A pandemia deixa aínda máis tocado o mercado laboral xuvenil galego

Fecha: 11 Ago 2020

Neste 12 de agosto, Día internacional da Xuventude, UGT-Galicia reclama medidas específicas para paliar as grandes carencias do mercado laboral xuvenil galego, que xa existían e que se agravaron por mor da COVID-19

A pandemia deixa aínda máis tocado o mercado laboral xuvenil galego

7.300 mozas e mozos desempregados máis, unha perda de poboación activa de máis de 27.000 e 24.300 persoas inactivas máis

Santiago, 11 de agosto de 2020.- O conxunto do mercado laboral, xa con grandes eivas antes, está a verse afectado moi negativamente por mor das consecuencias da COVID-19. Pero no caso do mercado laboral xuvenil, no que as eivas eran máis profundas, a afectación por mor da pandemia está aínda a ser maior, cun volume moi alto de crecemento do desemprego entre as persoas máis mozas; perda de poboación activa que supera as 27.000 persoas e 24.300 inactivas e inactivos máis, segundo os datos da EPA do segundo trimestre de 2020. Por todo isto, UGT-Galicia, co gallo do Día internacional da Xuventude, que se celebrará mañá, insta ás administracións, tanto ó Goberno central como á Xunta a que poñan xa enriba da mesa as medidas necesarias para poñer a andar un mercado laboral en Galicia que ofreza ás persoas máis novas oportunidades de emprego digno, estable e de calidade, que lles permita afrontar un proxecto de vida independente. Xa non hai lugar a máis dilacións. É certo que o mercado laboral en xeral, pero aínda máis o da xuventude, xa amosaba moitas carencias en Galicia antes da pandemia pero coa crise sanitaria estas eivas agudizáronse e deixan aos mozos e mozas galegas que están no mercado laboral e ás que queren acceder a el, nunha situación complexa que urxe resolver.

PREME AQUÍ PARA ACCEDER Ó CONTIDO ÍNTEGRO DA NOTA DE PRENSA

Fuente: UGT-Galicia