Tras oito anos, urxe xa a derrogación da reforma laboral

Fecha: 10 Feb 2020

Hoxe a reforma laboral de 2012 cumpre oito anos, amosándose ineficaz, inxusta e inútil, non creou emprego, fomentou o despedimento, a temporalidade, a precariedade e os baixos salarios

Tras oito anos, urxe xa a derrogación da reforma laboral

No primeiro ano da implantación da reforma destrúense en Galicia 46.600 empregos. Baixan as horas traballadas nun 3,1%. A taxa de temporalidade pasa do 24,5 ao 26,4%. o 36% dos contratos temporais dura menos de sete días. Medraron en 24.400 os ocupados a tempo parcial e destruíronse 8.800 empregos a tempo completo. Os salarios perden 8,2 puntos de poder de compra.


 

Santiago, 10 de febreiro de 2020.- Hoxe, 10 de febreiro de 2020, a reforma laboral imposta polo Goberno do PP cumpre 8 anos. Foron 8 anos dunha reforma laboral ineficaz, inxusta e inútil que non só non creou emprego, senón que fomentou o despedimento, a temporalidade, a precariedade e os baixos salarios. Todo o contrario dos obxectivos que se desprenden da súa exposición de motivos (fomentar a creación de emprego, favorecer a contratación indefinida e reducir a dualidade laboral, favorecer a flexibilidade interna como alternativa á destrución de emprego e mellorar a empregabilidade dos traballadores). É dicir, un auténtico fracaso que levou a un modelo laboral menos eficiente e máis inxusto. Por todo elo, UGT-Galicia, neste oitavo aniversario, urxe a derrogación desta reforma laboral a todas luces ineficaz e inútil como se pode demostrar na análise que se acompaña.

A reforma laboral non serviu para crear emprego. Ao contrario, promoveu a súa destrución na fase de crise ao abaratar os despedimentos. E, ao facelo, favoreceu o autoritarismo fronte á flexibilidade negociada. Si é certo que a día de hoxe hai en Galicia 15.600 empregos máis que a finais de 2011, antes da reforma. E 94.000 persoas menos en situación de desemprego. Pero isto é froito, non da reforma laboral, senón do cambio de rumbo económico global.

Dende a imposición da reforma laboral pérdense en Galicia 78.500 activos e hai 13.000 inactivos máis

Ademais, a perda neste período de 78.500 activos e 13.000 inactivos máis matiza e desvirtúa en Galicia totalmente as cifras anteriores, así, a taxa de actividade pasa do 54,9% no cuarto trimestre de 2011 ao 53,1% no cuarto trimestre de 2019. Causado isto tanto pola perda de poboación en idade de traballar, como pola busca de oportunidades noutros lugares, sobre todo, dos máis mozos, e o efecto desánimo.

En Galicia no 2012, ano de implantación da reforma, destruíronse 46.600 empregos (29.600 asalariados con contrato indefinido), a maior destrución da historia só superada polo 2009 en plena crise

Un dos puntos fundamentais da reforma consistiu en facilitar o despedimento. Con elo, incentivouse o uso do despedimento como a medida prioritaria para recortar os custes das empresas en crise. Lonxe de fomentar a creación de emprego, alentou a súa destrución. En Galicia, do cuarto trimestre de 2011 ao cuarto trimestre de 2012 rexistráronse 29.600 despedimentos de asalariados con contratos indefinidos. Estas son as maiores perdas de emprego da historia, só por detrás das sufridas no 2009, en plena crise económica. A reforma, en lugar de frear a sangría con medidas de carácter negociado e conxuntural, optou por facilitar a vía do despedimento.

Por outra banda, está demostrado que a creación de emprego dende 2014 non se debe á reforma, senón á mellora económica e ven da man do aumento do PIB.

Se ben o número de ocupados medra entre o 2011 e o 2019 nun 1,4%, as horas traballadas por persoa baixan nun 3,1%, derivado isto da maior discrecionalidade outorgada ao empresario coa reforma laboral

Si resulta evidente que agora hai máis ocupados, pero tamén non se pode esquecer que se traballan menos horas. Do 2011 ao 2019 o número de ocupados medrou nun 1,4% en Galicia pero as horas traballadas por persoa baixaron nun 3,1%. Neste senso, esta Comunidade rexistra unhas estatísticas moito máis negativas que o resto do Estado, onde o número de ocupados medrou nun 4,3% e as horas traballadoras baixaron nun 0,9%. Isto é en parte consecuencia do auxe do contrato a tempo parcial, do aumento da rotación laboral, derivado todo da maior discrecionalidade outorgada ao empresario na xestión do emprego coa reforma laboral de 2012.

Disto derívase que a reforma laboral se convertese nunha das grandes responsables do aumento do precariedade laboral. Hoxe o emprego é de peor calidade, máis inestable, menos seguro e peor pagado.

A taxa de temporalidade pasa do 24,5 ao 26,4%

En 2011 a taxa de temporalidade era en Galicia do 24,5% e pasou no 2019 ao 26,4%. Este aumento da temporalidade percíbese máis dende 2014, cando a economía comezou a medrar de novo tras a crise. De 2013 a 2019 a taxa de temporalidade creceu 3,7 puntos nesta Comunidade (do 22,8 ao 26,5).

Este é un comportamento habitual da creación de emprego nas fases de expansión neste país, ao igual que se destrúe con moita rapidez o emprego temporal na crise. Pero o feito de que nesta nova fase de crecemento se volva a poñer de relevo resulta un indicador evidente de que as medidas adoptadas na reforma de 2012 non modificaron en absoluto esta situación.

A reforma non impulsou os contratos indefinidos. Cada mes, de cada cen contratos asinados, 92 son temporais

Analizando o número de contratos rexistrados, o resultado é o mesmo: a reforma non impulsou apenas a realización de contratos indefinidos. Cada mes, de cada cen contratos asinados, 92 son de carácter temporal.

En 2012, o 28,8% dos contratos temporais tiña unha duración inferior ao 7 días en Galicia e no 2019 esta cifra subiu ata o 36%

Coa reforma laboral tamén aumentou a rotación. Non só os contratos non se fixeron máis duradeiros e estables, senón que se fixeron claramente máis volátiles e inestables. Un indicador de elo é que os contratos temporais realizados son cada vez de máis curta duración. En 2012 o 28,8% dos contratos temporais asinados tiña unha duración inicial inferior aos 7 días en Galicia e no 2019 esta cifra subiu ata o 36%.

Pero é que os contratos indefinidos tamén se volveron máis inestables. No 2019 para consolidar 12.500 novos asalariados con contratacións indefinidas, tiveron que asinarse un total de 49.820 contratos indefinidos.

Á vista dos datos, parece evidente que os importantes cambios que a reforma laboral realizou para facer máis fácil e barato o despedimento provocaron un aumento da inestabilidade xeral da contratación, tanto da temporal como da indefinida.

Aínda que xa derrogado, o mal chamado contrato de apoio a emprendedores, que a reforma laboral creou, foi un exemplo máis da inútil precarización dos contratos indefinidos. No ano 2013, primeiro de operatividade deste contrato cun ano de despedimento de custe cero, realizáronse 4.255 contratos deste modalidade, en 2018 foron 14.340, 3,4 veces máis.

Máis da metade dos contratos indefinidos de apoio a emprendedores non superaba o ano de duración, demostrando a utilización perversa desta figura contractual, funcionando en realidade como un contrato temporal sen custe.

A reforma tamén trouxo consigo o incremento do uso do contrato a tempo parcial como unha figura precaria, incluso permitindo a realización de horas extraordinarias, pero sen adoptar as medidas necesarias para que se convertese nunha figura de uso esencialmente voluntario por parte do traballador. Non se pode esquecer que no 2013 cambiáronse as horas extraordinarias polas chamadas horas complementarias, en detrimento da conciliación da vida persoal a familiar da persoa traballadora.

Dende a entrada en vigor da reforma laboral medraron en 24.400 os ocupados con contrato a tempo parcial pero é que paralelamente destruíronse 8.800 empregos a tempo completo

Dende a entrada en vigor da reforma laboral en Galicia incrementáronse en 24.400 os ocupados a tempo parcial e, paralelamente, destruíronse nada máis e nada menos que 8.800 a tempo completo. Neste período baixou a contratación a tempo completo nun 1% e subiu un 19% a contratación a tempo parcial. Disto derívase unha taxa de parcialidade no emprego que aumentou en dous puntos, do 12 ao 14%.

Os salarios perden en Galicia ao redor de 8 puntos de poder de compra, a pesar da fase de expansión económica

Os salarios tamén sufriron as consecuencias negativas da imposición da reforma laboral hai oito anos, xa que a negociación colectiva quedou desequilibrada a favor das empresas. Deste xeito, de 2011 a 2017 os salarios perderon en Galicia ao redor de 8 puntos de poder de compra, todo isto, a pesar da notable fase de expansión da economía dende o ano 2014 que conduce a un incremento dos excedentes das empresas, pero non das rendas das persoas asalariadas.

A todo isto, súmaselle que a reforma laboral de 2012 non implicou apenas ningunha medida que mellora a empregabilidade das persoas. Nun contexto de recaída na recesión, debido á aplicación dunha estratexia económica profundamente errónea, o financiamento das políticas activas de emprego recortouse no bienio 2012-2013 en Galicia en 137 millóns de euros, ao pasar de 340 no 2012 aos 202 de 2013.

Ademais, as medidas de suposto fomento á contratación que acompañaron ás diferentes actuacións da reforma consistiron esencialmente en bonificacións aos contratos, que é unha liña de actuación sobre a que actualmente existe un amplo consenso entre os expertos acerca da súa ineficiencia, posto que logra escasos resultados e moi alto custe.


 

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE ORGANIZACIÓN E ADMINISTRACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ LUÍS FERNÁNDEZ CELIS. TELÉFONO: 638033482.

Fuente: UGT-Galicia