A Fundación Tilve entrega os premios “Traballo digno" a José Carrillo e Suso Díaz

Hoxe a Fundación Luís Tilve entregou en Santiago os premios "Traballo digno 2023" aos sindicalistas de recoñecida traxectoria José Carrillo, quen fora secretario xeral de UGT-Coruña, e Suso Díaz, quen fora secretario xeral do S.N. de CCOO de Galicia.

 

A Fundación Luís Tilve entrega os premios “Traballo digno 2023” a José Carrillo e Suso Díaz

Hoxe, o edificio Cersia, en Santiago, acolleu o acto de entrega dos Premios Traballo Digno 2023 da Fundación Luís Tilve, que nesta edición recaeron en dous sindicalistas de recoñecida traxectoria: José Carrillo Souto e Suso Díaz Díaz, pola súa labor incansable na defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores e pola súa loita na procura, precisamente, da dignificación do traballo. 


Ambos premiados presentan unhas biografías similares. Nados en familias numerosas, de esquerdas, dedicadas ao traballo do campo, teñen que empezar a traballar de moi novos para axudar na economía familiar, José Carrillo no comercio e logo na fábrica de Armas de Santa Bárbara na Coruña e Suso Díaz no estaleiro de Astano. Alí descubrirán a precariedade e a carencia de dereitos laborais, convenios e seguridade, o que os levará, xunto a outros compañeiros, á loita obreira nunha época na que reclamar dereitos era un acto de valentía, reprimido duramente pola ditadura franquista. Carrillo o faría dende as filas da UGT e do PSdeG-PSOE e Díaz dende CCOO e o PCE pero ambos cun mesmo obxectivo, garantir uns traballos dignos, primeiro, fronte ao franquismo e, logo, fronte ás políticas neoliberais. Os dous o farían, ademais, de maneira exemplar, dende relevantes cargos nas súas respectivas organizacións sindicais, Carrillo como secretario xeral de UGT-Coruña (1992-2020) e Díaz como secretario xeral do S.N. de CCOO de Galicia (1989-2000). 


Abriron o acto o presidente da Fundación, José Benito Núñez, e o presidente de honra, Fernando González Laxe que tiveron unhas palabras de recoñecemento á traxectoria dos premiados e tamén repasaron o traballo desenvolvido pola Fundación e como foi a traxectoria destes premios nestes últimos anos.
Tras a recollida dos premios, interviñeron José Carrillo e Suso Díaz.


Carrillo destacou a labor que está a desenvolver a Fundación Luís Tilve, tanto a nivel da recuperación da memoria histórica, como o traballo do arquivo e da organización anual dos premios. Pero, sobre todo, ensalzou a necesidade de seguir na liña de recuperación da memoria histórica en tempos como os que corren coas ameazas continuas dos movementos de ultradereita sobre a democracia. Neste senso, apuntou que non está todo feito, hai que seguir traballando.
Tamén fixo extensivo este premio ás persoas, homes e mulleres, que compartiron con el executivas da Unión e das federacións. 


Pola súa banda, Suso Díaz, salientou o feito de que sexa o sindicato UGT quen lle outorgue este premio, isto é unha novidade que se debería tomar como exemplo. Incidiu moito na importancia da unidade de acción, unha ferramenta básica que permitiu os grandes logros sindicais da democracia neste país co fin de que os traballadores e traballadoras gocen de máis e mellores dereitos.


Palabras de lembranza para Suso Mosquera


Ambos galardoados tamén tiveron unhas sentidas palabras de lembranza para o compañeiro Suso Mosquera, o que provocou os aplausos de todos os asistentes.
Xa no acto de clausura o primeiro en tomar a palabra foi o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, que lembrou unha frase de Saramago que dicía que “somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos” e amosou o orgullo do Sindicato por traxectorias como a de Carrillo e Díaz, polas responsabilidades asumidas en tempos realmente difíciles e pola súa gran contribución, como moitos compañeiros de xeración, ao gran salto social e democrático que experimentou o país ao longo destes últimos 45 anos.


José Antonio Gómez reivindicou ás organizacións sindicais e o papel que protagonizaron no fortalecemento dos valores democráticos e nos avances sociais do país


Neste senso, reivindicou ás organizacións sindicais e o papel que protanizaron no fortalecemento dos valores democráticos e nos avances sociais do país. Aínda que, apuntou, que queda traballo por facer. En Galicia os retos son claros, máis e mellor emprego; abordar xa o reto demográfico; crecer economicamente e mellorar os niveis de produtividade; aumentar o salario e a renda real; corrixir as eivas do tecido económico; fortalecer en materia industrial o tradicional e apostar por sectores de alto valor engadido como o tecnolóxico; dispoñer dun trazado de infraestruturas moderno onde se prime o ferrocarril coa extensión do Corredor Atlántico; traballar na revalorización do rural; e reforzar as políticas activas de emprego e a formación continua. Todos estes retos hai que abordalos baixo o paraugas da sostibilidade e sen deixar a ninguén atrás. 


Agradecemento aos premiados pola senda aberta hai anos na loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras nun contexto especialmente complexo
Rematou agradecendo á Fundació a organización deste acto porque para afrontar o futuro hai que parar e mirar cara o pasado e agradeceu aos premiados pola senda que abriron hai anos na loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras nun contexto moi complexo. Agora hai que seguir traballando porque nada está gañado, os dereitos hai que loitalos todos os días. 


De seguido, o presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considerou que o traballo e a loita sindical de Carrillo e Díaz con moitos sacrificios persoais, aínda así, pagou a pena por gozar hoxe de moitos dereitos. E, como noutras das intervencións, recoñeceu que aínda queda moito por facer e conquistar, sobre todo, nun contexto como o actual de ameazas globais.


Pola súa banda, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, recoñeceu que os galardoados son dúas persoas que xa forman parte activa da nosa democracia e da historia do movemento sindical do país.


A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, comezou a súa intervención recoñecendo, ademais da andaina dos premiados, a figura de Fernando González Laxe, o que fora presidente da Xunta, por abrir as portas á Galicia da modernidade.


Considera que é unha obriga explicarlles ás novas xeracións a loita sindical e como esta foi fundamental na conquista dos dereitos laborais e sociais dos que se goza hoxe en día.


Destacou o modelo ético e de entereza que representan Carrillo e Díaz e tamén louvou a iniciativa e o traballo desenvolvido pola Fundación Luís Tilve.
Insistiu en que o sindicalismo non é só pasado, é presente e futuro e que non pode haber democracia sen sindicalismo que é, precisamente, a garantía para ensanchar a democracia.


O sindicalismo ensancha a democracia


Tamén destacou o papel, neste ensanchamento da democracia que está a xogar o diálogo social e como, froito deste, asúmense compromisos como o realizado hoxe de subir o SMI este ano un 5%, o que vai beneficiar a 127.000 galegos e galegas.Tamén se comprometeu, dentro tamén da senda do diálogo social, á reforma do subsidio de desemprego para protexer a quen máis o necesita. 


Tivo unhas palabras para Suso Díaz, o seu pai, a quen lle recoñeceu que o seu compromiso foi forxado na súa propia casa co que viviu dende a súa nenez.


Recoñecemento do traballo realizado pola Fundación


Pechou o acto o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que tamén recoñeceu o traballo da Tilve e coincidiu coa ministra en que o sindicalismo é o elemento que ensancha a democracia e os sindicatos son os instrumentos fundamentais para a democracia e o progreso das persoas.


Preguntouse como sería a nosa sociedade actual sen homes como Pepe e Suso. Por isto, considera que non caben preguntas como se sobran ou non os sindicatos. 
Son máis necesarios que nunca, son actores que converxen nunha sociedade máis xusta e igualitaria. 


Canto máis peso teñen as organizacións sindicais nunha sociedade, máis xusta e igualitaria será esta.

ACCESO Á GALERÍA DE IMAXES DO ACTO
 

Fuente: UGT-Galicia