UGT alerta que a poboación en idade laboral descende en Galicia en case 40.000 persoas na última década

Fecha: 24 Jul 2017

Unha análise da evolución da poboación en idade laboral en Galicia, é dicir, aquela que ten 16 ou máis anos, reflicte unha tendencia negativa moi á baixa cunha perda de 39.400 persoas na última década, dende o primeiro trimestre de 2007, antes da crise, ao mesmo período do 2017.

Unha tendencia que resulta moi preocupante e que, evidentemente, ten detrás dúas causas, o efecto poboación dunha pirámide cada vez máis truncada e envellecida, e, por outra banda, un mercado laboral deficitario en oportunidades de futuro que obriga a moitos a saír fóra e impide sumar novos efectivos procedentes doutras comunidades ou países. Non obstante, esta é a pescada que se morde a cola. O envellecemento poboacional, motivado polos baixos índices de nacementos, de seguro, que ten, na maior parte dos casos, a súa orixe na falta de oportunidades de futuro e nun mercado laboral contraído e cada vez máis precario que bota para atrás os proxectos de futuro de descendencia das parellas máis mozas.

GALICIA É A SEGUNDA COMUNIDADE AUTÓNOMA CON MAIOR PERDA DE POBOACIÓN EN IDADE LABORAL

Ademais, hai que ter en conta que esta non é a tendencia da maioría das comunidades autónomas que si estiveron a gañar poboación en idade de traballar na última década. Pero é que Galicia, ademais de atoparse no grupo minoritario das que perden poboación, está á cabeza, só superada en termos absolutos por Castela e León, con 88.300 persoas menos. En termos relativos, Galicia (-1,65 por cento) é a terceira comunidade con maior perda, superada de novo por Castela e León (-4,09 por cento) e Asturias (-4,01 por cento).

Así, Galicia de representar o 6,35 por cento da poboación nesas idades no Estado no ano 2007, pasa a supoñer o 6,08 por cento.

A PERDA DE POBOACIÓN AFECTA MOITO MÁIS Á POBOACIÓN ACTIVA. UNHA MOSTRA MÁIS DA CONTRACCIÓN DO MERCADO LABORAL GALEGO

Outra das características do mercado laboral galego é que a baixada da poboación repártese de xeito desigual entre poboación activa e poboación inactiva. Afectando con máis intensidade á primeira, xa que a activa baixa en 26.200 persoas, fronte ás 13.100 da inactiva.

Isto é unha mostra máis da contracción do mercado laboral galego. Lembrar que a poboación activa engloba ás persoas que están empregadas e ás que queren estalo (poboación parada). Todo isto significa que dez anos despois do comezo da crise Galicia conta cun mercado de traballo máis pequeno, a caída en 26.200 persoas da poboación activa é froito da conxugación dun descenso de 132.000 persoas ocupadas e un incremento do desemprego en 105.800 persoas.

A ÚNICA VARIABLE DO MERCADO LABORAL QUE SE INCREMENTA EN GALICIA NA ÚLTIMA DÉCADA É O DESEMPREGO

Xa non é só que se reduza o mercado laboral, senón que dentro del aumenta o desemprego e diminúe a ocupación. En Galicia a única variable que medra nos últimos anos no mercado laboral é o desemprego.

Como consecuencia do anterior, a taxa de ocupación, que reflicte o número de persoas ocupadas en relación ás persoas activas, pasa do 48,8 por cento en 2007 ao 44 por cento en 2017.

Por idades, nos únicos tramos nos que se recupera totalmente a poboación ocupada dende o momento previo á crise en termos absolutos é entre as persoas maiores de 55 anos, con 34.100 máis na actualidade en relación ao 2007; entre os 45 a 54, con 20.100 máis; e nos tramos de 35 a 44 anos, con 8.200 máis.

A PERDA DE POBOACIÓN OCUPADA ENTRE OS MENORES DE 35 ANOS ACHÉGASE ÁS 200.000 PERSOAS

Pola contra, os tramos de 25 a 34 perden 141.200 persoas ocupadas; o de 20 a 24, baixan en 38.100; e entre os 16 e 19 anos descende en 15.100 persoas ocupadas.

En termos relativos, a redución da ocupación na década alcanza dimensións dramáticas nas idades máis novas. Mentres a perda de ocupación no conxunto de idades foi do 11,33 por cento, entre os 16 e 19 anos esta porcentaxe elévase ao 89,35 por cento; é do 51,28 por cento entre os 20 e 24 anos; e do 42,40 por cento entre os 25 e 34 anos.

CORRESPÓNDELLE AO GOBERNO DA XUNTA ARTICULAR MEDIDAS PARA POÑER FREO A ESTA REALIDADE

É evidente que a realidade estatística descrita esconde detrás unha realidade social, económica e laboral preocupante e que correspóndelle ao Goberno da Xunta mudar o rumbo. Urxen políticas que aposten por un novo contrato social, cun plan de choque polo emprego, loitando contra a precariedade, defendendo a igualdade efectiva entre homes e mulleres e avanzar no deseño dunha alianza polo sector industrial galego. Corrixir o efecto poboacional e o efecto desánimo que están detrás desta realidade está en mans do Executivo galego. O contrario, se esta foi a evolución nos últimos dez anos, pode ser nun prazo non moi amplo, que Galicia chegue a ser unha sociedade en recesión, cunha estrutura poboacional totalmente envellecida e cun mercado laboral condenado á parálise, o que poñería en dúbida a sustentabilidade do sistema e a posibilidade de xerar riqueza. Precisamente, a día de hoxe Galicia xa é a terceira Autonomía con maior déficit no referente aos ingresos por cotas, en relación co gasto en pensións. E un mercado laboral paralizado aínda pode agudizar máis esta situación.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, EMPREGO E SEGURIDADE SOCIAL DE UGT-GALICIA. LUIS BANEIRA. TELÉFONO: 606649157.​

Fuente: UGT-Galicia