UGT e CCOO chaman a cidadanía galega a secundar a folga de dúas horas por quenda este 8M e participar nas mobilizacións convocadas

As comisións executivas do S.N. de CCOO e UGT-Galicia fan un chamamento á cidadanía galega a secundar a folga de dúas horas por quenda convocada para mañá, día 8 de Marzo, contra a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.

As razóns sobran para que o 8 de marzo, Día internacional da muller de 2018, marque un antes e un despois na loita pola igualdade.

Lembrar que as dúas horas de folga por quenda serían entre as 00.00 e as 2.00 horas nas quendas de noite, entre as 12.00 e as 14.00 nas de mañá e entre as 19.30 e as 21.30 na de tarde.

A sociedade ten que dicir «basta» xa á situación das mulleres que, en vez de mellorar, constátase un claro retroceso. As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades. E, na suposta recuperación da economía, se ao conxunto da cidadanía lle custa participar, aínda máis ás mulleres.

A realidade urxía dar un paso máis. A taxa de actividade das galegas está case nove puntos por debaixo da dos homes e é 4,54 puntos inferior á do Estado. A taxa de temporalidade feminina é de 28,7 puntos, fronte aos 25,3 puntos que soportan os homes e, ademais, as diferenzas increméntanse nestes últimos anos. O “teito de cristal” segue aí, tan só o 2,3 por cento da poboación ocupada feminina está en postos de dirección ou xerencia. A igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. A taxa de desemprego feminina supera en 1,4 puntos á masculina e a súa diferenza increméntase dende o ano 2012. O 91,9 por cento das persoas que non acceden ao mercado laboral por ter que coidar menores, persoas adultas enfermas ou dependentes son mulleres. A brecha salarial é de 22 puntos, as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibir o mesmo salario que os homes nun ano. Do total da ocupación parcial, o 77,25 por cento afecta a mulleres. O 73,8 por cento das reducións de xornada seguen a ser solicitadas por mulleres e a brecha das pensións é de 37,7 puntos.

Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes lacras da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, 49 mulleres e 8 nenos e nenas foron asasinados. O recente Pacto de Estado contra a violencia amósase insuficiente e apenas recolle medidas de carácter laboral que son fundamentais para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.

Nesta data tamén hai que lembrar a situación de acoso sexual nos centros de traballo que, aínda que a Lei protexe contra estas situacións, as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego.

A realidade está aí, as estatísticas non son interpretacións, son constatacións dunha circunstancia social que, lonxe de mellorar, en moitos aspectos mantense e noutros agudízase. A muller incorpórase ao mercado laboral pero non o fai nas mesmas condicións que os homes, sofre salarios máis baixos, máis precariedade, maiores interrupcións na vida laboral por atencións familiares, tamén maiores renuncias a xornadas completas por coidados familiares, ben de fillos ou fillas ou de maiores, cústalles aínda a día de hoxe acceder a postos de responsabilidade...e todo isto reflíctese en prestacións máis baixas, tanto chegado o momento do desemprego como o da xubilación.

Por todo isto, UGT e CCOO insisten na necesidade de que as persoas traballadoras secunden a folga de dúas horas por quenda convocada para este 8 de Marzo, que sirva de símbolo de protesta e para dicir ata aquí, basta xa!. Ambos sindicatos tamén animan a participar nas concentracións da mañá (Ourense, A Coruña, Santiago, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ribadeo, Burela e Viveiro) e nas manifestacións da tarde que terán lugar nas cidades e vilas galegas.





Fuente: UGT-Galicia