Para o secretario xeral de UGT-Galicia, hoxe ábrese unha porta para a reconstrución cun mellor aproveitamento e planificación dos recursos

Fecha: 23 Sep 2020

Para o secretario xeral de UGT-Galicia, hoxe ábrese unha porta para a reconstrución cun mellor aproveitamento e planificación dos recursos

UGT-Galicia asina coa Xunta, CEG e CCOO a “Declaración para a reactivación económica e social de Galicia”

Santiago, 23 de setembro de 2020.- O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto co presidente da Xunta e os máximos responsables da CEG e do S.N. de CCOO de Galicia, asinaron hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago, dentro do marco do diálogo social, a “Declaración para a reactivación económica e social de Galicia” que se contextualiza nunha situación económica e social, a causa da pandemia que se está a vivir, moi difícil, tanto en Galicia como no resto do Estado, cunha perda de 14,5 puntos do PIB nesta Comunidade.

Esta situación esixe dun traballo conxunto, como se constata hoxe coa sinatura desta declaración e cos seus obxectivos, para reconstruír social e economicamente un novo país.

No acto de sinatura desta declaración, hoxe en Santiago, o secretario xeral de UGT-Galicia iniciou a súa intervención lembrando a todas as vítimas da pandemia e tivo palabras de especial recoñecemento para os traballadores e as traballadoras que estiveron en primeira liña durante os peores momento desta crise.


 

Para Gómez, a reconstrución que hoxe arranca tense que facer sobre bases sólidas, en liña co que reclama o conxunto da sociedade que tamén demanda diálogo, consensos e medidas eficaces para saír desta crise e construír un futuro mellor.

Trátase de traballar entre todos por unha concertación viva cas máximas certezas posibles que axude a reparar os problemas detectados durante esta pandemia pero tamén as eivas históricas que ten esta Comunidade.

UGT-Galicia amosa o seu compromiso de seguir avanzando na senda do diálogo social e intensificar o seu traballo co fin de acelerar a reactivación económica e a creación de emprego de calidade, reforzar os servizos públicos e lograr un crecemento sólido, inclusivo e sustentable

Nesta orde cousas, UGT-Galicia amosa hoxe o seu compromiso de seguir avanzando na senda do diálogo social, intensificar as xuntanzas e o traballo conxunto co fin de acelerar a reactivación económica e a creación de emprego de calidade, reforzar os servizos públicos e lograr canto antes un crecemento sólido, inclusivo e sustentable que reforce a cohesión social.

O secretario xeral de UGT-Galicia fixo fincapé en que os representantes públicos e neste caso os representantes dos traballadores teñen a obriga de xerar confianza en momentos de incerteza como os actuais.

A sociedade esixe respostas que non poden agardar máis e hai que traballar para que non quede ninguén atrás

Neste senso, hoxe queda aberta unha porta á reconstrución que debe pasar por un maior esforzo en investimentos públicos; fixar o diálogo social como o marco idóneo para a reorientación estratéxica dos próximos fondos europeos co fin de encamiñar a transformación económica e social de Galicia. A sociedade esixe respostas que non poden agardar máis e temos a obriga de traballar para que non quede ninguén atrás.

Competitividade empresarial

Así, no documento asinado hoxe apóstase, para lograr este fin, pola competitividade empresarial, a través de instrumentos que impulsen a transformación baseada na innovación; a dixitalización; a inversión na industria e en servizos que xeren emprego de calidade, o acceso a financiamento; a transición enerxética xusta; a modernización do sector primario; a reactivación da demanda, co apoio específico aos sectores afectados , autónomos e pemes; o impulso do rural e da Galicia verde; e a sustentabilidade do noso tecido produtivo.

Emprego

No eido das políticas de emprego, hai que buscar garantir medidas de apoio no novo contexto laboral post Covid-19 vinculadas á recuperación da confianza e á seguridade laboral; a mellora dos ERTES; novas fórmulas de traballo, nomeadamente o teletraballo, a formación para os novos tempos; maiores facilidades para a conciliación e a igualdade laboral; ou o impulso do emprego autónomo e a modernización do sistema de orientación laboral.

Servizos públicos

A terceira pata desta declaración e da liña de traballo que hoxe nos propoñemos é o reforzamento dos nosos servizos públicos, especialmente a sanidade, a educación, os servizos sociais e a dependencia e a protección social, mellorando a calidade dos empregos, das prestacións e dos servizos ós cidadáns.


 

Fuente: UGT-Galicia