreiro en todas as cidades galegas agás Ferrol. O obxectivo das protestas é lembrarlle ao goberno que «agora si toca» cumprir co prometido no seu programa, en concreto derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo no 60% do salario medio ao remate da lexislatura.

«Urximos o Goberno a que cumpra os seus compromisos e retome a axenda sociolaboral, paralizada desde o mes de marzo, á marxe de cuestións puntuais como os acordos sobre os ERTE», apelou Gómez. Para o secretario xeral de UGT-Galicia, «é preciso poñerse xa a traballar» neste sentido, e amosou a súa preocupación de que sexa parte do Executivo estatal quen use o argumento de que «agora non toca».

Segundo José Antonio Gómez, é especialmente urxente a suba do SMI, porque afecta a moitas persoas traballadoras «ás que todas e todos aplaudimos durante a pandemia», como persoal dos coidados e da limpeza, que ademais son sectores moi feminizados; e porque son moitas as galegas e galegos que cuxos ingresos «practicamente se destinan só a sobrevivir».

As concentracións do 11 de febreiro serán «o inicio dun proceso de mobilización» co propósito de «sentar as bases dunha saída á crise, xusta, solidaria e que xere unha sociedade mellor», explicou o secretario xeral de CCOO de Galicia. En opinión de Ramón Sarmiento, «non é viable construír unha sociedade máis xusta» se a recuperación económica se asenta sobre a reforma laboral do 2012 e a das pensións do 2013, ambas as dúas impostas polo Goberno de Mariano Rajoy.

As ditas reformas «lograron o seu obxectivo», afirmou Sarmiento, que non foi outro que «desvalorizar os salarios, as condicións de traballo e os dereitos da clase traballadora». Segundo o dirixente sindical, «cómpre devolver o equilibrio ás relacións laborais», de xeito que as empresas non teñan a última palabra. Do contrario, augurou un «escenario post-covid» sen practicamente ningún atranco para acometer axustes de emprego pola simple caída dos beneficios económicos, «que non é o mesmo que a entrada en perdas», apuntou.

Concentracións 11 de febreiro

As concentracións convocadas por UGT e CCOO o 11 de febreiro serán todas ás 12 horas diante da Delegación do Goberno na Coruña e das Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra. En Santiago de Compostela, o escenario será na praza das Praterías, mentres que en Vigo será na farola da rúa de Urzáiz. Non haberá concentración na cidade de Ferrol, dado que as organizacións sindicais da bisbarra traballan para unha folga comarcal para o día 10 de marzo.

CONSULTA AS CONCENTRACIÓNS E OS MATERIAIS DA CAMPAÑA

Fuente: UGT-Galicia