O cambio climático, un importante risco para a seguridade e a saúde no traballo

Fecha: 15 Abr 2024

clima28A24

 
 
É intolerable que en 2023 se teñan producido 624.911 accidentes de traballo con baixa (30.423 en Galicia) e 721 mortes (56 en Galicia) polo mero feito de ir traballar.
 
No manifesto presentado co gallo do 28 de abril, queremos incidir en como as transformacións que está a experimentar actualmente a humanidade impactan na forma de vivir, no mundo do traballo e na saúde da clase traballadora.
 
A transición demográfica, con sociedades cada vez máis envellecidas en occidente, debe terse en conta á hora de xestionar os riscos para a seguridade e saúde no traballo, sen perder de vista que son, os máis novos os que rexistran as maiores incidencias en canto a accidentes ocorridos durante a xornada laboral.
 
A dixitalización do mundo do traballo tamén está a afectar á saúde das persoas traballadoras. A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial, acaban provocando serios problemas de saúde física e mental entre as traballadoras e os traballadores. A epidemia de saúde mental que aflorou nos últimos tempos non é allea a estes factores laborais. Neste día tan sinalado, desde UGT reiteramos a necesidade de controlar que se garanta o dereito a contornas de traballo seguras e saudables.
 
Ademais, queremos poñer o foco de atención especialmente, na transición climática, cuxos efectos xa se están sentindo tanto na sociedade como na contorna laboral, sendo o noso país una das áreas máis vulnerables segundo os expertos. As altas temperaturas xa se cobraron a vida de traballadores e traballadoras. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao Cambio Climático. Por tanto, reivindicamos unha maior prevención da exposición a temperaturas extremas nas empresas, pero sen esquecer outros fenómenos asociados ao Cambio Climático: fenómenos meteorolóxicos extremos, avance de enfermidades de transmisión por vectores, aumento da exposición a radiación solar…
 
Consideramos que todos estes retos para a prevención de riscos laborais deben formar parte do debate na Mesa de Diálogo Social sobre Saúde e Seguridade no Traballo aberta, xunto coa mellora da calidade da xestión da prevención nas empresas, o subrexistro de enfermidades profesionais, empezando polo cancro laboral e o reforzo do marco normativo para a prevención efectiva dos riscos psicosociais, entre outros.
 
Como cada ano, dende UGT renovamos o noso firme compromiso de seguir traballando para conseguir acabar coa secuela da sinistralidade laboral, que a seguridade e saúde no traballo sexa un dereito real e efectivo e sitúese no centro de todas as políticas públicas.

 

MANIFESTO 28 ABRIL

Fuente: UGT-Galicia