UGT destaca os resultados excepcionais do emprego, pola reforma laboral

UGT pide dar continuidade ás políticas de protección de dereitos e abordar na próxima lexislatura a reforma das causas e o custo do despedimento

Fecha: 02 Ago 2023

paroago23

 

UGT destaca os resultados excepcionais do emprego, pola reforma laboral

UGT pide dar continuidade ás políticas de protección de dereitos e abordar na próxima lexislatura a reforma das causas e o custo do despedimento 

Santiago, 2 de agosto de 2023.- O Servizo Público de Emprego (SEPE) publicou hoxe os datos de paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo, reflectindo un novo aumento do emprego de 10.898 persoas afiliadas á Seguridade Social. Desta forma, a afiliación volve situarse en máximos, cunha cifra media de 1.078.128 en xullo, 19.935 persoas afiliadas máis que hai un ano. Pola súa banda, o desemprego volve descender por quinto mes consecutivo, reducíndose en 1.579 persoas paradas e contabilizando un total de 127.445, o dato máis baixo desde 1996. 

Estas cifras únense así ás rexistradas na última EPA, con 925.700 persoas asalariadas, e demostran que a economía atópase nun dos seus mellores momentos en canto a creación de emprego. Ademais, o máis relevante desta dinámica é que a expansión do emprego está a realizarse, grazas á reforma laboral de 2021, a través do emprego de calidade: a temporalidade na afiliación continúa rexistrando mínimos históricos, mentres que o contrato indefinido, que antes era practicamente residual, pasou a ser unha das principais modalidades de contratación nas empresas.

Por iso, para UGT-Galicia, os resultados que está a obter a reforma laboral son excepcionais. Antes de que entrase en vigor, a temporalidade achegábase ao 25%, mentres que agora, dezanove meses despois, o emprego temporal asentouse ao redor do 15%. Uns datos moi positivos, que están a permitir que se cumpra con fartura o que era o principal obxectivo da reforma, acabar coa excesiva temporalidade do mercado laboral, e que están a ter unha repercusión directa na calidade de vida das persoas traballadoras, que por fin deixaron de lado a precariedade e inestabilidade laboral propias do emprego temporal.

De feito, así o reflicte a evolución das estatísticas de contratación, nas que é posible observar o gran peso que foi adquirindo a contratación indefinida, pasando neste tempo do 9% a case o 30% do total de contratos asinados. En conxunto, os contratos indefinidos ascenden este mes a 22.567. Unhas cifras que, á fin e ao cabo, tradúcense en miles de persoas traballadoras que agora, grazas á reforma laboral, poden gozar da tranquilidade e seguridade necesarias para realizar satisfactoriamente os seus proxectos de vida, sen a inquietude propia de non saber se serán ou non renovados tras acabar os seus contratos temporais.

Por tanto, para UGT-Galicia, non hai dúbida de que a reforma laboral supuxo un antes e un despois no modo de entender as relacións laborais no noso país, deixando ao carón a crenza de que a única maneira de crecer é a través de precarización das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. E a mellor proba diso é o dinamismo e a solidez que está a mostrar a economía española neste contexto internacional tan difícil, crecendo por encima dos seus socios europeos e mantendo baixo control os niveis de inflación. Por iso, agora máis que nunca, é o momento de dar continuidade a todas esas políticas en materia laboral que profundan na protección de dereitos da clase traballadora e que quedaron no tinteiro da anterior lexislatura. Entre elas, a necesaria reforma das causas e o custo do despedimento, de forma que este recupere o efecto disuasorio e de reparación do dano que nunca debeu de perder.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 1.579 persoas con respecto ao mes anterior (1,2%) e no Estado esta cifra baixou un 0,4%. No ano tamén se rexistrou unha contracción do desemprego, baixando en 12.405 persoas, un 8,9% menos.

Así, o número total de desempregados sitúase en 127.445 persoas, a cifra máis baixa nun mes da serie histórica, dende 1996.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixou nun 1,77%, unha evolución máis acusada que no conxunto de idades, o que indica unha mellora de expectativas, e baixou no ano nun 10,20%.

Por sexos, o paro cae en ambos casos, entre as mulleres nun 0,42% e nun 2,37% entre os homes. No ano tamén baixou en ambos casos, o 10,20% entre os homes e o 7,921% entre as mulleres. Aínda así, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,41% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 75.713 mulleres, fronte a 51.732 homes.

En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos. Así, baixou un 3,84% no primario; un 2,55% na industria; o 2,28% na construción; un 1,20% no colectivo sen emprego anterior; e nun 0,81% nos servizos. No ano sucede o mesmo, baixa en todos, salvo no colectivo de sen emprego anterior. Baixa un 15,56% no primario; o 12,1% na industria; o 10,91% na construción; e o 9% no sector servizos; no colectivo de sen emprego anterior, pola contra, sube un 1,14%, o que podería vir dado polo feito de que as persoas que antes estaban desmotivadas vexan agora mellores expectativas.

Territorialmente, cae o desemprego no mes en todas as provincias, nun 0,53% en Lugo; o 1,48% en Pontevedra; o 1,13% na Coruña; e o 1,23% en Ourense. No ano baixa en todas as provincias, en Lugo nun 10,10%; 9,04% en Pontevedra; 8,09% na Coruña; e o 9,96% en Ourense.

O dato de contratación indefinida é do 29,73%, aínda por abaixo do resto do Estado onde é do 39,6%. Realizáronse en xullo un total de 75.906 contratos en Galicia, menos que no ano anterior pero de moita máis calidade.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 67,88%, e do 49,47%, no primario. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 28,29%, e na industria, do 22,89%.

En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 65,19%, con 76.573 persoas beneficiarias. Deste total, 38.541 perciben subsidio e a renda activa de inserción, 4.596, ambas importes asistenciais, e tan só 33.436 prestacións contributivas, o 43,7% do total.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.078.128 de media mensual, medrando un 1,02% no mes e un 1,88% no ano.

Fuente: UGT-Galicia