O Comité Nacional de UGT-Galicia reuniuse hoxe en Santiago

Deberes de cara ao 18F, abordar o reto demográfico, revalorizar o rural, modernizar o tecido produtivo, mellorar o emprego, infraestruturas máis modernas, estimular e reter talento e potenciar as enerxías renovables

O Comité Nacional de UGT-Galicia insta a Alcoa a que cumpra co pactado, que faga efectivos os investimentos e proceda ao rearranque da fábrica nas datas previstas

Deberes de cara ao 18F, abordar o reto demográfico, revalorizar o rural, modernizar o tecido produtivo, mellorar o emprego, infraestruturas máis modernas, estimular e reter talento e potenciar as enerxías renovables

O Comité Nacional de UGT-Galicia manifesta que os Orzamentos da Xunta terían que servir para mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas e consolidar a economía 

Santiago, 25 de xaneiro de 2024.- Hoxe reuniuse en Santiago o Comité Nacional de UGT-Galicia, o máximo órgano de dirección do Sindicato entre Congresos, e do que forman parte a Comisión Executiva de UGT-Galicia e unha representación de cada un dos organismos, das tres federacións de nacionalidade e das unións comarcais. Neste Comité analizouse a situación actual e puxéronse enriba da mesa propostas de cara ao futuro, tanto no eido social, como laboral e económico de Galicia.

Neste contexto, na análise da situación sociolaboral, abriuse un debate sobre os Orzamentos da Xunta de 2024 que, para o Comité, deberían ser unhas contas que desen resposta ás profundas dificultades que están padecendo as familias nun contexto cheo de incertezas, polo panorama internacional, que se suma xa a catro anos moi difíciles para os galegos e galegas, coa pandemia, guerra en Ucraína, suba dos prezos enerxéticos, escalada inflacionista dos alimentos...

Pero, ante esta realidade, UGT-Galicia entende que a Xunta desaproveita o volume máis importante de recursos dos que dispón na súa historia para mellorar as condicións de vida dos galegos e das galegas e para consolidar a economía e o tecido produtivo.

UGT-Galicia non comparte a política fiscal regresiva da Xunta

Volume de ingresos que vén dado, en gran medida, polo sistema de financiamento, aumentando os ingresos finalistas do Estado en 496 millóns de euros, mentres que nos ingresos da súa competencia o Goberno galego segue apostando polas rebaixas fiscais, deixando así de percibir 686 millóns de euros. UGT-Galicia non comparte estas políticas fiscais regresivas nunha conxuntura como a actual que require recadación para manter o principio de equidade e redistribución co fin de reforzar o gasto social e o investimento.

O Comité cualificou os Orzamentos como moi pouco ambiciosos porque non aproveitan o incremento do PIB para mellorar o modelo produtivo, consolidar o crecemento do emprego de calidade ou recuperar o gasto público destinado ás persoas e a capitalización do país.

Crecemento da débeda

Tamén se fixo unha crítica do crecemento espectacular da débeda acumulada dende 2008. O recurso á débeda increméntase, así, de 3.954 millóns de euros en 2008 a 12.333 millóns de euros no segundo trimestre do ano 2023, triplícase con respecto a 2008. De representar o 6,7% do PIB no primeiro ano analizado chega ao 16,7% no segundo trimestre do ano 2023.

O Orzamento non garante a converxencia coa UE en educación e sanidade

Co Orzamento non se vai garantir a converxencia coa UE nin en materia sanitaria nin educativa, con incrementos por debaixo do aumento do 4,6% do total dos orzamentos. Os orzamentos de sanidade aínda non conteñen os recursos necesarios para mellorar a saúde das galegas e os galegos, que seguen padecendo longas listaxes de espera, deficiencias tanto na atención primaria coma na especializada ou directamente ausencia de atención en saúde mental, por citar algún exemplo.

En política social, aínda que aumentan de maneira significativa os recursos con 133 millóns máis, non mellora a atención ás persoas, nin ás dependentes, nin ás perceptoras da RISGA, nin ás de pensións non contributivas, nin ás que se atopan en situación de exclusión social, e as prazas residenciais que entrarán en funcionamento en 2024 son de residencias construídas e doadas por Amancio Ortega á Xunta de Galicia que se entregan á xestión privada concertada. Ata o de agora, oito de cada dez prazas están en mans privadas, mentres que as públicas, un total de 5.163, unicamente representan o 22 % das totais.

UGT-Galicia pon de manifesto que se presentan medidas enganosas como novas, como é o complemento de 1.200 euros para o bono de residencias e a axuda de 5.000 euros para coidado na casa de persoas dependentes.

Urxen as leis de participación institucional e de negociación colectiva no eido estatal

O Comité tamén puxo de manifesto a urxencia de desenvolver unha Lei de participación institucional que recoñeza o papel central que outorga a Constitución aos interlocutores sociais ante as ameazas da ultradereita naquelas comunidades autónomas nas que entra no Goberno. Esta Lei tamén debe vir acompañada dunha Lei de negociación colectiva que reforce a liberdade sindical e o dereito á negociación colectiva dos traballadores e traballadoras, e así promover a paz social e a solución autónoma dos conflitos laborais o que, sen dúbida, contribuirá ao desenvolvemento económico e social do país, mediante a mellora da produtividade, a competitividade e a calidade do traballo. Unha lei que protexa e dote de medios suficientes á negociación colectiva como un instrumento fundamental para regular as relacións laborais, na que debería de incluírse a ordenación e financiamento dos plans de igualdade.

Demandas de cara ao 18F

A cita electoral do vindeiro 18 de febreiro tampouco pasou desapercibida para o Comité que lle puxo deberes ás forzas políticas que concorran ao proceso. O reto demográfico debe ser un dos principais obxectivos porque, de continuar a tendencia actual, a perda poboacional podería ser dun 5%.

Outro dos obxectivos no que se debe traballar como sociedade é na revalorización do rural, converter este espazo nunha alternativa real provista das ferramentas necesarias para que as persoas, as familias, se poidan asentar neste contexto, poidan traballar nel e afrontar no rural e dende o rural o seu proxecto de vida e non como unha prolongación do urbano, senón como un espazo con entidade propia.

Galicia tamén precisa crecer economicamente e mellorar os seus niveis de produtividade, así como os seus indicadores en materia de emprego. O tecido económico galego ten numerosas eivas que precisa corrixir, falta de dimensión, escasa dixitalización e, no laboral, taxas de ocupación e actividade moi diminuídas.

Se ben é certo que a nivel industrial a nosa Comunidade conta con certas potencialidades, o téxtil, a automoción ou o sector agroalimentario, hai que darlle unha volta. Hai que actualizar e reinventar o tradicional pero apostar tamén dun xeito decidido por sectores de alto valor engadido como o tecnolóxico. Chegado este punto, hai que apostar polo agrupamento empresarial, xa que o decorrer da historia demóstranos que as grandes empresas resisten mellor as crises que o modelo de microempresas que impera en Galicia. É dicir, a clave está no binomio industria básica e xeración de novas oportunidades.

Para traballar por este reto, cóntase cunha ferramenta, os fondos europeos, para avanzar cara o cambio de modelo produtivo marcado por actividades de alto valor engadido que avancen na dixitalización e na transición cara unha economía verde sen deixar a ninguén atrás.

Pero todo isto é impensable sen un trazado de infraestruturas moderno, interconectado, similar ao que teñen nos países da nosa contorna, onde se prime o ferrocarril de proximidade e coa extensión do Corredor Atlántico.

En termos máis humanos, na modernización do tecido produtivo galego, xogará un papel clave o capital humano, polo que hai que garantir a súa formación e capacitación profesional. Aquí hai que apostar decididamente pola innovación, estimulando, retendo e captando talento.

Retos todos eles que deben ser abordados baixo o paraugas da sostibilidade. Hai que afrontar o futuro cun modelo de desenvolvemento medioambientalmente sostible e socialmente inclusivo.

Neste senso, Galicia é unha comunidade privilexiada con recursos naturais que lle deberían permitir ser unha potencia enerxética en renovables sostibles medioambientalmente. Pero, para aproveitar esta circunstancia, Galicia debe dotarse dunha implicación pública que dea seguridade xurídica aos proxectos, como no caso do sector eólico, no que a participación pública acaba de dar un paso cara diante. Hai que aproveitar a oportunidade e integrar a enerxía renovable no desenvolvemento da economía. Pero isto non pode levarse a cabo a calquera prezo, as autorizacións eólicas deben garantir a integración social, o respecto medioambiental e o axeitado consenso coa veciñanza.

Resolución de urxencia para demandar que Alcoa cumpra co asinado e San Cibrao

O Comité Nacional de UGT-Galicia tamén aprobou unha resolución de urxencia, presentada por UGT-FICA-Galicia, na que se denuncia a situación que a multinacional Alcoa está a crear na súa planta de San Cibrao en Lugo coa intención de incumprir o pacto ao que se chegou cos representantes sindicais no ano 2021. O que suporía non facer efectivos os investimentos e non proceder ao rearranque da fábrica nas datas previstas. A isto Alcoa comprometeuse cos sindicatos e coas administracións, polo que o Sindicato insta á multinacional a que cumpra co asinado.



 



 



 



 



 

Fuente: UGT-Galicia